Convencido de que vai resultar disparatada, vou acometer unha enumeración arbitraria de diversas teorías conspiratrices que me viñeron chegando en épocas e por camiños moi variados, e de momento imos deixar descansar tranquilos os Illuminati, o Santo Grelo, os cátaros e os masóns
Convencido de que vai resultar disparatada, vou acometer unha enumeración arbitraria de diversas teorías conspiratrices que me viñeron chegando en épocas e por camiños moi variados, e de momento imos deixar descansar tranquilos os Illuminati, o Santo Grelo, os cátaros e os masóns.
Quen facilitou e financiou que Lenin iniciase a Revolución Soviética foi o Imperio Alemán, porque lle conviña na súa guerra con Rusia. A idea que conservamos de Hitler como o home máis malvado da Humanidade é falsa, que a creou un contubernio formado polo gran capital norteamericano, xudeu case todo el. Ese bondadoso señor Hitler iniciou a Segunda Guerra Mundial por mandato do mesmo gran capital norteamericano. Unha vez acabada, o Estado de Israel constituíuse coas beizóns dos sucesores na sombra da Alemaña nazi, eses mesmos que fundarían logo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, para pausadamente inducila a converterse na actual Unión Europea: chega con contemplar como escolle os seus dirixentes supremos, sen putañeira elección.
Suxírese a existencia dunha pequena trama profanadora que procura o exterminio dos católicos mediante a introdución de partidas globais de hostias aínda sen consagrar, caducadas. Están os evanxélicos da CIA detrás? Non creo, máis ben galegos ateos.
As posibilidades de explicar a realidade toda, a histórica, a social, mesmo tamén a persoal, ofrécenos a cada quen de nós un abano de posibilidades tan infinito que non temos dereito a malgastar o noso tempo sen aproveitalas ben
Na Galiza de hoxe parece que unha conxuración –conforme co noso carácter, moi comedida– pretendería montar o aparello legal que consinta confinar en arresto domiciliario, só cando chove, os visitantes chegados de Madrid: nin Segovia, nin Toledo nin Soria interesan. A razón alegada será de seguridade, vítimas agredidas polo torpísimo uso dos paraugas. Confío en que nunca progrese, por discriminatoria, case diriamos racista.
As posibilidades de explicar a realidade toda, a histórica, a social, mesmo tamén a persoal, ofrécenos a cada quen de nós un abano de posibilidades tan infinito que non temos dereito a malgastar o noso tempo sen aproveitalas ben.