Quen ri último, ri mellor

CC-BY-SA Praza Pública

Podemos dizer que não sabemos bem o que é o mal, não podendo por isso afirmar se uma coisa é má ou boa. (Fernando Pessoa, O libro do desassossego).


O Felisindo do Pombal ten fama de mal agricultor. Os que non lle queren mal din que, se non ten mellores patacas, é por non renovar a semente. Farto de que se moqueen da súa ruín colleita, o ano pasado deu o brazo a torcer e antes da sementeira foi falar con Pepe Farelos, para pedirlle o favor de que lle cambiase un saco de semente.

O tal a escape aceptou. Iso si, propúxolle agardar uns días, pois aínda as tiña sen escoller e amais andaba mal de sacos. Así que Felisindo debería traerlle as súas patacas e Pepe Farelos aproveitaría o saco para prepararlle outras tantas da mellor semente da contorna. Ao día seguinte, Felisindo encheu un saco de patacas, botouno ao lombo e levoullo a Pepe, tal e como acordaran. 

Xa de volta na casa, decatouse que perdera a navalla. Buscouna en todos os petos e por todas as esquinas, mais a súa navalla das cachas de nácar, que tantos servizos lle prestara nos últimos vinte anos, non aparecía por ningunha parte. Cagouse nos de arriba e nos de abaixo, e nada. A súa muller rezou o responso de San Antonio, e nin así.

Aos poucos días, Pepe Farelos mandoulle recado de que xa escollera as patacas, e por tanto podía ir recoller a semente nova para plantar as patacas cando quixera. Meu dito meu feito, esa mesma tarde marchou á casa do Pepe Farelos e, despois de darlle as grazas por tan grande favor, arrincou de volta co saco ao lombo, contento e convencido de que pronto deixaría de ser o causante da risa do lugar. En canto chegou foi dereito á palleira e, despois de pesar as patacas na báscula e comprobar que nin lle sobraba nin lle faltaba un gramo, ao desatar o saco para baleiralas, alegrouse de ver a baraza cunha lazada igualiña á que lle fixera el cando lle levou as súas ao Pepe. Quedouse un rato mirando as patacas con plena satisfacción e, xusto cando se ía, avistou a navalla das cachas de nácar metida entre a semente. A alegría rubiulle polas pernas arriba e, ao chegarlle á cabeza, decatouse da faena que lle fixera o cabrón do veciño. 

Ao día seguinte, mentres Pepe Farelos contaba na taberna a brincadeira que lle gastara a Felesindo, este collía o coche de liña cara a capital, disposto a regresar discretamente de noite, nun taxi, cun saco de semente certificada. 

Na taberna seguíanse burlando de Felesindo e da súa colleita, mais a medida que a rama das súas patacas sobresaía por riba das sementadas por aqueles insolentes presuntuosos, as risas ían minguando e cando o seu patacal xa non tiña parangón, todos cerraron a boca e, co rabo metido entre as pernas, perderon a risa e a fachenda. 

 

[O meu tío Lisardo é dos que pensa que non é conveniente chufarse das frouxidades dos demais, e menos tratar de meterlle aos outros gato por lebre, porque o último que ri seica é o que ri mellor]. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.