Rajoy e Wert, eses viláns de cómic

Xa nos ameazaba o hoxe presidente do Goberno e por aquel entón candidato do PP, Mariano Rajoy, no debate contra Alfredo Pérez Rubalcaba. "Teño un plan", repetía. Esta frase, que podería ser de calquera vilán de cómic, é a que o levou directo á Moncloa (quizais porque non nos explicou en que consistía exactamente).

Como todo vilán, necesitaba dun axudante, e tal é o papel de José Ignacio Wert, O Ministro da Wertgüenza, como así o bautizaron as redes sociais, ou O Ministro dos titulares, xa que lle pega máis a cadeira de tertuliano de Intereconomía que a carteira. Entre os dous están a levar a cabo o seu plan, e os mozos, que disto dos cómics algo sabemos, xa imos vendo por onde van os tiros.

Imaxínoos, refregando as mans entre o fume dos puros, ao tomar as decisións. "Mariano, teño unha idea, a primeira medida que tomaremos será recortar á metade as bolsas e axudas ao estudo de idiomas no estranxeiro. Así, os mozos non poderán aprender idiomas, e cando vexan que a única saída que lles queda é emigrar, pensaránllelo dúas veces, quedarán e aceptarán calquera emprego que lles ofrezamos. Así que aproveitando a reforma laboral, podemos poñer un contrato de formación dun ano, e ao rematar, os despediremos totalmente gratis, e que vaian encadeando contratos lixo ata os trinta, podemos despedir os seus pais por dous duros, contratalos a eles e que pareza que nos preocupa a xuventude".

As liñas xerais son claras, recortar en ensino público mentres financian a privada. E se os mozos decidimos queixarnos, saír á rúa a protestar pacificamente, xa sabemos #quenéoinimigo destes viláns

O plan comeza a debuxarse, pero xa traía marcadas as liñas no bosquexo. Primeiro cargáronse a materia de Educación para a cidadanía, decidiron alongar un ano máis o bacharelato, suprimindo o cuarto curso da ESO, para así falsear os datos sobre abandono escolar, (porque como eles á educación pública non lle dan valor, se deben de pensar que somos parvos, e non nos decatamos da xogada). As liñas xerais son claras, recortar en ensino público mentres financian a privada. E se os mozos decidimos queixarnos, saír á rúa a protestar pacificamente, xa sabemos #quenéoinimigo destes viláns.

Outra idea xenial do señor Wert foi querer enlazar as bolsas coa excelencia do alumno, primarán as notas sobre a súa situación económica. Claro, todos sabemos que un alumno ao que os seus pais lle poden pagar a carreira, e él adicarse a estudar, estará en igualdade de condicións para sacar as mesmas notas que ese outro alumno que para poder pagarse a matrícula ten que traballar, cun contrato lixo dos que falabamos (e iso se ten a sorte de encontrar traballo).

O plan xa ten un nome: Desmantelar o estado de benestar e destruír a igualdade de oportunidades. Non sei a vós, pero a min, nunca, en ningún cómic, houbo dous viláns que me desen tanto medo

Como vemos, levan pouco de vida malévola, pero o plan xa ten un nome: Desmantelar o estado de benestar e destruír a igualdade de oportunidades. Non sei a vós, pero a min, nunca, en ningún cómic, houbo dous viláns que me desen tanto medo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.