Queridas teorías da conspiración: As américas como conspiración (VII)

Igrexa evanxélica no Brasil CC-BY-SA Simplus Menegati

A monarquía portuguesa sabía con total seguranza que América existía. Mediante axentes conseguiu que Colón –se cadra ao servizo de Portugal el mesmo– endereitase cara o Oeste as ansias da raíña de Castela e deixase libres as mans lusitanas para construír o seu monopolio comercial na rota escollida, a de Asia.

Aos bos patriotas españois amantes da Historia oféndeos a conspiración con que Gran Bretaña encirrou os independentismos dos territorios americanos que estaban nas mans da Monarquía Hispánica. Raramente teñen en conta que eles fixeran primeiro o mesmo coas colonias británicas na América do Norte cuarenta anos antes, e mesmo se queixan da conspiración actual que se empeña en tirarlle a España os seus méritos na independencia dos Estados Unidos, cando acaba de cumprir o seu cuarto de milenio.

Ignoran que se a contribución española á American Revolution se esqueceu foi porque os propios protagonistas tiveron tento continuado para que a súa conspiración non se coñecese… e que o Reino Unido non obrase igual cos territorios españois por todo aquel continente.

A nova mística dos evanxélicos contén a solución perfecta aos intereses norteamericanos: se a vida che vai mal non culpes as estruturas sociais, moito menos as económicas. Túa é toda a culpa porque, cando tes fe suficiente e rezas canto debes, o Señor sempre premia con riquezas, como lle fai ao teu pastor directo…

Desde hai varias décadas, na América do Centro e do Sur, moi en especial no Brasil, están a medrar e multiplicarse as igrexas evanxélicas en forma desatada e inusitada. Hai quen explica o fenómeno desde unha conspiración de base nada mística, creada por iso que chaman os intereses norteamericanos en reacción contra algo que claramente os prexudicaba: a Teoloxía da Liberación. Por mencionarmos máis variedades en teorías da conspiración, tamén hai quen asegura que esta teoloxía, á súa volta, a creou a URSS desde a súa KGB. A miña teoría particular da conspiración sospeita que este último aserto nos chega desde os tan repetidos intereses norteamericanos.

Sexa como for, un resultado obxectivo é que a nova mística dos evanxélicos contén a solución perfecta aos intereses norteamericanos: se a vida che vai mal non culpes as estruturas sociais, moito menos as económicas. Túa é toda a culpa porque, cando tes fe suficiente e rezas canto debes, o Señor sempre premia con riquezas, como lle fai ao teu pastor directo…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.