Unha amiga contoume que, despois de dar a luz ao seu primeiro fillo, ficou profundamente durmida froito do esforzo e a dor. E tivo un estraño soño: un cabalo branco, alto e robusto, probablemente un unicornio, atravesaba o salón dunha casa chea de mobles antigos cuxo aspecto era vetusto e abandonado. Arañeiras e follas secas cubrían os obxectos e o chan, e a luz natural que os iluminaba tenuemente formaba unha misteriosa atmosfera de po que semellaba purpurina suspendida no ar, detida no tempo.
A dura e prosaica realidade vivida horas antes pola miña amiga era compensada pola súa imaxinación que agasallaba a esta muller –convertida agora en nai– cunha imaxe onírica e surrealista que ben podía ser un fermoso e conmovedor cadro de Marc Chagall. A metáfora do soño non podía ser máis poética: un ser extraordinario e inocente entra por primeira vez no mundo, un mundo xa vello, xa usado, caduco, sen saber o que lle agarda. Que lle espera, entón, a ese neno? Tal e como están as cousas hoxe en día, non o vai ter doado, desde logo. Os dereitos que foron conquistando os nosos pais, estámolos perdendo nós. Quedaralles algún aos nosos fillos? Non o sei, pero debemos pelexalo como cidadáns.
Os dereitos que foron conquistando os nosos pais, estámolos perdendo nós. Quedaralles algún aos nosos fillos? Non o sei, pero debemos pelexalo como cidadáns
Agora xa sabemos todos que os “recortes” non son a solución. E sabemos máis cousas. O poder financeiro segue descontrolado e empeñado en investir en actividades especulativas no canto de financiar actividades produtivas (que neste país son os autónomos, os empresarios pequenos, unha parte importante do sector servizos, os propios consumidores).
En Galiza, a desaparición das caixas de aforros é dun dramatismo tal que as súas consecuencias padecerémolas durante décadas. Un país que queda sen o seu poder económico pode considerarse ao bordo do abismo.
A democracia está ferida de gravidade porque as nosas vidas non as dirixen aqueles a quen votamos senón o BCE, a Comisión Europea e o FMI. E os partidos que nos gobernan incumpren cada día o seu programa electoral. Así as cousas, os cidadáns perdemos a confianza nos partidos políticos tradicionais.
Imos camiño da plutocracia, a concentración da riqueza vai en aumento en mans duns poucos con gran poder de decisión, e o resto cada vez somos máis pobres. O desmantelamento sistemático do Estado de Benestar e a baixada dos salarios non diminúe o paro. Pulverizar os dereitos dos traballadores beneficia a uns poucos poderosos e ricos, e non xera emprego, destrúeo. Privatizar os servizos públicos non aumenta a calidade nin a cobertura dos mesmos, pero si crea unha situación inhumana no caso da sanidade, ou unha fenda interclasista no caso da educación. Eran o noso baluarte europeu.
O neoliberalismo atopou a escusa perfecta nesta crise brutal para poñer en marcha os grandes devezos do conservadorismo máis radical. Temos medo e manipúlannos
O neoliberalismo atopou a escusa perfecta nesta crise brutal para poñer en marcha os grandes devezos do conservadorismo máis radical. Temos medo e manipúlannos. Buscan maneiras de controlarnos e de xustificarse a través dos medios de comunicación e as redes, e alimentan o individualismo e a fragmentación social.
A vitoria de François Hollande supón un balón de osíxeno neste ambiente irrespirable e opresivo. Ábrese unha friestra. Pero, por se unha revolución francesa ou un maio do 68 non se sucedesen, que ferramenta empregamos perante unha situación tan difícil e con retos tan grandes? Pois a imaxinación (xermolo da creatividade), porque se soñamos un mundo mellor e participamos xenerosamente dese soño común convencidos das súas posibilidades, outra realidade pode estar agardándonos. Porque como lle pasou á miña amiga, nos momentos duros da vida, un soño pode axudarnos a enfrontar mellor unha dolorosa realidade.