Transcorridos catro anos desde o inicio da actual crise, a economía galega pechou 2011 nunha situación que, aceptando as palabras do propio presidente da Xunta de Galicia, só pode cualificarse como crítica. Sobran indicadores que avalan ese diagnóstico: en 2011, por primeira vez desde 2005, a nosa economía medrou por baixo da española e nos comezos de 2012 volve estar en recesión; o desemprego, como ven sucedendo desde finais de 2009, continúa incrementándose a un ritmo moi superior á media estatal; prosegue a forte contracción da produción industrial; da “caixa galega e solvente” xa ninguén se lembra.
A cuestión é se hai alternativas ás políticas aplicadas, tanto a nivel europeo e estatal como desde o Goberno galego
Poderíamos multiplicar os síntomas da enfermidade, pero iso ten limitado interese para o debate público. Porque os nosos concidadáns non precisan ser convencidos de que Galiza vai mal, e de que o actual goberno da Xunta vai pechar a lexislatura cun balance económico desolador. Non precisan ser convencidos porque viven e sofren esa realidade. A cuestión é se hai alternativas ás políticas aplicadas, tanto a nivel europeo e estatal como desde o Goberno Galego.
Convencido como estou de que o esencial, aquí e agora, non é a ambición proclamada das alternativas senón lograr que a maioría social perciba a súa viabilidade, dada a radicalidade dos ataques contra elementos básicos do “modelo social europeo”, estas notas responden a un obxectivo moi modesto: expoñer algunhas ideas elementais para unha alternativa posíbel. Ou, se se prefire, unha serie de obviedades desde unha óptica reformista. Descúlpenme, pois, os expertos económicos (polas obviedades) e tamén os que pensan que entre o inferno e o ceo non hai nada (polo reformismo).
Nun contexto de depresión da demanda, centrar todo nunha rápida eliminación do déficit público non vai facer outra cousa, sobre todo nos países periféricos, que alimentar unha espiral recesiva
O prioritario, de entrada, é reorientar en profundidade as políticas que se están impoñendo na Unión Europea e específicamente na zona euro, xa que estas, ademais de lentas e dubitativas, van nunha dirección totalmente contraproducente. Nun contexto de depresión da demanda, centrar todo nunha rápida eliminación do déficit público non vai facer outra cousa, sobre todo nos países periféricos, que alimentar unha espiral recesiva que condena a un deterioro das condicións de vida de amplas capas da poboación, ao mesmo tempo que dificultará o propio financiamento da débeda pública.
Os acordos adoptados no cumio europeo do pasado mes de decembro constitúen un exemplo paradigmático. O que foi presentado como un “acordo histórico” que senta as bases para unha “unión fiscal” na zona euro, constitúe en realidade unha mera santificación da disciplina orzamentaria na súa versión máis ríxida, o que nos Estados periféricos como o español vai forzar políticas fiscais restritivas que acentuarán a depresión. O proxecto de orzamentos do Estado, que ven de presentar o actual goberno do PP, é a ilustración máis clara.
A saída da crise requiriría políticas moi diferentes a nivel europeo
A saída da crise requiriría políticas moi diferentes a nivel europeo, con ao menos catro elementos: a flexibilización das normas sobre o equilibro fiscal dos Estados, que faga compatíbel o obxectivo do equilibrio orzamentario a longo prazo cunha maior marxe para políticas expansivas en situacións de crise (como lle foi aceptado, non esquezamos, a Alemaña a comezos da pasada década); a consolidación dun verdadeiro orzamento federal na UE, que permita transferencias anticíclicas cara aos países que en cada momento sufran con maior forza as crises económicas; a modificación do papel e prioridades do Banco Central Europeo e o respaldo solidario a emisións de débeda pública na Eurozona; a aplicación polos países que teñen unha maior marxe, principalmente Alemaña, de políticas de expansión da demanda (tanto pública como privada) que podan impulsar a recuperación económica en Europa. Todas esas son medidas posíbeis, e que seguramente os procesos electorais á vista en Francia e Alemaña van situar no centro do debate.
