Desde hai uns anos as mascotas enchen as nosas cidades. Máis do 40% dos fogares españois contan con algunha, entre as que destacan uns 7 millóns de cans e outros 3 millóns de gatos. En lugares como Asturias o censo canino xa supera ao de nenos e mozos de 0 a 20 anos, unha proporción que comeza a non resultar estraña. Trátase de datos que poderían resultar anecdóticos se o fenómeno non estivese a producirse en entornos urbáns saturados, onde as persoas residimos en pequenos pisos, rodeados de vehículos, con poucos espazos libres e unha natureza en franca retirada.
Por suposto, os animais deben ser respectados, e non hai motivo para descartar un vínculo tan entrañable para moitas persoas. Pero a empatía humana con outras especies non pode xustificar o que comeza a ser unha anomalía. En primeiro lugar, porque están a ser moi subestimadas as disfuncións económicas, hixiénicas e de convivencia que ocasionan as mascotas. E, en segundo lugar, polo dilema moral que acarrexa promover a posesión de animais co único obxectivo de tratalos como seres humanos. Parece que a nosa civilización individualista esquecese como se usan os afectos entre humáns e agora necesitase imperiosamente valerse destes peludiños placebos...
Precisamente nesa liña leva traballando decenios o sector que negocia cos animais de compañía, que logrou impoñer unha imaxe atractiva e normalizada do coidado de exemplares superfluos. A percepción social das mascotas que arañan ou ladran, durmen no chan ou lamben os seus xenitais, é a duns seres tan adorables como inocuos, algo que dista moito de ser verdade. De feito, que a língua dun can porte frecuentemente restos fecais non impide que o 70% dos propietarios os biquen, e que un 30% da poboación poida sufrir problemas respiratorios causados pola pel do gato tampouco é un obstáculo para que millóns deles ocupen as nosas vivendas. Outro tanto podemos dicir das abundantes alteracións cotiás que xeran na convivencia. Que non morra "demasiada" xente por ataques de can fai esquecer miles de altercados e intimidacións diarias; iso por non citar as impunes molestias e ruídos en pisos e urbanizacións, ou a repugnante necesidade canina de evacuar diariamente na vía pública, un risco de saúde pública para a que os defensores da pandemia mascoteira propugnan como solución un incremento pouco realista no grao de civismo dos propietarios. Por sorte para todos eles, as infeccións resistentes en hospitais causadas por excrementos caninos e as estatísticas de infestacións en parques infantís non adoitan aparecer publicados...
En calquera caso, humanizar mascotas de aspecto amigable e ofrecer caros servizos para satisfacer as súas esixencias resultou todo un éxito comercial. E a promoción continúa. Agora resulta que tamén alivian anciáns sen compañía, melloran a vida dos autistas, reforzan o sistema inmunitario dos nenos... Así o aseguran estudios financiados por empresas do ramo e por veterinarios e profesionais que casualmente viven delas. Onde estea un amigo peludiño para consolar solitarios e previr alerxias infantís que se quiten a humanización dos barrios, a redución de emisións contaminantes ou uns servizos públicos dignos. Chegaron as cidades "pet friendly" da man do desarraigamento social, as carencias emocionais e o consumismo desatado. Xa temos o hábitat ideal para un próspero negocio que convirte o afecto chencho por unha mascota nun oneroso esforzo familiar de máis de 1.000 euros ao ano.
Neste punto convén aclarar que non tratamos dun asunto privado, pois o gasto público para soster esta compulsión social pseudoafectiva comeza a ser preocupante. Desbócanse as partidas presupostarias para recintos caninos, pipicáns, refuxios para exemplares abandoados, burocracia, limpeza intensiva, control sanitario e de seguridade... A tendencia ao dispendio inclúe propostas de IVE superreducido para alimentos de mascotas (do que non gozan a maior parte de alimentos humanos) ou o apartado do 0,7% do IRPF, ao que os mascoteiros queren meter o dente (perdón pola ironía) para cubrir necesidades animais. Incluso estanse a dar voces que reivindican a creación dunha "seguridade social veterinaria". Curiosamente, a ninguén indignou esta idea de dotar aos cadelos dun dereito que se lles está negando aos inmigrantes...
Pero os datos comezan a ser de escándalo. Citarei dous máis: as mascotas estadounidenses consumen en proteínas o mesmo que todos os habitantes franceses, e no mundo desenvolvido gástanse nelas tres veces a suma que a FAO calcula para evitar a fame e a desnutrición. Non lles parece un imperativo moral cuestionarse o destino de tantos recursos? Porque non falamos de darlles sobras, senón de investigación farmacéutica, alimentos procesados ou escáneres de última xeración para uso veterinario. E tamén de perruquerías caninas, pastelarías, resorts de luxo e ata asociacións para a prevención da súa obesidade! Como non sentir repugnancia sabendo que as mesmas necesidades de espazo, coidados, alimento e saúde non chegan a millóns de seres humanos?
Sen embargo, lonxe de recuar, os propietarios reivindican máis e máis benestar para os seus melindrosos compañeiros: que vivan soltos, levalos nos avións, metelos nos hoteis, que retocen e defequen nas praias... Nas revistas atoparán mostras de tan enfermiza desproporción: "Como saber se a miña mascota me quere?", "Claves para que o can acepte sen problemas ao novo bebé na casa"... Mentres miles de refuxiados abandoados no Mediterráneo non espertan ningunha reacción colectiva, o maltrato dun minino abre telexornais. Por iso cabe preguntarse se é normal proxectar sobre certos animais uns niveis superiores de afecto e atención propios das relacións humanas. Porque algo vai mal cando millóns de persoas necesitan como referente emocional as respostas acríticas dun amigo peludiño que conta coas únicas ferramentas comunicativas das miradas dóciles, as orellas gachas ou o agradecido axitar do rabo.
E que podemos dicir das pobres mascotas? Pénseno: millóns de animais sufrindo un "amoroso martirio" confinadas en pisos o 95% da súas vidas, reprimindo as súas necesidades e instintos, esterilizadas, engordando con piensos, abrumadas con xestos humanos que non poden entender e dependendo de nós para defecar e relacionarse cos seus conxéneres. En conclusión: non seremos nós a raza perigosa?