Ramón de la Sagra como referente internacional da aclimatación de especies no século XIX

Cabra de Angora © Jann Bader

A mediados do século XIX o galego Ramón de Sagra converteuse nun dos máis importantes especialistas nun tema que estaba de grande actualidade neses tempos, a introdución nos países europeos de animais e de vexetais exóticos, procedentes de distantes lugares: a denominada aclimatación de seres vivos para diversos usos nestas latitudes

A mediados do século XIX o galego Ramón de Sagra converteuse nun dos máis importantes especialistas nun tema que estaba de grande actualidade neses tempos, a introdución nos países europeos de animais e de vexetais exóticos, procedentes de distantes lugares: a denominada aclimatación de seres vivos para diversos usos nestas latitudes. 

 

O acceso dos europeos a todos os continentes

No século XVIII diversas potencias sumáronse á exploración e conquista de novos territorios por todo o planeta, acabando co control case exclusivo das coroas española e portuguesa. Establecéronse novas rutas para o comercio e para o coñecemento científico do medio natural e tivo lugar un incremento considerable na circulación mundial de mercadorías, seres vivos e persoas, moitas delas escravizadas. En conxunto, os europeos gozamos durante varios séculos dunhas mellores condicións de vida grazas aos múltiples recursos procedentes doutros continentes. Lugares de onde hoxe proceden persoas que veñen a Europa para acceder a unha vida mellor e son rexeitados por unha parte da poboación. 

Nese período, ao movemento de seres vivos, algúns deles destinados aos museos de Historia Natural, invernadoiros e xardíns zoolóxicos e botánicos, contribuíron as expedicións científicas organizadas polas potencias europeas. Algunhas gozaron de notable prestixio, como a circunnavegación do globo, do francés Louis Antoine de Bougainville (1766-1769), as do inglés James Cook, sobre todo por Australia e o Pacífico (1768 e 1779) e a de Jean François Galaup, conde de La Pérouse, quen comandou unha expedición de circunnavegación que saiu en 1785 e desapareceu en 1788 polas illas Salomon. Polo que respecta ao caso español, o número de expedicións científicas de diverso tipo foi amplo. Entre elas estiveron as botánicas, entre as que destacou a de Celestino Mutis, a “Real Expedición Botánica del Nuevo Reino de Granada”, iniciada en 1783 e que durou trinta anos. 

Xardín de aclimatación de La Orotava nos seus comezos © Fundación Orotava

Comezos da aclimatación de especies exóticas

A Coroa española foi das primeiras europeas interesadas pola aclimatación de especies debido á posesión dun amplo imperio colonial, no que abondaban animais e plantas con posibilidades de utilización económica. Así, a fins do século XVIII a política ilustrada impulsou a pioneira creación de xardíns de aclimatación en La Orotava (Tenerife) e en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz)

A exploración de diferentes continentes abriu o camiño a observación de animais e plantas susceptibles de diferentes aproveitamentos nestas latitudes. Así aconteceu coas plantas destinadas a aproveitamento agrícola ou a fins ornamentais, dese xeito chegou no seu momento a Europa o eucalipto e árbores que adornarían alamedas e paseos das cidades e as casas e fincas das familias con máis recursos. Nalgúns casos o traslado a hábitats diferentes resultou doado, noutros estableceuse un proceso de adaptación. 

Nese contexto xurdiu a aclimatación de especies, que se situou na fronteira entre as Ciencias Naturais e a Economía e que inicialmente supuxo un reto, pois constituía unha nova disciplina científica e estaba moi condicionada pola necesaria obtención de resultados rendibles

A Coroa española foi das primeiras europeas interesadas pola aclimatación de especies debido á posesión dun amplo imperio colonial, no que abondaban animais e plantas con posibilidades de utilización económica. Así, a fins do século XVIII a política ilustrada impulsou a pioneira creación de xardíns de aclimatación en La Orotava (Tenerife) e en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz). Entendíase que neses lugares as plantas exóticas poderían atopar un medio con cera semellanza ao do lugar de orixe, para a súa aclimatación. O xardín de La Orotava (hoxe no Puerto de la Cruz) foi creado por Real Orde de 17 de agosto de 1788 e con el a Coroa pretendía “contar con un lugar donde poder sembrar las plantas de mayor interés existentes en las colonias de Filipinas y América, tratando de conseguir su aclimatación a condiciones mas frías que permitieran su posterior traslado a Madrid y los jardines reales de Aranjuez”. 

