Queridas teorías da conspiración: Esas teorías da conspiración (I)

Gravado do artista neerlandés Gerrit Willem Dijsselhof titulado 'A araña e a telaraña' e conservado no Rijksmuseum Dominio Público Gerrit Willem Dijsselhof

É a miña intención irreflexionar sobre varias das conspiracións máis ou menos supostas ao longo da Historia, lonxe e algunhas perto de nós. Coas súas posibilidades infinitas, a singraren entre o reino da Mentira e as verdades comunmente asumidas

Sempre me interesaron as teorías da conspiración, nunca o neguei: excitan a imaxinación e con frecuencia descargan unha fumeira de humor ou de ironía. Outra cousa ben diferente é tomalas en serio por sistema. E mais algunhas son para facelo.

Unha das máis acreditadas é o asasinato de Kennedy: á conta de darlle voltas, a conspiración deixou de ser teórica, o cal non significa que estea desentrañada: xa non cre ninguén na explicación inicial, a do Lee Harvey Oswald único magnicida grazas á bala máxica. As explicacións son varias, máis ou menos excluíntes mutuamente, e culpan o FBI ben concordado coa mafia, a Unión Soviética, o vicepresidente Johnson, John Wayne, os apaches Chiricahua, a Reserva Federal, cubanos anticastristas, a CIA, a Cuba de Castro, Superman, mostrario de extraterrestres varios, Ana Pontón… 

Hai outra que xa leva moito circulando, mais eu coñecina hai pouco para de inmediato se converter na miña preferida. Esa é a característica máxica destas teorías con tantas pólas: sempre podes escoller e aferrollarte á que mellor che acae. A miña predilecta di que a Kennedy o matou o Estado de Israel –non sei se a través do Mossad, nin importa– porque se opuña en forma manifesta e frontal a que ese estado conseguise a bomba atómica, hostilidade que non forma parte de ningunha teoría, senón que é probada e segura. 

Non sei se será esa a verdade, a explicación, a única solución ao enigma. Mais non negaredes que ten sentido, e moito. Non é?

É a miña intención irreflexionar sobre varias das conspiracións máis ou menos supostas ao longo da Historia, lonxe e algunhas perto de nós. Coas súas posibilidades infinitas, a singraren entre o reino da Mentira e as verdades comunmente asumidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.