Que non nos rouben a pensión

Dominio Público

Unha das bases mais sólidas do estado de benestar son as transferencias públicas e dentro delas as pensións ocupan un lugar serodio xa que chegan a millóns de familias e supoñen un firme apoio a estas (son a súa renda) que así, en moitos dos casos, poden evitar caer na pobreza e na exclusión. Galicia é unha das comunidades nas que estas transferencias públicas teñen un maior peso polo elevado número de familias que as perciben: unhas 790.000 segundo datos da Seguridade Social. Velaí que estes beneficiarios/as -pensionistas- deberíamos estar moi atentos sobre as decisións que os gobernos de torno tomen sobre a materia e agora en especial sobre o resultado das eleccións do día 29 por que nos xogamos moito.

Neste marco o goberno de progreso (PSOE/Sumar) nestas dúas lexislaturas demostrou con feitos estar seriamente interesado en melloralas condicións de vida dos pensionistas algo do que deu proba hasta o último momento: un Consello de Ministros celebrado nestes días aprobou, por vía urxente, o decreto de revalorización das prestacións, de acordo ao IPC, e de garantía do poder adquisitivo dos pensionistas. Con esta decisión o goberno de progreso da cumprimento a unha das súas promesas en relación aos/as pensionistas nun momento moi importante dada a alza inflacionista.
 

Mantemento do poder adquisitivo das pensións públicas

Para unha mellor perspectiva de que pasou coas revalorizacións das pensións comparemos o sucedido cando gobernaron as dereitas, por caso, con gobernos dirixidos por Mariano Rajoy (2011-2018) e cando gobernaron as esquerdas con Pedro Sánchez (2018-2026). 

O goberno conservador de Mariano Rajoy desligaría (2013) a suba das pensións do IPC e, por medio dunha lei reguladora do factor de sostibilidade, fixaría unha suba mínima do 0,25% e unha máxima do 0,5% que non garantían o mantemento do poder adquisitivo das pensións. Esto provocaría que nos anos seguintes (2013-2018) e agás os anos 2014 e 2015 as pensións medraran por baixo do IPC, en definitiva que perderan poder adquisitivo. O goberno de Pedro Sánchez arrancaría (2018) cunha suba inicial do 1,6% pero dado que a inflación subiu un 1,7% aprobaría unha paga extra que corrixía a diferencia. No ano 2019 aprobaría o reforma do sistema para recuperala revalorización segundo a media anual da inflación, unha reforma que posibilitou que as pensións (agás o ano 2022) ben medraran mais que o IPC ben o fixeran a par. Globalmente estas medidas supuxeron que si durante os gobernos do PP as pensións públicas perderon poder adquisitivo (-5,3%) cos gobernos de progreso (PSOE/Sumar) o recuperaron (+2,8%) a pesar do brutal impacto da pandemia da COVID no IPC de 2021 (+6,5%) e 2022 (+5,7%).

Cumpriría ter en conta estas evidencias -quen garanta e quen non o poder adquisitivo das pensións- diante das eleccións xerais do 29 deste mes de novembro.

 

A sostibilidade do actual sistema público

Unhas eleccións que reflicten, dende o punto de vista do sistema público de pensións, un dobre escenario futuro xa que mentres os partidos do goberno de progreso (PSOE, Sumar) defenden a sostibilidade do actual sistema público de pensións os partidos de un posible goberno alternativo (PP, Vox) ben afirman que o sistema esta “zombi” e “crebado” (Jose María Figueredo, Vox) polo que haberá que acudir ao sistema de capitalización, ben suliñan (Ester Muñoz, PP) que “as pensións van a colapsar” por que “o sistema vai a petar”. Neste escenario político compre poñer en valor a sostibilidade do actual sistema desmontando os falsos argumentos en contra do mesmo. Argumentos que non son novos, levan mais de cinco décadas, sen que en ningún momento se cumpran....por que son falsos.

Empecemos polo gasto público en pensións. Os argumentos a prol de que o sistema vai petar se apoian no tese de que España ten un gasto público moi elevado. Pois ben, utilizando os últimos datos de EUROSTAT, España con un gasto público en pensións equivalente ao 13,16%% do PIB presenta un gasto menor que, por caso, Finlandia (13,73%), Grecia (14,41%), Austria (14,44%), Francia (14,61%), e Italia (15,49%) aínda tendo unha porcentaxe de pensionistas superior. Mais aínda, se calcula que de seguir o actual ritmo e co presente sistema o gasto público en pensións chegaría ao 15/17% no ano 2050, unha porcentaxe que resulta parella a que teñen agora (2026) algúns países do noso entorno e que, por outra parte, resultaría perfectamente asumible pola economía española quen, como practicamente sucede con tódalas economías, cada ano produce mais con menos traballo (produtividade), hai mais riqueza (calcúlase que no ano 2026 a produción duplique a do 2007) o que compensa en non en pequena parte o incremento do gasto público (%PIB) en pensións. En caso extremo, repito moi difícil de que suceda, que impediría que as pensións ademais de con as cotizacións se financiaran con algún tipo de imposto adicional como se fai en estados europeos do noso entorno, como sucede con Dinamarca e Alamana?. Sería unha decisión política e ideolóxica, non económica. Finalmente, en ese caso extremo -envellecemento poboacional, parálise na produtividade, caída dos empregos e os salarios..- non serían so as pensións as insostibles. sería toda a economía.

