Quen queremos ser?

Dicía o profesor Barreiro Rivas nas súas clases de Pensamento Político que o himno galego era a demostración de que o noso país non tiña amaño. A súa teoría baseábase no feito de que o noso himno era como un laio, unha especie de lamento ao que lle faltaba a forza necesaria que requiren certas circunstancias de carácter excepcional que pegan como un látego sobre os países en determinadas ocasións. Momentos eses, nos que hai que botar peito unidos, facendo precisamente iso, país, piña, para entendernos, e así pulo a unha estratexia de defensa extremadamente necesaria, imperiosa.

Dicía o profesor Barreiro Rivas nas súas clases de Pensamento Político que o himno galego era a demostración de que o noso país non tiña amaño

De tal xeito que, mentres a Marsellesa, por exemplo, comeza dicindo: "Adiante, fillos da patria/ que chegou o día da gloria/ o sanguiñento estandarte da tiranía/ está xa erguido contra nós…”, a letra do noso texto pondaliano nos dí: "Que din os rumorosos/ na costa verdescente/ ao raio transparente/ do prácido luar?…”. E todo isto, tendo en conta a diferente musicalidade de cada versión, claro, porque no caso francés, préstase a cantar con ímpetu, a peito enchido, mentres que no caso galego, nese intre que pasa entre que non sabes se cruzar os brazos, erguer un puño ou poñer a man no corazón, xa se foi a primeira estrofa e con ela as gañas de acabar coa tiranía.

E algo de razón levaba o profesor Barreiro cando tanto nos facía rir nas súas irreverentes clases. Quizais aquelas non fosen as horas de grandes leccións maxistrais pero de certo que se poden sacar interesantes conclusión ao fío de como está o panorama actual do noso país. Alguén todavía defende que o himno galego reflexa o ambiente social e cultural de Galiza como unha das súas máis importantes testemuñas. Abofé que si.

Queremos que nos represente un partido neoliberal ao estilo alemán, un partido socialista ao estilo francés, un partido marxista-leninista ao estilo soviético, unha Syriza ao estilo grego, un PNV ao estilo vasco, etc

Rumorosos poñémonos todos nestas horas decisivas en que contemplamos con angustia as últimas enquisas publicadas para as próximas eleccións autonómicas e vemos máis dun 40% de indecisos que non saben a quen votar, e que son decisivos. Nunca un abano tan multifacético –ou tan multiorgásmico, como diría o meu amigo Xoel López– se presentou aos cidadáns deste país para escoller. E, sen embargo, moitos todavía non saben que facer, non atopan un xeito gozoso de votar.

Quizais non estamos perante un problema dos nosos políticos, nin tan sequera nun contexto de crise finisecular tardía, se non máis ben dun problema de carácter antropolóxico que arrastramos dende moito antes da dictadura franquista e que invade o líquido medular incluso dos máis comprometidos con esta Terra: non queremos ser quen somos.

Queremos que nos represente un partido neoliberal ao estilo alemán, un partido socialista ao estilo francés, un partido marxista-leninista ao estilo soviético, unha Syriza ao estilo grego, un PNV ao estilo vasco, etc. Eu non sei o que estaremos dispostos a asumir, pero do que si estou segura é de que nos costa moito seguir un modelo propio e aceptarnos. No fondo hai un rexeitamento ancorado no adn contra a nosa idiosincrasia.

Cando sexamos capaces de atopar a nosa propia personalidade, entón sí que poderemos ser quen somos, sen imitacións, sen complexos

O noso himno non vai cambiar arestora. A letra de Pondal –que me perdoe aló onde queira que estea, pois non é a miña intención botarlle a culpa a un poeta–, non nos vai axudar moito, pero quizais poidamos cambiar a entonación, comezar a querernos un pouco máis, a aceptarnos tal e como somos en realidade, e querer así aos demais.

Cando sexamos capaces de atopar a nosa propia personalidade, entón sí que poderemos ser quen somos, sen imitacións, sen complexos. Ata entón –e aínda que poidamos gabarnos de seguir cantando o himno con fe cega neste país– queda un longo camiño por diante porque o que non fumos capaces de amañar en séculos, non o imos arranxar agora en 50 días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.