De outubro de 2023 data o cruento ataque de Hamás no sur de Israel, que motivou o comezo das represalias indiscriminadas deste sobre Gaza. Custa moito admitir que o goberno de Israel non tivese ningún indicio da operación, e certas fontes insisten en que non prestou atención a informes que lle chegaran
1941: cando os avións xaponeses atacan Pearl Harbor «por sorpresa» non atopan alí os portaavións americanos que, contra o que agardaban, saíran en manobras. Coa mesma, ao embaixador nipón que levaba a declaración de guerra retivérono unhas horas para que a súa agresión constase sen paliativos como traizón, a guerra sen declarar. Pregúntase con fundamento se o ataque foi realmente por sorpresa, se os americanos xa o sabían e o deixaron correr porque precisaban o motivo redondo para entraren na guerra.
De outubro de 2023 data o cruento ataque de Hamás no sur de Israel, que motivou o comezo das represalias indiscriminadas deste sobre Gaza. Custa moito admitir que o goberno de Israel non tivese ningún indicio da operación, e certas fontes insisten en que non prestou atención a informes que lle chegaran.
Desde esa crenza deducen outros que o goberno do Netanyahu mesmo promoveu a criminal incursión de Hamás que tantísimas vítimas e reféns produciu, para ter motivo, o pretexto supremo para aplanar Gaza primeiro, anexionala logo e, mergullados nun conflito máis amplo proseguido con enerxía polo propio Israel armado, estenderse ao Líbano e á Cisxordania, anexionando territorios nun obvio camiño cara o Grande Israel con métodos que escandalosamente evocan os da Alemaña de Hitler, e tan pouco respectuosos como ela coa vida das etnias que non lle son propias.
Certo que, nese mesmo espazo, a primeira conspiración é o complot amplo para acusar de antisemita todo aquel que suxira a máis leve crítica contra o Estado de Israel e a súa política.
Abofé, as posibilidades de teorías tenden ao infinito: moitas delas oscilan entre causas e consecuencias tan coherentes que se antollan convincentes.