Qué será de Podemos Galicia tralo 25S?

Os resultados electorais en Galicia deixarán de herdanza a España un Mariano Rajoy reforzado ou derrotado. Pero o éxito ou o fracaso de En Marea na batalla de quitarlle a maioría absoluta ao PP non só será determinante para a conformación –ou non– dun Goberno do PSOE en Madrid apoiado por Podemos. Hai un debate pendente sobre a disolución definitiva de Podemos Galicia na Marea que vai ter unha grande relevancia no proxecto de cambio que se tenta construír dende os diferentes territorios. Un proxecto que, moi probablemente, encabezará no medio prazo esa enorme muller de Estado que é Ada Colau.

Hai que recoñecer que Podemos Galicia, pese ao seu tirón social e electoral, nunca chegou a significarse como órgano político á marxe de Madrid no taboleiro político. Un dos factores que probablemente máis influíron nesta debilidade orgánica foi o vínculo previo de Pablo Iglesias coa AGE de Beiras e Yolanda Díaz (alianza que el asesorou en 2012 e que considera precursora de Podemos), así como aquel gomo que xa asomaba, chamado Marea Atlántica. É dicir, que cando Podemos Galicia quixo saír ao baile en febreiro de 2015, xa estaba o campo da festa cheo.

A escenificación final destas feblezas foi o tuit de Pablo Iglesias que determinou, a ollos da opinión pública, a disolución de Podemos no partido instrumental que é En Marea. Pero, ollo, este feito non debe levarnos á confusión das paixóns moradas. Moita xente de Podemos participaba xa na constitución desa Marea, o 75% das persoas inscritas votamos por ela (ninguén nos preguntou se a condicionabamos a unha fórmula concreta) e a metade máis dous dos conselleiros de Podemos Galicia coincidíamos en que a fórmula da confluencia non debía ser un obstáculo.

Na parte de experiencia persoal que toda vivencia política ten, teño que dicir que a miña aposta pola integración de Podemos na Marea (que puxen por diante do meu cargo), someteume a críticas de feroces podemitas que aínda hoxe me estremecen polo que tiveron aprendizaxe sobre os riscos do populismo. Porén, debo confesar que, no meu fugaz periplo como secretaria Política e de Comunicación de Podemos Galicia, considerei seriamente a idoneidade de concorrermos sós ás eleccións. O meu pensar remitía á necesidade de tecer un relato único e gañador, cunha cara amable capaz de “conectar” co electorado galego e no que o nacionalismo de partido –coa súa dialéctica de sempre, coas súas caras de sempre– xeraría máis distorsións e problemas que beneficios. Antes de explicar por qué penso que tería sido un erro e de adiantarme a que, ante uns malos resultados, haxa a quen lle resulte tentador volver a enarbolar as siglas dun Podemos só en Galicia, quero contar unha anécdota.

 

Da sedución á identificación

Hai algo máis de ano e medio, no patio da escola da miña filla, unha nai confesoume: “Mira que che digo, estou tan asqueada da corrupción que non sei se acabarei votando a Podemos”. Aquilo tiña algo de revelación, pois ela é unha muller conservadora. Claro que o é daquela maneira que me parece a min que temos de ser conservadores no inmenso e englobador rural galego e que nos reporta tanta incomprensión ante o resto do Estado: con xenerosidade e tolerancia case libertaria.

Todo cambiou moi axiña. Agora, á ilusión que me esperta esta casa común, diversa e fermosa, chamada En Marea, que fomos capaces de construír, xúntase a preocupación de non escoitar dende hai tempo simpatías semellantes entre o tradicional electorado do PP. É preocupante porque sen eles nunca gañaremos con forza suficiente.

Pero, por qué se impuxo a desconfianza cara a Podemos?  Parte desa resposta é á interna e ten un marco de discusión estatal que se reflicte estes días nas discusións por Twitter entre Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, complementada pola 3ª pata de Podemos: os anticapitalistas (algún dos cales retratou moi ben a fartura ante as continuas batallas entre eles nun artigo titulado “Me aburren vuestras mierdecitas”).

Pablo Iglesias defende que para recuperar votantes temos que falar máis claro, diferenciaronos como unha forza de cambio e de ruptura; que os poderosos nos teman. Íñigo Errejón, en cambio, pensa que os poderosos xa nos temen e que o reto é volver seducir a quenes sufren aos gobernos do PP pero que aínda non confían en nós. Pensando en clave galega, eu doulle a razón este último. Porque o desafío é aínda máis lakoffkiano aquí, en Galicia, e remite á necesidade da identificación, de que nos vexan “dos nosos”. Pero penso tamén que unha cousa non quita a outra e que viñemos aquí para algo máis que gañar eleccións.