Outro argumento contrario apoiase na evolución da pirámide poboacional que presenta un crecente envellecemento poboacional que fai medrar o número de pensionistas facendo, segundo estes profetas do catastrofismo, co sistema se volva insostible no tempo. Unha critica que so pon o foco nun lado da balanza -o gasto- ignorando -voluntariamente- o outro -o ingreso- e que casos como a realidade española da última década tiran por terra este argumento falaz: houbo un importante incremento do gasto público derivado dun maior número de pensionistas e da revalorización das pensións que levaron a un notable incremento de importe medio e...que pasou?: que o “peto das pensións” presenta hoxe o maior saldo positivo das últimas décadas. Por que?: por que ao tempo que se incrementaba o gasto tamén o facían os ingresos derivados das melloras no mercado laboral e así por caso temos a realidade de que o número de empregos logo de dous gobernos de progreso (2018-2016) acadou unha da cifras mais altas de historia: segundo o INE o número de empregos e, xa que logo, de cotizantes a seguridade social era no terceiro trimestre de 2026 de 22.856.600. Unha cifra que non so permitiu un saldo positivo na Seguridade social senón que ademais veu a facer medrar o “peto das pensións”: no último exercicio mentres os pagos medraron nun 7,2% a recadación o fixo nun 8,3% gracias a que as cotizacións dos ocupados tiveron un incremento medio anual do 7,5%. Pola súa parte o citado “peto das pensións” -que realmente é un colchón para cubrir os déficits nos anos malos non un fondo para pagalas pensións- multiplicou o saldo por sete nos últimos cinco anos pasando de ter 2.141 millóns no ano 2020 a 14.060 millóns no 2025. Datos que poñen en evidencia que os que contan son o volume de cotizantes e o importe medio das cotizacións: o primeiro depende da evolución do emprego (+3,3 millóns de empregos entre 2018 e 2026) o segundo da dos salarios (un incremento medio do 23% entre 2018 e 2024) quen, nembargante, en Galicia sequen sendo moi baixos.

Fronte a estas evidencias o debate sobre a sostibilidade do actual sistema público de pensións en España non ten razón de seren senón é por razóns ideolóxicas e de interese de clase que é o que, no fondo, subxace nas propostas políticas das dereitas españolas (PP e Vox).

 

Os sistemas de capitalización

Dereitas que defenden o sistema de capitalización. Unha defensa que empeza por, como estamos vendo agora, desprestixiar e debilitar o sistema público de pensións (incluso buscan enfrontar xeracións) para que cada vez mais familias, pensando que non terán pensións na súa vellez ou que estas serán moi baixas, poñan os seus aforros e as súas xubilacións nas mans dos bancos e os fondos privados quen levan décadas intentando dispor dos grandes recursos da Seguridade social para especular con eles, para facer negocio. Por outra parte os defensores destas privatizacións (PP, Vox) ocultan conscientemente o que pasou ali onde se aplicou este sistema pois son numerosos os exemplos de países -uns 18 nas últimas dúas décadas- que tiveron que reverter a privatización das pensións e reconstruír o sistema público. Evidencias que permiten asegurar que a capitalización das pensións resulta seren un desastre alí onde se aplica: non garantan ningún nivel de pensión, son mais baixas e con maiores diferencias entre os pensionistas e rematan sendo un custo moi elevado para as arcas públicas por que cando estes fondos finalmente creban, o que sucede sempre, acoden ao estado para que os rescate con fondos públicos.

 

Que non nos rouben a pensión

Velaí, como sinalaba ao principio, algúns elementos a considerar a hora da decisión a tomar diante das eleccións xerais do 29 deste mes de novembro. A decisión de se queremos seguir contando con un sistema público de pensións como un dereito universal ou estas pasan a ser o negocio privado duns poucos que se quedan co diñeiro de todos. Neste marco non caben as dúbidas sobre cales son as reais intencións das dereitas españolas (PP,Vox) polo que os pensionistas (9,5 millóns en toda España, 790.000 en Galicia) non deberíamos deixarnos enganar por aqueles que nos queren roubar a pensión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.