Ollo a estas cifras: 215 millóns de mulleres no mundo non utilizan anticonceptivos pese a que non desexan ter máis fillos, ou preferirían atrasar o momento de telos; 215.000 mortes maternas poderían evitarse ao ano co uso de anticonceptivos; o 40% das mulleres en idade de procrear viven en países onde o aborto esta prohibido, restrinxido ou inaccesible; 24 países europeos esixenlles ás persoas transxénero someterse á esterilización para ver recoñecido legalmente o seu xénero; 76 países de todo o mundo tipifican como delito a conduta homosexual... Non son cifras, son persoas, miles de historias humanas que ocorren cada día.
215 millóns de mulleres no mundo non utilizan anticonceptivos pese a que non desexan ter máis fillos, ou preferirían atrasar o momento de telos
Con todo, en moitos países as decisións sobre o propio corpo, saúde, sexualidade e vida reprodutiva están a miúdo controladas polo Estado, por profesionais médicos, pola comunidade ou a familia, e a lei é empregada como ferramenta de control. Ao final, son moitas as persoas que ven limitado ou totalmente negado o seu dereito a decidir. Se isto xa é grave, as consecuencias deste control sobre as persoas, en xeral mulleres, son fatais.
O Goberno español presentou un anteproxecto de lei sobre o aborto que, de ser aprobado no Parlamento, restrinxirá gravemente o acceso das mulleres e as nenas a servizos de aborto, incumprindo as obrigas internacionais de dereitos humanos contraídas por España
Na esfera internacional, moitos axentes non estatais, a miúdo financiados e apoiados por Estados ou por institucións relixiosas, están intentando limitar os dereitos sexuais e reprodutivos na ONU ou en foros similares. A tendencia regresiva é clara en varios países. O Goberno español presentou un anteproxecto de lei sobre o aborto que, de ser aprobado no Parlamento, restrinxirá gravemente o acceso das mulleres e as nenas a servizos de aborto, incumprindo as obrigas internacionais de dereitos humanos contraídas por España. Nos dous últimos anos fixéronse intentos de restrinxir o aborto tamén noutros países, como Lituania, Macedonia, Turquía e Estados Unidos.
Quen decide?
En xaneiro, o presidente de Nixeria promulgou a opresiva Lei de Prohibición do Matrimonio Homosexual. En 2013, o Tribunal Supremo de India volveu declarar constitucional un artigo do Código Penal que criminaliza as relacións homosexuais. O presidente de Uganda acaba de asinar a entrada en vigor da Lei contra a Homosexualidade.
No Magreb, as disposicións discriminatorias da lexislación arxelina, tunisiana e, ata hai pouco, marroquí permiten aos violadores eludir a acción da xustiza casando coas súas vítimas adolescentes
O problema non se concentra nestes poucos países, senón que abrangue unha ampla variedade de cuestións noutros moitos. Un exemplo: as investigacións levadas a cabo por Amnistía Internacional en Burkina Faso e Serra Leoa mostraron que, debido á falta de medidas dos seus Gobernos para facer respectar a idade legal mínima para contraer matrimonio, a miúdo nenas de tan só 10 anos vense casadas. Nestes matrimonios, é habitual que as nenas non poidan tomar decisións sobre a súa saúde sexual e reprodutiva, carezan de acceso a educación e información e sufran graves complicacións relacionadas con embarazos prematuros. Unha muller de Uagadugu (Burkina Faso) declaraba: “Logo de sete embarazos e cinco fillos vivos díxenlle ao meu esposo que quería utilizar métodos anticonceptivos, pero negouse”. A taxa de mortalidade materna en Serra Leoa é das máis altas do mundo.
No Magreb, as disposicións discriminatorias da lexislación arxelina, tunisiana e, ata hai pouco, marroquí permiten aos violadores eludir a acción da xustiza casando coas súas vítimas adolescentes. Só en Marrocos, segundo estudos oficiais, en 2009 tívose noticia de 38.000 casos de violación. A verdadeira cifra podería ser moito maior.
A quen pedimos responsabilidades?
Os líderes mundiais están obrigados a respectar, protexer e facer efectivos os dereitos sexuais e reprodutivos. E teñen oportunidades concretas para mostrar o seu liderado neste tema. A próxima reunión da Comisión de Poboación e Desenvolvemento da ONU en abril é só un dos diversos puntos clave deste proceso, pero é un bo momento para recordar que os dereitos sexuais e reprodutivos non admiten regresións. Ben ao contrario, impulsalos con determinación é máis necesario que nunca.
Influír no debate global sobre estas cuestións é decisivo, dadas as recentes e continuas medidas de retroceso adoptadas por algúns Estados para restrinxir os dereitos sexuais e reprodutivos
Influír no debate global sobre estas cuestións é decisivo, dadas as recentes e continuas medidas de retroceso adoptadas por algúns Estados para restrinxir os dereitos sexuais e reprodutivos. Este é un dos obxectivos da campaña O meu corpo, os meus dereitos que acaba de lanzar Amnistía Internacional en todo o mundo. Esta campaña, de dous anos de duración, abrangue sete países de cinco rexións do mundo, onde se poñen de manifesto distintos contextos en que os Estados cercean, ou non impiden que terceiros cerceen, a autonomía persoal, en particular ás mulleres e nenas e ás persoas de grupos expostos a sufrir discriminación por outros motivos, como a sexualidade e a etnia.
É preciso instar aos gobernos de todo o mundo a poñer fin ao uso discriminatorio da lexislación penal para regular a sexualidade e a reprodución, evitar e castigar o control exercido por terceiros sobre as decisións persoais
É preciso instar aos gobernos de todo o mundo a poñer fin ao uso discriminatorio da lexislación penal para regular a sexualidade e a reprodución, evitar e castigar o control exercido por terceiros sobre as decisións persoais, eliminar as barreiras ao acceso a servizos de saúde sexual e reprodutiva, promover e facilitar a educación e información sobre a mesma abordando a discriminación na lei e na práctica, e capacitar a xente para que reclame e exerza os seus dereitos, de maneira que toda persoa poida tomar decisións libres e informadas sobre a súa sexualidade e reprodución, e exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos sen sufrir discriminación, coacción nin violencia.