Rachando coas saias

Na semana do 25N, día mundial contra as violencias machistas, toca poñer novamente o foco nas escolas como un espazo fundamental no que traballar pola sociedade feminista que queremos e precisamos. Unha trincheira fundamental contra o machismo, na que cada día ir dando pasos pola igualdade.

Para eles o fútbol, para elas as bonecas, para eles a ciencia, para elas as letras, para eles, a fortaleza, para elas a comprensión, para eles, tamén, os pantalóns, para elas, saias e vestidos

Estudos recentes sobre a transmisión dos roles de xénero alertan de que é nas idades máis temperás cando as nenas comezan a aceptar como propias as capacidades, desexos e aptitudes vinculados, tradicionalmente, co feminino. Deste xeito, con só seis anos, as nenas comezan a aceptar como certas afirmacións tales coma que os seus compañeiros, varóns, son mellores en matemáticas, ou que elas están sempre moi guapas, ou peor aínda, máis guapas caladas. E así, pouco a pouco van asumindo que a submisión, o conformismo, a beleza, a finura ou a delicadeza son características propias que deben cultivar para ser socialmente aceptadas e valoradas. Para eles o fútbol, para elas as bonecas, para eles a ciencia, para elas as letras, para eles, a fortaleza, para elas a comprensión, para eles, tamén, os pantalóns, para elas, saias e vestidos.

Neste senso, a imposición do uniforme escolar diferenciado é un exemplo máis da división binaria de roles, que alén de deixar a moitas persoas fóra, non fai máis que perpetuar estereotipos machistas propios da división patriarcal entre os sexos que van ter un impacto claro no desenvolvemento da infancia.

A cuestión da diferenciación sexual na vestimenta xa foi obxecto dunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de abril de 2011 que considerou contraria ao principio de non discriminación por razón de sexo recollido ni artigo 14 da Constitución

Non é unha cousa nova, a cuestión da diferenciación sexual na vestimenta xa foi obxecto dunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de abril de 2011 que considerou contraria ao principio de non discriminación por razón de sexo recollido ni artigo 14 da Constitución Española, a práctica habitual na sanidade privada pola cal as auxiliares e enfermeiras se vían obrigadas a vestir un uniforme consistente en cofia, mandil con peto saia e medias, sen posibilidade de elixir a vestimenta sanitaria de pantalón e camisa que empregan os seus equivalentes homes. É dicir, o Tribunal Supremo determinou que obrigar ás mulleres a levar saia no traballo era contrario ao principio de non discriminación, contrario ao dereito constitucional e acabou obrigando a que moitas empresas tiveran que mudar as súas normas de vestiario.

Neste senso a cuestión parece clara: por que nas empresas non e nas escolas si?  Acaso non é unha contradición, á luz da devandita sentenza, o feito de que a case totalidade dos centros educativos que teñen uniforme escolar manteñan de forma obrigatoria un código de vestimenta diferenciado por sexo entre alumnas e alumnos? Non podería incorrer en vulneración das garantías constitucionais, ademais de, por suposto, fomentar uns estereotipos de xénero contrarios á igualdade efectiva entre mulleres e homes?

Estamos a ensinar ás nosas fillas a ser guapas antes que felices, e iso está tan profundamente enraizado nos nosos corpos e nas nosas mentes que vai ser moi difícil de superar

O que está no fondo é, como di a presidenta da Asociación Gafas Lilas, que o que pesa a beleza, a finura e a feminidade está por encima da igualdade. Estamos a ensinar ás nosas fillas a ser guapas antes que felices, e iso está tan profundamente enraizado nos nosos corpos e nas nosas mentes que vai ser moi difícil de superar.

