Non sei vós pero no cruce de declaracións sobre o pasado, presente e futuro da AP9, boto en falta un interlocutor
Non sei vós pero no cruce de declaracións sobre o pasado, presente e futuro da AP9, boto en falta un interlocutor. O debate vai sobre a titularidade, o rescate, a gratuidade, as peaxes na sombra, a duración da concesión, os recursos en Europa ou o valor da indemnización. O último en botar a lingua a pacer foi o PPdG, nun gag propio de Groucho Marx e os seus principios, para reclamar a gratuidade e o rescate. Lino na prensa, non o soñei. O resto de participantes son o ministerio de transportes de España, para quen it’s very difficult todo isto, o BNG que exhibe os seus descontos e valoracións de expertos, o superalcalde que pide gratuidade sen titularidade, o PSdG que pretende soprar e sorber a un tempo imitando a Deng Xiaoping: “gato branco ou gato negro, tanto me ten, o importante é que cace ratos”. Pola súa banda o parlamentiño galego encadea brindis ao sol. Por último temos a Unión Europea que, fiel ao seu estilo, explica que por unha parte xa ves e pola outra que queres que che diga. A única voz ausente é a da propietaria, nin mu.
Parvos serían! “Non interrompas o inimigo cando o vexas cometer un erro”, sentenzara Napoleón. A lea dialéctica entre forzas políticas e institucións favorece a esa propietaria. Se a culpa da desgraza que supón para a economía e a sociedade galega esa portaxe feudal é segundo uns do ministerio, segundo outros do PP de Aznar, para o PP do pecado orixinal, léase a navallada do BNG e a súa submisión ao sanchismo, mesmo da inacción da UE, implicitamente descárgase a responsabilidade e a ira dos afectados sobre os contendentes que se acusan mutuamente. Se se quere, libérase de responsabilidade e de converterse en diana da ira social á adxudicataria. Mais, quen é a propietaria. Ai amigo! A pregunta do millón, ou dos milleiros de millóns. Parte da súa política consiste en facernos crer que non existe, por iso cala coma un peto, e en parte é certo.
A sociedade concesionada
Un dos trucos de escapismo desa propiedade é o cambio de mans constante, malia que ese desvío da atención trileiro obedece igualmente ao modo de funcionamento dos fondos de xestión de activos, para os que os galegos e galegas somos equiparabeis a un paquete de accións, o negocio está en comprar cando a infraestrutura está en marcha, reducir custos, aumentar ingresos e retirarse colleitando o beneficio
Un dos trucos de escapismo desa propiedade é o cambio de mans constante, malia que ese desvío da atención trileiro obedece igualmente ao modo de funcionamento dos fondos de xestión de activos, para os que os galegos e galegas somos equiparabeis a un paquete de accións, o negocio está en comprar cando a infraestrutura está en marcha, reducir custos, aumentar ingresos e retirarse colleitando o beneficio. Compran con mentes de vender, non para adquirir a propiedade.
Existen dous tipos de fondo e ningún deles debería chamarse de investimento senón de xestión de activos. Estes activos son tamén de dous tipos, financeiros ou físicos. Os primeiros son accións, bonos, débeda pública e privada, derivados bancarios, etc. Os segundos poden ser hospitais, coma o Alvaro Cunqueiro de Vigo, bloques de vivendas de aluguer en Barcelona, un aeroporto en Grecia, parkings en Chicago, a rede de repetidores de TV na República Checa, unha plantación de oliveiras en Xaén, concesións de servizo de augas, recollida do lixo, coidado da terceira idade, parques eólicos, transporte urbano... Boa parte das nosas vidas móvese nas marxes dunha concesión.
Por suposto os fondos non se ocupan da xestión material dos activos físicos senón que constitúen fondos intermediarios ad hoc que á súa vez contratan empresas locais. Son estas as que se encargan dos cobros, o mantemento, a burocracia, etc. Fondos coma BlackRock, que en conxunto acaparan activos por valor superior a cen billóns de dólares, non saben nada nin queren saber de limpeza de hospitais, de oliveiras ou de camións de lixo, non constrúen nin manufacturan nada. Non funcionan como investidores senón como rendistas.