A Société Zoologique d´Acclimatation e a Sociedad Española de Aclimatación

Unha institución vai salientar no panorama europeo no século XIX, a Société Zoologique d´Acclimatation, creada o 10 de febreiro de 1854 en París e promovida por Isidore Geoffroy Saint-Hilaire

Unha institución vai salientar no panorama europeo no século XIX, a Société Zoologique d´Acclimatation, creada o 10 de febreiro de 1854 en París e promovida por Isidore Geoffroy Saint-Hilaire (1805-1861). O pensamento científico que animou á Société xiraba arredor da teoría da variabilidade limitada de tipo debida ao seu fundador. Partía da consideración dunha harmonía dos seres vivos co medio, da existencia da “adaptación perfecta”, unha concepción que dominaba entre os naturalistas da primeira parte do século XIX. Nese mundo harmónico cada especie biolóxica tiña unha serie de características fixas, pero que poderían cambiar algo se as circunstancias do medio mudaran. Iso posibilitaba as experiencias de introdución de seres vivos en lugares dunha contorna diferente, agardando aproveitar as características positivas resultantes, ou, xeralmente, ver se era posible que especies valiosas puideran sobrevivir e manter as súas calidades nun medio distinto, “aclimatalas”.

A iniciativa francesa de constituír a Société Zoologique d´Acclimatation serviu de estímulo para que Mariano de la Paz Graells Agüera, delegado dela en España, promovera a creación, o 3 de marzo de 1855, da Sociedad Española de Aclimatación no seo de Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, do que era director. Ademais, Graells acadaría a constitución dun xardín zoolóxico de aclimatación no Xardín Botánico en 1859, que desapareceu a raíz do seu cese en 1867. 

Porta principal do Xardín de la Orotava (fotografía de Xosé A. Fraga, xaneiro 2025) © Xosé A. Fraga

O interese de Ramón de la Sagra pola aplicación das Ciencias

En 1822 Ramón de la Sagra foi proposto para desempeñar a cátedra de Historia Natural en La Habana e en 1824 resultou nomeado director do Xardín Botánico, iniciando a continuación as clases de Botánica Agrícola e as primeiras tarefas para a reorganización de esta institución cara unha orientación médica e agrícola.

Ramón Dionisio José de la Sagra Périz (1798-1871) naceu na Coruña en 1798 nunha familia da burguesía mercantil enriquecida co comercio con América. Ramón iniciou os seus estudos no Consulado coruñés, pasando despois ao Colexio militar de Santiago, onde tamén accedeu a algúns estudos universitarios. En Compostela estableceu contactos con personaxes de grande influencia na súa vida, como o profesor de Matemáticas Domingo Fontán ou o futuro xeólogo Casiano de Prado. 

Malia a que Sagra interveu en moi diversas áreas, como economista, pensador social, político, etc, formouse inicialmente en materias científicas1. En 1822 foi proposto para desempeñar a cátedra de Historia Natural en La Habana e en 1824 resultou nomeado director do Xardín Botánico, iniciando a continuación as clases de Botánica Agrícola e as primeiras tarefas para a reorganización de esta institución cara unha orientación médica e agrícola. Moi activo, escribiría en solitario, entre 1827 e 1831 uns Anales de Ciencia, Agricultura, Comercio y Artes e diferentes memorias, nas que recollía numerosas experiencias agronómicas. Nese contexto salienta a creación por Sagra en 1829 dunha Institución Agrónoma anexa o Xardín Botánico que desenvolveu un importantísimo labor de divulgación e ensaio no estudo do medio físico, coñecementos da base biolóxica da agricultura e das prácticas agrarias. Cómpre subliñar que a Institución Agrónoma reunía todas as características dos establecementos de investigación, docencia e divulgación agronómica dos existentes en Europa. Por todo ese pioneiro labor Sagra está considerado como o primeiro agrónomo contemporáneo do continente americano.

O galego xa prestou atención en Cuba ao aproveitamento económico dos seres vivos, traballando sobre a aclimatación de novos cultivos útiles á industria. Desde a súa volta da illa en 1835 continuou interesado polo tema, publicando dous folletos, un en 1841 titulado Investigaciones para enriquecer las fincas del Real patrimonio con nuevos plantíos, arbolados y razas útiles de animales, hechos en el extranjero e outro en 1845: Memoria sobre las ventajas que resultan de fomentar el cultivo del azúcar en las costas meridionales de España.

O polifacético Sagra marchou de Cuba en 1835 para preparar en París a redacción e edición da súa magna Historia física, económico política, intelectual y moral de la isla de Cuba. Na capital francesa integrouse nos círculos da intelectualidade, conexión que mantería con posterioridade e alí, entre outras participou activamente no labor da Société Zoologique d´Acclimatation

Esa cuestión, a produción de azucre en terras europeas, levoulle a seguir por diversos países (Bélxica e Francia) experiencias relacionadas co tema e a, en 1845, involucrarse de xeito persoal na creación dunha empresa en Granada que producía azucre a partir da remolacha, a “Sociedad azucarera Peninsular”, da que foi accionista e o inicial “director inspector”. Aos poucos meses deixou a empresa pero axiña creou unha propia en Torre del mar, costa de Málaga, onde se utilizaba a cana de azucre como materia prima, seguindo o modelo industrial cubano e cunha máquina de vapor. Esta empresa estivo funcionando pouco máis dun ano, pechando no verán de 1847, despois, en 1852, sería adquirida pola familia Larios, da burguesía malagueña, tomando o nome de “Fábrica Nuestra Señora del Carmen”, con actividade ata 1991. 

