Quentamento moral

Vagamos cara un barullo de voces quebradas, no que a mocidade, espida de verbas, renunciou aos beizos de seu. Nun mundo hiperconectado resulta paradoxal que a xente nova non conte con espazos comúns para falar libremente

Vagamos cara un barullo de voces quebradas, no que a mocidade, espida de verbas, renunciou aos beizos de seu. Nun mundo hiperconectado resulta paradoxal que a xente nova non conte con espazos comúns para falar libremente. Cedemos entón as nosas vogais a aqueles que nos din o que queremos escoitar, mais tamén é preciso que alguén escoite o que queremos dicir. De non ser así corremos o risco de perder unha voz propia, e defender, por tanto, os intereses daqueles que non nos representan.

E é que, ante esta debacle na que nos atopamos, presos dun presente que condena o noso futuro, semella que só o silencio se erixe coma resposta. Non é de estrañar a pasividade. De feito, é lícita. Coma animais, ficamos inmóbeis ante o medo e non somos quen, ás veces, de pronunciar palabra. Ante a incomprensión do momento que estamos a vivir, moitos optan por desconectar do que lles arrodea, renegando do sentido da polis. É a situación derrotista, daqueles que, cansos e nun sentimento xeral de decepción, xa non agardan nada do porvir. Isto é a "apolítica".

A radicalización levou á estigmatización de termos concretos, que, se antes permitían poñer nome e apelido aos problemas que nos abranguen, agora son vistos coma "politizados"

O silencio tamén é o síntoma dun contexto actual, no cal xa nin se dan por sentadas as bases do diálogo e a libre expresión, nin tan sequera dos dereitos que noutrora nos eran garantidos. A radicalización levou á estigmatización de termos concretos, que, se antes permitían poñer nome e apelido aos problemas que nos abranguen, agora son vistos coma "politizados". Así, fica imposíbel para moitos dar unha opinión sen que esta sexa rapidamente clasificada nun aspecto ideolóxico e botada ao lixo do rexeitamento de quen, mesmo pensando igual, se opón ás siglas que pode conlevar unha palabra ou outra. O exemplo máis claro deste fenómeno é a verba "xenocidio". A efectos prácticos, non poder chamarlle aos problemas polo seu nome é sinónimo de calar.

Adoecemos unha grave falta de capacidade comunicativa e, sobre todo, de tolerancia e respecto. Acostumados a consumir contido á nosa medida, ficamos absortos da realidade plural que habitamos

As redes sociais, ademais, expoñen a aqueles que queiran compartir o seu xuízo a un algoritmo feito para o efecto viral. Este ten un enorme potencial e alcance, mais tamén unha inmensa capacidade de odio. A maioría da mocidade non está disposta a poñer en risco a súa imaxe polo que cren unha causa xusta. E iso non só se debe a que etapas coma a adolescencia, por exemplo, se basean na aprobación social. Tampouco, somentes, á importancia que ten a imaxe no mundo estético no que vivimos. Débese, e aquí o grave, á sensación de que non paga a pena. Non, porque o inmobilismo é tal, que o cambio non se mostra xa. Coma a fábula do elefante atado ás cadeas, chegamos ao momento en que, podendo liberarnos das lacras que nos oprimen, non actuamos. E non pola incapacidade física, senón polo convencemento de que, afeitos a non poder con elas, son indestrutíbeis.

A polarización é un fenómeno normal nunha sociedade que cala os seus problemas ata que estalan. Falemos, aínda que sexa, por reactancia psicolóxica

Hai tempo que o debate non é unha opción limpa e honesta. Queda demostrado nos bares, nas aulas, nas ceas familiares. Adoecemos unha grave falta de capacidade comunicativa e, sobre todo, de tolerancia e respecto. Acostumados a consumir contido á nosa medida, ficamos absortos da realidade plural que habitamos. Así, é para moitos incomprensíbel calquera visión que non a do seu mesmo ollar.

E, por suposto, cando nos eventos públicos, facemos uso da palabra para denunciar a precariedade, aínda temos que escoitar que "non é o lugar". E cal o é?

A polarización é un fenómeno normal nunha sociedade que cala os seus problemas ata que estalan. Falemos, aínda que sexa, por reactancia psicolóxica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.