Esa reorientación das políticas e do propio proceso de integración europea constitúe a condición necesaria, pero debe ir acompañada tamén dunha mudanza profunda das políticas a nivel español e galego. Limitámonos a algúns apuntamentos.
Nunha economía tan aberta como a galega, pouco é o que pode facer o Goberno autonómico actuando sobre a demanda
Referíndonos á Xunta de Galicia, o primeiro a sinalar é que, nunha economía tan aberta como a galega, pouco é o que pode facer o Goberno autonómico actuando sobre a demanda (porque unha grande parte do que compramos provén doutras zonas do Estado ou do resto do mundo). Por iso foron totalmente inadecuadas as medidas dispersas dos últimos anos para estimular a compra de certos bens. O exemplo das axudas á compra de automóbiles é paradigmático: a menos que se tratara de apoiar aos concesionarios de coches, é obvio que iso tiña pouco que ver cun estímulo da industria galega (a menos que se pense que todos os galegos compran os 4 modelos de Citroën fabricados na planta de Vigo).
Nun contexto de restricións orzamentarias, a Xunta de Galicia debería concentrar a (limitada) marxe dispoñíbel en políticas de oferta. Políticas destinadas a reforzar a competitividade dos sectores clave da nosa economía e a favorecer a emerxencia de novas actividades que constitúan a base do crecemento futuro. O apoio á formación e a innovación, o impulso de investimentos públicos selectivos ou a regulación adecuada de sectores como as enerxías renovábeis son exemplos do que dicimos. Pero en todos eses ámbitos o balance do actual Goberno Galego é … (mellor que os propios afectados comecen a dicir en público o que afirman en privado).
Outra prioridade, tanto do Goberno do Estado como do galego, debería ser asegurar un reparto máis equitativo dos sacrificios que sexan precisos no curto prazo.
Ademais de facilitar a saída da crise, outra prioridade, tanto do Goberno do Estado como do galego, debería ser asegurar un reparto máis equitativo dos sacrificios que sexan precisos no curto prazo. Neste sentido, o reequilibrio das contas públicas, ademais de graduarse no tempo, tería que apoiarse nun incremento dos ingresos a través da loita contra o fraude fiscal e do aumento dos impostos directos sobre as rendas e os patrimonios altos, en vez de basearse nun aumento da presión fiscal sobre as rendas medias e baixas e na redución do gasto social e o investimento público. A título de exemplo, ademais doutras medidas que xa teñen sido propostas, por que non pensar na aplicación dun imposto especial sobre os incrementos patrimoniais obtidos dos bens inmobiliarios durante os anos da espiral especulativa?
Economías como a galega, e moito máis a española, necesitan recuperar competitividade exterior para compensar o deterioro que esta sufriu
Nun plano xeral, partimos dunha realidade: economías como a galega, e moito máis a española, necesitan recuperar competitividade exterior para compensar o deterioro que esta sufriu, respecto á zona euro, durante a fase de expansión 1995-2007. E, dado que non se pode actuar sobre o tipo de cambio, iso pasa por reducir en termos absolutos os custes por unidade de produto en relación aos nosos socios. Pero o que non constitúe un “imperativo económico”, senón unha opción ideolóxico-política, é que iso teña que basearse nunha redución dos salarios e unha maior precariedade laboral; en definitiva, nunha devaluación interna salarial, que é a lóxica de fondo da recente reforma laboral.
Caben, tamén nisto, alternativas: un maior acento na mellora da produtividade (de modo que gañando máis os traballadores se reduza o custo por unidade de produto); permitir unha maior inflación a nivel europeo (a través dunha política monetaria diferente), o que ademais contribuiría a diluír a carga da débeda externa –pública e privada-; ou que a moderación de custes se distribúa de modo equitativo entre salarios e excedente empresarial.
Das medidas que se adopten neses e outros aspectos vai depender non só cando saímos da actual crise senón sobre todo como, con que modelo económico e social para as vindeiras décadas
Das medidas que se adopten neses e outros aspectos vai depender non só cando saímos da actual crise senón sobre todo como, con que modelo económico e social para as vindeiras décadas. Cuestión esta que é cada vez máis a que está en xogo.