Rajoy tiña que sabelo

O actual- e inaturábel- nivel de corrupción da actividade política no Estado ten a súa causa sobranceira na colonización das institucións desenvolvida os últimos 30 anos pola cada vez máis ampla burocracia do bipartidismo PP-PSOE

O actual- e inaturábel- nivel de corrupción da actividade política no Estado ten a súa causa sobranceira na colonización das institucións desenvolvida os últimos 30 anos pola cada vez máis ampla burocracia do bipartidismo PP-PSOE. Unha burocracia que medra para, porén, depender cada vez máis dun pequeno grupo dirixente, que decide as candidaturas electorais e os postos institucionais, convertendo a louvanza ao xefe, a adhesión acrítica e o espírito gregario nos principais valores para desenvolver unha carreira política.

Esta colonización institucional bipartidista, así e todo, non explica por si propia o actual nivel de corrupción senón entendemos a súa estreita relación con determinadas elites financeiras e empresariais madrileñas que xiran arredor do BOE, en sentido amplo. É dicir, do mundo das contratacións e concesións. Elites que, no que atinxe a Galicia, amosáronse historicamente belixerantes diante da posibilidade de que as empresas autóctonas puidesen obter unha parte importante das contratacións públicas ou do reparto eólico. Por certo, son as mesmas que din que as autonomías son ruinosas e que as crases medias vivíamos por riba das nosas posibilidades.

A solución futura pasará nomeadamente por darmos  máis e mellor regulación

España é un dos Estados máis corruptos dentro das democracias occidentais, segundo Transparencia Internacional e o único Estado da Unión Europea sen unha lexislación específica que sancione a falla de transparencia nos Poderes Públicos. Semella, xa que logo, que como moitas veces a solución futura pasará nomeadamente por darmos máis e mellor regulación.

Agora ben, hoxe non é protagonista  a corrupción sistémica en xeral, senón a  que aferrolla a sede central do PP. Se as revelacións das últimas horas son certas e os dirixentes estatais do PP cobraron sobresoldos en diñeiro até 2009 é evidente que os Presidentes do PP até 2009 tiveron que coñecer ese feito. Tamén Aznar (máximo dirixente  até setembro do 2003) e Rajoy, que lidera dende entón. Xa que logo, semella que o futuro do Partido que goberna con maioría absoluta en Madrid e moitas capitais autonómicas pode depender da chantaxe dun presunto delincuente. Porque, se esa caste de comportamentos ilegais existiron no seu tempo, Rajoy tivo que coñecelos.


A arrincadeira: O PPdeG volve apelar ao galeguismo

O PP vestiuse en Lugo coas galas do galeguismo cordial de Fraga

Consciente do deficiente comportamento electoral que tivo nas cidades o pasado outubro, o PP vestiuse en Lugo coas galas do galeguismo cordial de Fraga. Polo de agora non hai síntoma ningún de que sexa algo máis ca unha proclama oca no Partido que bloqueou a aprobación do novo Estatuto, lexislou contra o galego ou renunciou a usar o autogoberno para crear crecemento, emprego e benestar. Mais a política estalles a mudar todos os días, sendo evidente que Madrid/España xa non ofrece marca, prestixio nin prosperidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.