Pouco pode mudar o Parlamento coa presenza da esquerda real. A podremia que vive o eido institucional, expropiado de soberanía e afogado na corrupción, resulta unha estrutura cunha función limitada: xestionar o sistema. A usurpación de poderes executada polo neoliberalismo e o desmantelamento do Estado como garante dos dereitos colectivos fundamentais (republicanos, por tanto) desembocan nunha incapacidade total para reaxir nunha alternativa sistémica ao aferrollamento practicado polos gurús capitalistas.
Arestora pagamos con xuros o desartellamento do movemento social e pensamento crítico
A crise espiu a eiva fundamental da socialdemocracia posto que asumira como propias as regras dun sistema a priori alleo. A decadencia ideolóxica da esquerda europea tras a queda do muro de Berlín foi ocultada en aras do ascenso ao poder. A eterna disputa de gobernar para transformar a realidade.
Pero a crise deixou en cirolas a estes dirixentes que se miraron ineficaces (por careceren de resposta alternativa e por desprezar a expresión popular) para deter a ofensa neoliberal e só obtivo a saída de dobrar a cerviz. Arestora pagamos con xuros o desartellamento do movemento social e pensamento crítico.
Unha das faces do neoliberalismo foi converter a súa teoría económica nun discurso de doado acceso para a sociedade configurando unha mensaxe chea de conceptos que por soaren a sentido común remataron por se asumir sen espírito crítico
Unha das faces do neoliberalismo foi converter a súa teoría económica nun discurso de doado acceso para a sociedade configurando unha mensaxe chea de conceptos que por soaren a sentido común remataron por se asumir sen espírito crítico. Para iso estaban os medios de comunicación (aparellos ideolóxicos do poder), a ocupación no ensino universitario de mestres neocons ou a fundación de thinks-tanks encargados de subministrar doses de narco-argumentos para soster as barbaries que hoxe pregoan (13 horas semanas durante seis días da semana!).
As institucións representativas son espantallos ante esta metástese. O protagonismo asumido por institucións non democráticas (FMI, BM, OMC) provocaron, nun curto espazo temporal, que aqueles países partidarios de manterse fóra delas (por tanto, fóra do neoliberalismo) serían castigados por distintas vías. Mercantilizáronse produtos de ben común (auga ou cereais), arrasaron cos métodos tradicionais do traballo da terra (introduciron OXM e patentaron sementes) ou baixo a tépeda saia da globalización cultural acabamos adoptando formas de vida alleas até hai poucos anos.
Unha das faces do neoliberalismo foi converter a súa teoría económica nun discurso de doado acceso para a sociedade configurando unha mensaxe chea de conceptos que por soaren a sentido común remataron por se asumir sen espírito crítico
A todas luces o Estado español carece de soberanía para decidir ren. A dependencia dos ditames estranxeiros (sobre todo baixo a pauliña de erradicar a financiación) fan de calquera goberno monicreques sen personalidade. Agás aquela gallardía para seguir chuchando dos privilexios da caste política, tradición moi viva na España profunda. Pero os trespés sobre os que se ergue o molde constitucional está esnaquizado: o poder executivo só pode xestionar mandados foráneos, o poder lexislativo é un cambalache entre dous partidos xestores do sistema e a xustiza está corrompida como se aprecia en soados casos (Dívar, Camps, memoria histórica etc.). O deseño constitucional fracasou, logo ten que deseñarse un proceso constituínte.
A panca dos mercados internacionais aperta por riba ao Estado español. Pero precisamos que a panca do movemento social aperte por baixo. O estoupido será responsabilidade dos que son incapaces de se espelir contra medidas que condenan á miseria ás persoas, que as humilla e ofende.
Non poden evitar que as imaxes acontecidas en Madrid provoquen a indignación xeral (aínda que os tertulianos cumpran con afán o seu rol servil) e, así, un aumento nesa idea de se enfrontar contra o sistema
A mobilización e resistencia sociais son claves para deter o avance do cancro. En moitos casos teremos a impresión de seren batallas perdidas porque non observamos mudanzas inmediatas pero a longo prazo constitúen pasos adiante para avanzar cara a un estado de opinión de rebeldía e desobediencia. A propia actitude do estado cara aos movementos do 15M e 25S son expresións últimas da necesidade de control do descontento social. Pero non poden evitar que as imaxes acontecidas en Madrid provoquen a indignación xeral (aínda que os tertulianos cumpran con afán o seu rol servil) e, así, un aumento nesa idea de se enfrontar contra o sistema.
A esquerda cívica organizada ten a forza para deter o avance da barbarie pero tamén o deber de vixiar a aqueles que se proclamen os seus representantes institucionais. O pensamento crítico esixe ser esixentes coa esquerda política porque son anos a esgalla de conversión cando tocan o poder. Deberían someterse ao xuízo popular cada ano para que a expresión social organizada poida valorar ante eles o traballo realizado.
O pensamento crítico esixe ser esixentes coa esquerda política porque son anos a esgalla de conversión cando tocan o poder
Nestas eleccións tamén se agarda que os partidos fagan campañas diferentes, imaxinativas e pedagóxicas. A realidade é que as mobilizacións que xeraron máis debate foron as que se convocaron sen auspicios partidistas e por medio de novas ferramentas (sobre todo redes sociais). Diso deben tomar nota.
Cómpre o artellamento do movemento social, na tendencia dos foros sociais que tanto triunfaron en América Latina, promover a autoorganización e crear estruturas de empoderamento civil alleas ao goberno (por ende, ao sistema). Urdir o tecido asociativo como ágora de encontro fóra dos lindes das siglas de partido, practicar a fraternidade e a acción común para crear a cama elástica sobre a que se ergan proxectos comunados. Os representantes institucionais poderán empregar as cámaras como caixa de resonancia das demandas pero resultaralles case imposíbel modificar radicalmente as raizames do formato neoliberal. Poden amosar as contradicións intestinais do sistema pero carecen de poderes legais para mudalas. De aí que esa esquerda estea en sintonía e conexión co maré cidadá.
Cómpre o artellamento do movemento social, na tendencia dos foros sociais que tanto triunfaron en América Latina, promover a autoorganización e crear estruturas de empoderamento civil alleas ao goberno (por ende, ao sistema)
O discurso da esquerda non debe reducirse á petición de voto propio do rito dominical senón reclamar a autoorganización popular, o debate comunitario e a loita colectiva como obrigas persoais. Que ninguén delegue o seu dereito político, que todos o exerzan cada día.
A restauración no poder das clases poderosas supón a desposesión dos dereitos do pobo expresados na democracia radical. Calquera sabe quen provocou esta crise e que son diferentes os que a están a pagar. De aí que me veña á mente un dito: quen te pariu, que te lamba!