Sagra participou posteriormente, en 1847, na Sociedad Palentino-Leonesa de Minas en Sabero (León), unha siderúrxica con actividade durante uns quince anos. Esa intervención tivo que ver coa presencia no proxecto do seu vello amigo Casiano de Prado. Observamos como estes científicos e Domingo Fontán, formados, inicialmente, no liberalismo radical das primeiras décadas do século XIX, compatibilizaban o seu labor profesional coa actividade empresarial, algo non moi frecuente na comunidade científica galega, con excepcións como a de Isidro Parga Pondal no século XX.

Publicación de Sagra no Bulletin da Société Zoologique d´Acclimatation ©

Sagra na Société Zoologique d´Acclimatation

A chamada “cabra de Angora” (antiga denominación da actual Ankara) é orixinaria do Tibet pero presente en Turquía desde o século XI. A excelente lá que produce, chamada, mohair, colleu sona en Europa desde o XVI pero non se trasladaron exemplares a Francia ata o XIX

O polifacético Sagra marchou de Cuba en 1835 para preparar en París a redacción e edición da súa magna Historia física, económico política, intelectual y moral de la isla de Cuba. Na capital francesa integrouse nos círculos da intelectualidade, conexión que mantería con posterioridade e alí, entre outras participou activamente no labor da Société Zoologique d´Acclimatation. Cómpre sinalar que foi o español máis activo na Société e o único desa nacionalidade con postos de responsabilidade na dirección da institución. Ademais, deberemos reparar no mérito das súas intervencións, tendo en conta que a formación científica de Sagra estaba dirixida ao ámbito agronómico e botánico e non zoolóxico, no que desenvolveu a súa actividade na Sociéé

En maio dese ano 1854 publicou unha nota na revista da entidade, o Bulletin, sobre a calidade da seda producida por Bombyx madruno, Lep de México: “Note sur les cocons de Bombyx madruno, par M. Ramón de la Sagra, membre correspondant de l´Institut de France”. Máis adíante, nese mesmo ano, difundiu un artigo sobre a presencia histórica da cebra en España, en base aos datos recollidos polo frade Sarmiento e participou nunha comisión sobre a cabra de Angora á que faremos referencia. 

En 1857, na mesma, revista publicou un informe sobre a introdución da piscicultura en España, no que insistiu no interese da aclimatación de certas especies, preocupado, xa daquela, pola redución da pesca nos mares. Dous anos despois enviaría un longo artigo sobre especies zoolóxicas e botánicas de Cuba útiles para aclimatar noutras rexións: “Énumeration des espèces zoologiques et botaniques de l´île de Cuba utiles à acclimater dans d´autres régions analogues du globe”. 

A aclimatación da cabra de Angora

Nese proceso de aclimatación participou o noso paisano Ramón de la Sagra. El foi quen en 1854 dirixiu a Comisión encargada de avaliar a posibilidade de aclimatación da cabra de Angora en Europa, tema sobre que publicou un artigo no Bulletin da Société

A chamada “cabra de Angora” (antiga denominación da actual Ankara) é orixinaria do Tibet pero presente en Turquía desde o século XI. A excelente lá que produce, chamada, mohair, colleu sona en Europa desde o XVI pero non se trasladaron exemplares a Francia ata o XIX, onde na actualidade hai case 4000. Nese proceso de aclimatación participou o noso paisano Ramón de la Sagra. El foi quen en 1854 dirixiu a Comisión encargada de avaliar a posibilidade de aclimatación da cabra de Angora en Europa, tema sobre que publicou un artigo no Bulletin da Société: “Rapport sur un project d´acclimatation des chèvres dites d´Angora, fait au nome d´une commission composée de MM. Garreau, lafour, Pucheron, Ramón de la Sagra, Richard (du Cantal), Sacc et Valserre”. Propuña un plan de acción para acadar a aclimatación dese animal, expoñendo, en coincidencia co resto dos integrantes da comisión, que os axentes consulares de Francia nos países de Oriente deberían recoller información sobre circunstancias topográficas e climatolóxicas dos lugares onde vivía a cabra e as características distintivas das razas e costumes. Nun segundo momento, coidaba, sería preciso facerse con exemplares das razas máis avantaxadas e que viviran en condicións análogas ás de certas localidades europeas para ensaiar a súa aclimatación e estudar os resultados de cruzamentos seguindo as regras coñecidas pola ciencia.

 

Notas

1 Para afondar na súa obra, poden consultarse estas publicacións de Ascensión Cambrón Infante: El socialismo racional de Ramón de la Sagra (1989) e Vindicación del pensamiento de un coruñés universal. Ramón de la Sagra (1798-1871) (2024).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.