Rajoy contra os autónomos

2014 trouxo malas novas para os autónomos. Principiou a vixencia do réxime de caixa do IVE para aqueles que o escollan, que supostamente cumpriría a promesa electoral do 2011 de que os autónomos e pemes só pagarían o IVE cando o desen cobrado. E non hai tal, porque o sistema é impracticábel, ao vencellar tamén  ás empresas que pagan as facturas. Aturan de bo grao as grandes empresas que a súa peme provedora lles vincule en todas as súas relacións coa mesma? Xa saben a resposta. A opción polo réxime de caixa conleva na práctica o carimbo  de “empresa problemática”. Velaí a inutilidade deste sistema, cando pola Europa adiante había exemplos abondo de sistemas operativos. Das resultas desta mentira, menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema ( restrinxido aos que facturan menos de dous millóns de euros por ano) poderán usalo.

Menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema (restrinxido aos que facturan menos de dous millóns de euros por ano) poderán usalo

As pemes (considerando nesta categoría ás empresas de menos de 25 traballadores) tamén sufriron a supresión da norma que lle atribuía ao Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) o  pagamento do 40% das indemnizacións por despedimento obxectivo. E viron como subía un 22% a cota mínima de cotización á Seguridade Social dos autónomos que operan a medio de sociedades mercantís (case sempre S.L. unipersonais ou de moi poucos socios), penalizando deste xeito a decisión xurídica máis acaida para garantir a separación entre patrimonio empresarial e persoal. Separación imprescindíbel para emprender con mínimas garantías. Ao tempo, os salarios reais minguaban e os impostos empresariais medraban coa implantación da cotización dos bonos para xantar de empresa e outros pagamentos “en especie”.

O PP segue a lle dar as costas aos autónomos e pemes e a  privilexiar ás corporacións do IBEX 35 e demais beneficiarios do capitalismo castizo do BOE

Rajoy e Montoro, outravolta, deixan en papel mollado as súas supostas medidas pro emprendemento  e ratifican a súa fin de seguir a se financiar con cargo ás pemes e autónomos, canda os asalariados. Mentres, arromban a precisa reforma do Imposto de Sociedades para suprimirmos as deducións que privilexian á grande empresa (que foi quen de introducir cadansúa dedución por “lobby”). Xusto o grande burato da recadación fiscal que está a pexar o Estado do Benestar.

O PP segue a lle dar as costas aos autónomos e pemes e a  privilexiar ás corporacións do IBEX 35 e demais beneficiarios do capitalismo castizo do BOE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.