Ramón Valcarce, un crego galego consecuente

Moncho para tod@s foi unha persoa entrañable que non daba dous pasos polas rúas coruñesas sen que alguén o parase para botar unha parrafada. O seu xeito de ser, campechano, aberto, ocorrente, coherente, sen pelos na lingua “eu son así de bruto”, peculiar, a súa axenda eran os envases dos celtas curtos que fumaba, e acostumaba poñer simpáticos e sempre cariñosos alcumes a amigos e coñecidos adaptándoos ao seu entender (pachangas, electricista, traxedias, intelectual…) fixo de Moncho un home  querido e imborrable para quen o coñecese e máis aínda para a xente común. Consecuente coas súas crenzas relixiosas fíxose sacerdote, consecuente coas súas ideas sociais comprometeuse politicamente.

As súas misas eran celebracións participativas, as homilías  proclamas liberadoras, o labor pastoral espertador de conciencias, manifestarse por causas xustas era, tamén, unha forma de oración

As súas misas eran celebracións participativas, as homilías  proclamas liberadoras, o labor pastoral espertador de conciencias, manifestarse por causas xustas era, tamén, unha forma de oración. Foi un sacerdote atípico, convertía o templo parroquial en escenario de difusión socio-cultural para os veciños.

Daba para comungar pan de molete. Solucionou a incomodidade dunhas monxas maiores que tiñan que percorrer un longo camiño  para recibir a comuñón diaria, dándolles un feixe de hostias consagradas nun recipiente e dicíndolles que non se sacrificasen máis, que as levasen e todos os días tomasen unha na súa propia casa sen ter que desprazarse ata  a igrexa. Cubría o púlpito da igrexa parroquial coa bandeira galega nacionalista. Doou, pola súa conta e risco, parte do terreo inutilizado da reitoral á parroquia para facer un campo de fútbol ante o abraio e correspondente  rifa do arcebispado, e hoxe está aí para desfrute dos veciños, mentres a reitoral e o seu contorno sofre un total abandono por parte da xerarquía eclesiástica. A un malandrín que entrou un día na súa casa para roubalo e golpealo, convenceuno para que desistise, e non só, se non que rematou chorando, pedíndolle perdón e durmindo aquela noite na reitoral; días máis tarde o ladrón foi detido, e confesando os seus delitos, a garda civil decatouse do da casa do cura de Sésamo e ameazouno de acusalo de encubridor por non denunciar o caso.

Foi un cura épico. Abriu as portas da reitoral a todos os antifranquistas da época para as súas xuntanzas e deixou o seu soto para que agochasen os seus materiais subversivos

Foi un cura épico. Abriu as portas da reitoral a todos os antifranquistas da época para as súas xuntanzas e deixou o seu soto para que agochasen os seus materiais subversivos. Detido pola garda civil nunha xuntanza opositora en Betanzos xunto con outras persoas, nada máis chegar ao cuartel díxolles “eu son o responsable de todo” a pesares de que estaba na reunión como un convidado máis; alí non se quedou quieto cando un garda civil deulle unha labazada e respondeu dalgún xeito, tan abraiados quedaron por aquela ousadía inédita nun detido, que deseguida viñeron outros gardas berrando “aos chulos sabemos como tratalos”, logo un vello tenente intentou volver a golpealo, chamándoo “senvergoña, enfrontarse ás forzas de orde público” pero Moncho volveu non quedar quieto e paroulle o golpe, logo entrou outro garda advertíndolle “a quen se lle ocorre pegar a un garda, tivo sorte, ese garda é moi nervioso e puido sacar a pistola e matalo”, por fin apareceu o garda nervioso na estanza onde estaba Moncho que, coas mans esposadas, lle pediu que lle sacase o rosario do peto, e ao tempo que o facía o garda lle dicía “ ten coidado, non empecemos, nada de trucos”; Moncho, pola súa parte, dixera “non sei se cheguei a pegarlle, póñoo en dúbida, pois nin teño forza nin son pelexón, el si que me arreou forte”. Barbaramente torturado noutra detención, pasado o tempo, recoñeceu nas rúas d´A Coruña a un dos seus torturadores, achegoúselle e invitouno a tomar unha cervexa, e alí estivo no bar falando co seu “inimigo” amosando unha humanidade abraiante.

Barbaramente torturado noutra detención, pasado o tempo, recoñeceu nas rúas d´A Coruña a un dos seus torturadores, achegoúselle e invitouno a tomar unha cervexa

Foi un crego de combate na súa concepción dun cristianismo emancipador, de xeito que asumiu o compromiso político no campo nacionalista integrándose nas súas organizacións, considerando que ese era o seu deber como presbítero; a política só tiña sentido para estar ao servizo dos máis débiles contra os poderosos,  polo tanto para Moncho participar nela era unha demostración de fidelidade a Xesús e ao pobo ao que pertencía, e fíxoo con todas as consecuencias “eu poño meu cativo gran para liberar a nosa nación colonizada, si morro por ela ou son tirado na cuneta acéptoo”.

A súa semente segue viva, e o sábado 31 de agosto lembrarémolo no 20 cabodano do seu falecemento, nas Encrobas

Ese era Moncho Valcarce. A súa semente segue viva, e o sábado 31 de agosto lembrarémolo no 20 cabodano do seu falecemento, nas Encrobas, no lugar de Pontoxo, onde se erixe a súa efixie nun monolito dedicado a todos os que loitaron pola defensa daquelas terras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.