A actual crise do coronavirus está a visualizar as costuras da configuración dos Estados do Benestar, preparados para a atención dunha multiplicidade de necesidades, pero non para esta nova pandemia. Non cabe dúbida de que agora mesmo o primeiro e principal reto que afrontar como sociedade é salvagardar o maior número de vidas posible ante esta traxedia. Porén, unha vez que a intensidade da urxencia sanitaria diminúa, o interese do conxunto da sociedade deberá pivotar para aplicar toda a súa intensidade en enfrontar o problema económico consecuencia da expansión desta nova doenza. Mentres tanto e no actual contexto, o papel da economía deberá ocupa un segundo plano, a pesar da súa relación directa coa disposición e xestión dos recursos.
Unha vez que a intensidade da urxencia sanitaria diminúa, o interese do conxunto da sociedade deberá pivotar para aplicar toda a súa intensidade en enfrontar o problema económico consecuencia da expansión desta nova doenza
A declaración do estado de alarma trouxo como consecuencia unha forte diminución (e incluso parada) na produción en numerosos sectores, producindo o que en economía se coñece como shock de oferta. As medidas económicas que, de forma xeral e con diferente intensidade, os países están a poñer en práctica fronte á crise do COVID-19 están dirixidas a que esta contracción temporal da oferta se traduza nun shock de demanda (como o producido durante a anterior crise, que tiña características diferentes), de maneira que a capacidade de consumo dos cidadáns se vexa afectada o menos posible, especialmente no referido aos produtos básicos (alimentación, vivenda, fármacos, etc.). De igual maneira, a mobilización de capitais para financiamento das empresas está dirixida a manter durante a parada produtiva a estas entidades nun estado de latencia que permita a súa posterior posta en marcha, nun contexto de mercado que estará caracterizado pola urxencia de recuperación, a forte competitividade e a avidez das multinacionais en amosar resultados para os seus inversores en forma de dividendos. As recentes peticións dirixidas á Unión Europea (UE) para a posta a disposición dun importante volume de recursos para os traballadores e as empresas irían encamiñada a paliar esa situación de parada produtiva. Neste caso, a pesar da posible conveniencia para España de instrumentos como os coñecidos como Coronabonos, non sería a única alternativa na que enfocar todas as enerxías. Esta interpretación levou a que, con data 2 de abril, a Unión Europea anunciase a través da presidenta da Comisión Ursula von der Leyen o lanzamento do programa coñecido como Sure, consistente en préstamos garantidos polos Estamos Membros coa finalidade de financiar e compensar a perda de ingresos dos traballadores, especialmente en Italia e España. Se ben o feito en si da existencia desta liña de axudas é positivo, cómpre ser prudentes no relativo á suficiencia dos recursos mobilizados e ante as posibles contrapartidas que poidan ser impostas desde Unión Europea como contraprestación a esta medida. A desconfianza aínda planea sobre unhas institucións europeas caracterizadas polo afastamento da cidadanía e a ausencia de democracia, a defensa dos intereses dos países do norte europeo ou as políticas favorecedoras para o sector financeiro, en detrimento do interese social.
Esta volta á “normalidade”, que está sendo frecuentemente representada nun gráfico como unha curva en forma de V, é posible que se torne nunha saída en forma de U, de acordo con parte dos expertos
Unha vez atendidas as principais urxencias e necesidades derivadas da pandemia do COVID-19 e nun escenario de transición (con certo nivel de incertidume en diferentes áreas, como a social, a profesional,…), debera primar na reactivación económica a recuperación da clase traballadora. Na liña de planificar o arranque da produción irían as demandas de creacón dun novo “Plan Marshall” de reactivación económica. En efecto, para volver a arrancar a produción precisaranse novas medidas e, en calquera caso, a provisión de políticas económicas e sociais requirirá, ademais dos recursos e da planificación, dunha inxente dose de creatividade que permita atender as necesidades xurdidas ad hoc. En adición, será preciso ter en conta que, cando a reactivación da produción comece, pode producirse unha situación temporal na que a oferta e a demanda nacional non casen, o que podería precisar de novos axustes. Esta volta á “normalidade”, que está sendo frecuentemente representada nun gráfico como unha curva en forma de V, é posible que se torne nunha saída en forma de U, de acordo con parte dos expertos. A idea é que canto maior sexa o impacto económico da pandemia na clase traballadora, menor pendente positiva terá a recuperación da curva, xa que o comportamento destes axentes económicos é máis sensible, entre outras cuestións, a posibles desaxustes producidos pola falta de recursos, ineficiencias das políticas de mitigación implementadas ou a mudanzas nas súas expectativas como consumidores (é posible que o consumidor se amose retraído -ou limitado- en determinado tipo de gastos como vacacións, eventos multitudinarios, ou ante posibles situacións transitorias de diminución da seguridade, etc.).
En canto á radiografía xeral do funcionamento do mercado nun contexto de pandemia marcado pola urxente necesidade de determinados bens e servizos, non se pode pasar por alto a existencia de entidades que acaparan estes bens e servizos necesarios e exercen o seu poder de monopolio (ou de oligopolio, segundo os casos) no mercado. Sobran exemplos de actuacións excesivas, coma o prezo dos respiradores multiplicando o seu valor ata doce veces, o acaparamento de material de primeira necesidade, as entidades financeiras planeando de novo sobre a posible débeda pública, as empresas con grandes concesións tentando detraer os seus lucros do ámbito público, etc.). Se algo queda en evidencia con estas actuacións é como os (deuses, para algúns) mercados antepoñen a maximización do lucro individual sobre valores universais coma o benestar xeral (sanitario e social neste caso).
Cómpre definir con precisión cales serán os obxectivos, realistas e concretos, que queremos acadar como sociedade para ese longo prazo, que instrumentos será preciso mobilizar para lograr eses obxectivos e como se repartirán as responsabilidades e cargas desa necesaria mudanza
Unha vez enfrontadas e superadas as problemáticas da economía na pandemia (seguirán xurdindo novas situacións polo camiño), a pregunta que nos deberiamos facer como sociedade e individuos económicos é se, cando teñamos oportunidade, queremos volver ao mesmo tipo de “normalidade” que tiñamos. Nesa “normalidade” previa, sucesos como a actual pandemia e a falta de recursos para afrontala poden volver a repetirse como consecuencia do funcionamento dunhas economías marcadas pola voraz erosión dos estados de benestar e a destrución dos ecosistemas impulsada por un neoliberalismo insaciable. Para comezar a superar o modelo de acumulación neoliberal dominante, ademais de maior formación económica xeral, sería preciso apoiar, planificar e aplicar en maior medida políticas que promovan unha economía máis social e sustentable, co benestar cidadán e o respecto ao medio ambiente como centro, unha economía na que os mercados non subxuguen ao ser humano, senón unha economía na que eses mercados dialoguen nunha nova orde cos restantes axentes (individuos, terceiro sector, sector público, etc.) dentro do marco da utilidade e servizo para a sociedade. Sen embargo, sabemos que a meirande parte dos poderes económicos, institucións non democráticas, transnacionais e multinacionais, cobizosos e ruíns seguirán a presionar na dirección contraria empregando todos os seus recursos… Fronte a esta resistencia ao cambio estrutural cómpre, xa que logo, definir con precisión cales serán os obxectivos, realistas e concretos, que queremos acadar como sociedade para ese longo prazo, que instrumentos será preciso mobilizar para lograr eses obxectivos e como se repartirán as responsabilidades e cargas desa necesaria mudanza.
Queda moito por facer aínda, non cabe dúbida,..