 

Onde comeza o desafío

Salvar a fenda que existe entre a Galicia real e a Galicia que soñamos é o reto máis importante de En Marea no curto prazo. Pero para facelo necesitamos tender pontes. Deixar que xente nova entre ao baile. E tamén saber reconocerlle a xenerosidade e a valentía de cambiar o voto a esa xente para a cal votar ao PSOE no seu pobo sigue constituíndo un acto de rebeldía contra o PP. E aí é onde comeza o desafío. Hai algo nese clasismo político do nacionalismo galego de esquerdas que me apena. É como un club no que se descoñeces os códigos, santos, himnos, alcumes e acenos, non vales. Isto significa que a inmensa maioría da poboación non vale. Por suposto, eu bebo desa tradición (como de outras). E por iso conmóvome cos discursos de Alexandra Fernández no Congreso e alzo o puño con carraxe cando canto “máis só os iñorantes, imbéciles e escuros non nos entenden non”. Porque, é certo, necesitamos ideoloxía, saber de qué tradición ideolóxica vimos, un proxecto cuns obxectivos políticos claros máis aló das urxencias sociais. Precisamos saber os pasos que imos dar tamén a longo prazo. Precisamos políticos con conviccións sólidas, con himnos, símbolos, cancións, revolucións e moitas batallas perdidas ás súas costas. Necesitamos intelectuais – especialmente intelectuais feministas–. Porque sen delicadeza intelectual, sen a reflexión filosófica e o cuestionamento dos detalles, non hai revolución que mereza a pena. Necesitamos respectar e tamén saber rirnos dos nosos poetas e de nós mesmos. Pero tamén precisamos persoas que fagan de ponte entre dous mundos que aínda siguen desconectados. Persoas que tezan discursos que non exclúan a quen tamén se sinte parte de España. Esa, e non outra, é a verdadeira batalla que ten que dar En Marea hoxe en día.

Agora ben, esa ponte debe ter moi claro que ideoloxía non é dicir “o que quere a xente oír”. A hipermilitancia xurdida nalgúns círculos de Podemos derivou axiña en rexeitamento a quen leva toda a vida luitando, a unha especie de rencor contra todo o que soe a “cultura política”. Chegou a tal punto a obcecación de ser “cidadanía sen mochilas” que semellaba que para demostrar que eras un auténtico podemita tiñas que disimular que non chegaras á política antonte. Que as asembleas, manifestacións, manifestos, soños, esperanzas, decepcións… era algo que, en realidade, non te pillaba de novo. Resultou que non ter ido xamais a unha asemblea daba máis puntos que levar toda a vida nelas. Aí as “categorías novas” penso que crearon certa confusión entre as nosas bases.

Sexan bos ou malos os resultados do domingo, xa fixemos algo grande en Galicia que merece a pena seguir coidando. Esa é a tarefa de Podemos Galicia a partir do 25S. Porque En Marea é unha ferramenta fermosa da que sentirnos orgullosas. Primeiro, porque a aposta pola horizontalidade, polo “de abaixo arriba” ten que vir necesariamente da man de partidos autónomos, que non respondan ás ordes e intereses dese “arriba” que é Madrid, senón que se relacionen fraternalmente cos proxectos irmáns do resto de España. E iso non é nacionalismo galego, senón democracia de base. Segundo, porque non podemos prescindir de xente culta e cunha idea de xustiza e de país como a de Luís Villares, que como moita outra xente imprescindible, xamais se sometería aos intereses dun partido estatal. E terceiro, porque tivemos dereito a discrepar con Beiras e ata a dicirlle, con cariño, “xa vas vello, deixa paso”, pero xamais deberiamos ter consentido que viñera a insinuarllo ninguén de fóra. A unidade popular non naceu só para sumar votos. A responsabilidade é moito máis grande, nacemos para transformar fondamente a sociedade. Temos os nosos problemas, ás veces discrepamos, pelexamos, dubidamos cambiamos de opinión, caemos, erguémonos. Todo iso é normal porque somos unha familia grande aprendendo a convivir na mesma casa. O que temos que facer é ensinar que baixo as nosas pequenas leas e miserias, que non son nin máis grandes nin máis pequenas cás do resto –tan só quizáis un pouco máis complexas–, reside unha enorme beleza. Defendámola, contémola.

Construamos un país xusto e máis bonito, á altura dos nosos soños. Un país ao que poder volver e, sobre todo, no que poder quedarnos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.