Nese senso, o uniforme escolar diferenciado está sendo xa obxecto de debate en países do noso entorno. Como no Reino Unido, onde no inicio do curso pasado eliminaron a referencia sexuada nos códigos de vestimenta. Tamén no Estado español, onde nenas como Sina están dicindo abonda xa desta distinción inxusta. Sina, é unha nena de oito anos que un día lle dixo á súa nai que non quería volver levar saia ao colexio. Unha pioneira que deu pé ao comunicado “Porque nos colexios só se educan persoas: uniforme único” que sería parte do xerme das iniciativas que levamos tanto ao Congreso como ao Parlamento Galego.

Presenciar o debate no Parlamento Galego, e máis aínda, o ambiente do mesmo, foi unha proba máis do moito camiño que queda por diante. Entre as brincadeiras e frivolidades da bancada popular (“Que importa que as nenas leven saia?”; “Por que ti mesma a levas?”, etc.)  relucía, unha vez máis, o espellismo da igualdade. Entre as risas, unha certeza, tocamos fibra sensible. E ao final, na votación, a sorpresa: sacamos adiante a nosa proposta por unanimidade e, a partir do vindeiro curso, os uniformes diferenciados serán cousa do pasado. É dicir, que o Partido Popular que votou non no Congreso, vota si no Parlamento Galego. Un cambio de opinión que, pola nosa banda, non podemos máis que celebrar.

Sacamos adiante a nosa proposta por unanimidade e, a partir do vindeiro curso, os uniformes diferenciados serán cousa do pasado

A saia, neste caso, é moito máis que un símbolo. Abordar este debate debería partir da idea de que a saia é un instrumento que reproduce e visibiliza o modelo de como queremos que sexan as nosas nenas: querémolas finas, educadas, guapas, tranquilas, coas pernas pechadas... Aos nenos, pola contra, edúcaselles para que sexan fortes, intrépidos, líderes... 

Se as nenas, polo feito de selo, teñen que ir á escola con saia ou vestido, se cada vez que poñen saia escoitan “que guapa estás” seguimos perpetuando estereotipos machistas. Que o profesorado explique ao alumnado que todos son iguais mentres se impoñen vestimentas que fomentan a submisión das nenas, non serve.

Alguén entendería que os nenos brancos estivesen obrigados no cole a levar pantalóns brancos e os negros, por exemplo, pantalóns negros? Seguramente nos parecería unha barbaridade. Entón, por que toleramos que iso pase por unha diferenza de sexo? Como di Sés nos seus concertos, esta técnica é unha boa maneira de poñer luz sobre o machismo. Cando teñamos dúbidas sobre como valorar unha situación mudemos a palabra muller por negro, se o que pasa nos violenta, está claro, estamos ante unha situación machista que cómpre reverter.

O goberno autonómico ten a obriga de traballar por un ensino igualitario, onde non se manteña o financiamento de escolas que segregan nenas e nenos, onde se poñan recursos para loitar contra as desigualdades e violencias machistas

O goberno autonómico ten a obriga legal de loitar contra estas situacións, a obriga de traballar por un ensino igualitario, onde non se manteña o financiamento de escolas que segregan nenas e nenos, onde se poñan recursos para loitar contra as desigualdades e violencias machistas de cada día, onde o patio sexa un espazo igualitario, onde as nenas aprendan que a causa pola que van ter peores salarios que os seus compañeiros, máis precariedade laboral, máis paro, menos postos de responsabilidade, por suposto que non se chama capacidade, nin tampouco azar, senón machismo. Que a causa de que sexan sinaladas, cuestionadas, vixiadas e golpeadas, chámase machismo.

Rematar cos uniformes diferenciados é un paso, máis queremos que sexa tamén unha mensaxe de optimismo e alento a todas as nenas do país, estamos con vós. E imos seguir traballando para que os berros feministas das rúas, os que retumbaron o 8M, o eu si te creo, o #MeToo se escoite dentro de todas as institucións. De todas aprendemos que abonda xa de chamarlle democracia senon é con nós. Abonda xa de chamarlle dereitos se non son para todas.

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.