O resultado máis probábel será a vitoria electoral da conservadora Unión, formada polos partidos CDU e CSU (partido de ámbito bávaro), co seu candidato a chanceler Friedrich Merz. Con arredor do 30% do voto, as enquisas recentes a mostran, con moita diferenza, como o partido máis votado. Mais, con quen gobernará?
O próximo domingo, o 23 de febreiro, a cidadanía alemá ten unha cita coas urnas electorais. Trala disolución do Bundestag polo Presidente Federal Steinmeier o 27 de decembro de 2024, está chamada a elixir un novo parlamento federal. Estas eleccións anticipadas —orixinalmente estaban previstas para o mes de setembro— son consecuencia da ruptura da coalición entre Socialdemócratas (SPD), Verdes (Grüne) e Liberais (FDP), liderada polo Chanceler Federal Olaf Scholz (SPD). Unha ruptura que se albiscaba dende hai meses dados os desacordos cada vez máis intensos entre os socios de goberno, sobre todo por mor da oposición interna exercida polo FDP. Como consecuencia, a principios de novembro de 2024, todos os ministros liberais, excepto un, abandonaron o gabinete, o que fixo que Scholz solicitase unha moción de confianza para o 16 de decembro de 2024. Como era previsíbel, con 207 votos a favor e 394 en contra, esta non obtivo a maioría necesaria no Bundestag, poñendo deste xeito unha fin prematura ao primeiro —e, seguramente, único— mandato do Chanceler socialdemócrata.
Todo apunta a que as eleccións traerán un cambio de goberno. Os tres partidos gobernantes perderon grande parte da confianza depositada neles nos últimos comicios e actualmente están recibindo nas sondaxes resultados significativamente inferiores aos de 2021. O resultado máis probábel será a vitoria electoral da conservadora Unión, formada polos partidos CDU e CSU (partido de ámbito bávaro), co seu candidato a chanceler Friedrich Merz. Con arredor do 30% do voto, as enquisas recentes a mostran, con moita diferenza, como o partido máis votado. Mais, con quen gobernará?
Que cómpre agardarmos dun Chanceler Merz? A axenda política do rival da anterior Chanceler Angela Merkel é a dun conservador de liña dura: unha política económica neoliberal, fortes recortes do gasto social, limitación da migración con rexeitamentos nas fronteiras e un enfoque de lei e orde na materia de seguridade interior
A dereitización do discurso político comportou un forte aumento da extrema dereita, encarnada pola Alternativa para Alemaña (AfD), que podería alcanzar unha porcentaxe de votos de arredor do 20%. En principio, Merz descartou repetidamente calquera cooperación coa AfD, o que non lle impediu, así a todo, aprobar fai unhas semanas no Bundestag unha proposta para endurecer a política migratoria cos votos desta última. Un tabú roto que fai que o "muro de contención" entre a CDU/CSU e a AfD semelle máis fráxil que nunca. O socio de goberno máis obvio, pola súa parte, os liberais, corre actualmente o risco de fracasar co umbral do 5% dos votos preciso para entrar no parlamento. Para formar goberno, a Unión terá, polo tanto, que negociar cos Socialdemócratas ou os Verdes, posibelmente con ambos. Aínda que os Conservadores e o SPD se criticaron duramente durante a campaña, ambos mostran vontade de se sentar tralas eleccións para superar as súas diferencias, que en moitos aspectos semellan máis de matiz que de principio. En canto aos Verdes, a CSU bávara descartou unha cooperación, pois acusa aos mesmos de posuíren a maior parte da culpa da má situación económica do país. Porén, un cambio de opinión despois das eleccións non é imposíbel. O candidato dos Verdes móstrase aberto a esta opción e, nos últimos meses, as posicións do partido fóronse acercando ás dos conservadores en moitos ámbitos, especialmente en materia de política exterior e de seguridade, mais tamén na política migratoria.
O futuro político alemán preséntase, polo tanto, cando menos para quen asina estas liñas, desalentador. Todo apunta a un xiro pronunciado cara á dereita que semella inevitábel. A esperanza de que, durante as negociacións de coalición, Merz se vexa obrigado a moderar algunhas das súas posturas máis extremas é cada vez máis feble
Que cómpre agardarmos dun Chanceler Merz? A axenda política do rival da anterior Chanceler Angela Merkel é a dun conservador de liña dura: unha política económica neoliberal (é autor dun libro titulado "Atreverse a máis capitalismo"), fortes recortes do gasto social, limitación da migración con rexeitamentos nas fronteiras (que resultarían contrarias ao dereito comunitario) e un enfoque de lei e orde na materia de seguridade interior. A súa postura con respecto aos dereitos das mulleres e da comunidade LGBTIQ+ é similarmente preocupante. O seu historial de votacións como parlamentario inclúe votos en contra da liberalización do aborto ou, en 1997, en contra da penalización da violación no matrimonio e aínda o ano pasado opúxose á reforma do infame art. 218 do Código Penal, que criminaliza os abortos. Ademais, fíxose notar repetidamente por comentarios homófobos e recentemente afirmou a súa simpatía pola política de Donald Trump de recoñecer soamente dous sexos. A loita contra o cambio climático tamén se verá afectada, pois Merz avoga por un enfoque máis laissez faire para alcanzar os obxectivos medioambientais. En materia de política exterior, haberá un compromiso co atlantismo, a OTAN e a relación con Israel. De feito, aínda a semana pasada Merz declarou que un goberno baixo o seu liderado non executaría a orde de arresto contra Benjamin Netanyahu emitida pola Corte Penal Internacional.
O progresivo achegamento do SPD e dos Verdes a posicións máis conservadoras, especialmente en cuestións de migración e seguridade, non fai máis que afondar esta incerteza
O futuro político alemán preséntase, polo tanto, cando menos para quen asina estas liñas, desalentador. Todo apunta a un xiro pronunciado cara á dereita que semella inevitábel. A esperanza de que, durante as negociacións de coalición, Merz se vexa obrigado a moderar algunhas das súas posturas máis extremas é cada vez máis feble. O progresivo achegamento do SPD e dos Verdes a posicións máis conservadoras, especialmente en cuestións de migración e seguridade, non fai máis que afondar esta incerteza. A oposición parlamentaria, que previsibelmente estará encabezada pola AfD, promete pouca capacidade de resistencia, mesmo se o partido Die Linke (A Esquerda) logra entrar de novo no Bundestag, como suxiren as últimas enquisas. Dadas estas circunstancias, os vindeiros anos auguran tempos difíciles para a clase traballadora, as persoas migrantes, as minorías e, en xeral, para o progreso social. Só queda agardar que a sociedade civil organizada, como xa demostrou recentemente nas rúas, manteña a súa capacidade de mobilización e se opoña ao avance da extrema dereita, tanto fóra como dentro do goberno.