O inquilino págalle o seu alugueiro a Blackstone sen sospeitalo. Algo semellante lles ocorre ás persoas usuarias cando traspasan cada unha das barreiras da AP9
Os inquilinos dun bloque de pisos en Carabanchel, construído pola Comunidade de Madrid e saldado a un fondo voitre americano pola vía da mordida, páganlle o alugueiro a un xestor privado rexistrado en España, que é un instrumento controlado por outra entidade rexistrada en Luxemburgo que posúe o 99% das accións do xestor español. Esta entidade luxemburguesa é á súa vez un instrumento controlado por varios fondos propiedade de Blackstone, dos cales o que detenta a maior participación é o Blackstone Real Estate Partners Europe IV, controlado pola propia Blackstone. O inquilino págalle o seu alugueiro a Blackstone sen sospeitalo. Algo semellante lles ocorre ás persoas usuarias cando traspasan cada unha das barreiras da AP9.
Sempre hai un irmanciño máis pobre. Así, hai algo peor que esta especulación sen fondo, a participación dos mesmos fondos en iniciativas de Colaboración Público-Privada. Esta colaboración público privada na que as institucións se ofrecen ao peor capital como capataz, escudo, financiador e amortecedor de golpes, é a promocionada impudicamente pola Xunta de Galicia como a súa estratexia áurea
Sempre hai un irmanciño máis pobre. Así, hai algo peor que esta especulación sen fondo, a participación dos mesmos fondos en iniciativas de Colaboración Público-Privada. Se o teatriño de acusacións e espaventos entre nós axudan a pasar desapercibido ao rendista adxudicatario, o modelo de CPP ponlle a alfombra de prata para recadar os beneficios e protéxeo de eventuais circunstancias negativas que os comprometan. Hai uns meses o concello de Vigo aprobou indemnizar con doce millóns de euros á concesionaria de Vitrasa pola redución de ingresos durante a pandemia. Viva o libre mercado e o emprendemento empresarial! Como era aquilo de que os gobernos quitasen as súas mans sucias da actividade económica?
A AP9 é unha concesión e polo tanto mantén a titularidade pública, que non propiedade, de facto diferida a 2048. Abondo para que o Estado, en caso de reverterse a man común, sexa o responsábel de resarcir a concesionaria co montante que ditamine un tribunal de arbitraxe internacional, instituído xustamente para cubrir a retirada do capital especulador cando veñen mal dadas e sabedor de que aos gobernantes lles doen menos os cartos públicos que o desgaste reputacional. Se unha industria xestionada por un fondo de xestión provoca un desastre ecolóxico, quen pensades que vai limpar? BlackRock non se dedica a iso. Farano os gobernos presionados polos afectados e polos rivais e, no mellor dos casos, as empresas intermediarias locais. Se hai queixas sobre un hospital público-privado coma o A. Cunqueiro, a quen se lle protesta? Houbo algunha manifestación contra a concesionaria?
Esta colaboración público privada na que as institucións se ofrecen ao peor capital como capataz, escudo, financiador e amortecedor de golpes, é a promocionada impudicamente pola Xunta de Galicia como a súa estratexia áurea, a que tingue cada un dos proxectos que as consellerías e o sector empresarial van parindo, ao tempo que descapitaliza o sector público de knowhow e nos volve a todos e todas dependentes ou reféns de corporacións cuxo único afán e o lucro, sexa na minería, nos servizos educativos ou sanitarios ou na macrocelulosa da Ulloa. Tampouco é nada novo, é unha estratexia infiltrada e capilarizada tanto no Estado coma na Xunta ou nos concellos cativos, ata o extremo de que xa case non podemos imaxinar outra vía, mesmo parece que debemos ir aumentando a dose. Un pouco de desintoxicación, por favor.