Rajoy e os seus ministros, o Micky e os Tonys do século XXI

Hai días que teño a sensación de ter retrocedido no tempo, a un tempo que ás veces esquezo que non vivín, pero que sinto familiar, pois aínda quedan restos del na nosa sociedade, e se non, evocábannola series como Cuéntame como pasó, que tras tantos anos de emisión xa era unha máis á mesa durante as ceas das familias españolas.

Chego á casa co xornal baixo o brazo e tras engulir algunhas noticias desoriéntome ao non encontrar no salón un sofá de sky, ao ver unha televisión de pantalla plana onde non hai sitio para aquela folclórica incitando presuntuosa ese touro que como di a canción "dá medo ver".

Entón, desorientada, volvo mirar o xornal, as noticias son as que eu recordaba ter lido. Que rompe a negociación colectiva entre empresas e traballadores, sendo o empresario o que ten total impunidade fronte ao obreiro. Máis abaixo, en grosa, un titular que indica que as mulleres son relegadas ao fogar, ao coidado dos fillos, ese “froito do seu ventre” que as "realiza verdadeiramente como mulleres", (como dicía aquel que un día foi alcalde e hoxe ten carteira), xa que segundo reza a noticia, se eliminan as bonificacións cando unha muller se reincorpora ao traballo, se lles condiciona o dereito a unha xornada reducida, e se limita o permiso de lactancia.

Nunha marxe do diario fálase da probabilidade de que a interrupción voluntaria do embarazo volva ser tipificada como delito no Código Penal... (pregúntome se polo menos se fará unha rebaixa nos voos a Londres, que estamos en crise, e estas cousas hai que prevelas)

Ao lado, nunha marxe do diario fálase da probabilidade de que a interrupción voluntaria do embarazo volva ser tipificada como delito no Código Penal... (pregúntome se polo menos se fará unha rebaixa nos voos a Londres, que estamos en crise, e estas cousas hai que prevelas). Hai un anuncio dun centro de estética, e unha rapaza sae ensinando o peito, busco a ver se aparece por algún lado aquela abreviatura de Níhil óbstat, aínda que dubido que o anuncio puidese pasar a censura.

Si, as noticias son as que son, pero a data é do ano 2012, non hai lugar a ter vivido unha regresión, nin un retorno ao pasado...

Si, as noticias son as que son, pero a data é do ano 2012, non hai lugar a ter vivido unha regresión, nin un retorno ao pasado... Nin sequera a terme dado un golpe na cabeza e estar a delirar, (cousa que seguramente me doería menos que admitir que é a realidade). Non hai nada que me leve dun xeito tan real aos anos 60 coma o noso Presidente do Goberno e os seus ministros. Eu imaxínooo como aquel grupo de música da época, Micky e os Tonys, lembrades?

Entre divagacións, sigo desconcertada. Na cociña, o embutido non está en papel de estraza, non hai botellas de Mirinda, senón Coca-Cola Zero, e parece que todo segue en orde. Deixo o xornal sobre a mesa e acendo a televisión para ver o telexornal. "Eliminouse o Ministerio de Ciencia e Innovación, e as partidas presupostarias para I+D+I redúcense en 600 Millóns de euros... ". Cambio de canle. Un reporteiro indica a situación sanitaria do país "Segundo as enquisas do CIS a sanidade é unha das principais preocupacións para os cidadáns... O favorecemento ao copago fai prever que existirá unha sanidade para que poida permitirlla e unha sanidade de segunda, como na época da mendicidade"...

Cambio de canle. "Ao contrario do que están a facer o resto de países da Unión, o Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, mentres paraliza o desenvolvemento das enerxías renovables, aposta pola enerxía nuclear, proba diso é que alongue a vida de centrais nucleares, como a de Garoña, que ía ser pechada en 2013, e xa non será así". Eu é escoitar nuclear, e a miña mente trae a min a imaxe de Fraga en bañador naquel baño en Palomares... Asociación de conceptos, será. Case mellor apago a tele.

Pecho os ollos e penso: "cen días, só van cen días, e xa retrocedemos trinta anos, aínda lles queda moito por tocar a Micky e os Tonys"

Recóstome no sofá, e de esguello miro o xornal que hai un anaco traía baixo o brazo. O titular máis grande da portada parece rirse de min, "100 días de goberno de Rajoy". Pecho os ollos e penso "cen días, só van cen días, e xa retrocedemos trinta anos, aínda lles queda moito por tocar a Micky e os Tonys".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.