Realidades e posibilidades

Encantaríame que en Galicia fora posible que o Bloque tivera o mesmo apoio electoral e social que tivo en 1997 co 24,8% dos votos pero non é posible. Encantaríame que o nacionalismo e a esquerda tiveran o mesmo apoio electoral e social que teñen Catalunya e Euscadi pero non é posible

Encantaríame que Galicia e o Estado Español non foran gobernadas polo Poder Económico e o seu axente político o Partido Popular pero non é posible. Encantaríame que o PSOE fora un partido de esquerdas pero non é posible. Encantaríame que millóns de persoas votaran por  un Movimento amplo pero non é posible

Aquí e agora o único que é posible é o que vai ser posible, o que vai ocorrer. Aquí e agora o único que lle fai dano real ao Poder constituído, é a realidade da Corrupción, a realidade da Crise Económica provocada que non controlan, a Realidade Catalana, a Realidade Vasca e a realidade de Podemos. Todo o demais son intentos de supervivencia......moi grandes...grandes...medianos...pequenos...., ou moi pequenos...como este escrito

Onde son capaces de formar Movimentos Amplos ou logran o Goberno como en Uruguai, Bolivia, Brasil, Arxentina, Ecuador, Venezuela....ou logran ser fortes Movimentos de oposición como o 5 Estrelas de Italia ou a Syriza de Grecia.

Aquí, no Estado, son Movimentos moi fortes o Movimento Catalanista e o Movimento Vasco, e pode chegar a ser  un Movimento forte Podemos. Aquí en Galicia non hai nengunha posibilidade de ser un Movimento forte nacionalista e de esquerdas porque cada Organización Política está a defender exclusivamente o seu territorio particular, iso sí, dicindo que defenden os intereses de Galicia.

Os intereses de Galicia só poden ser defendidos de verdade se moita xente apoia iso. Aquí non é así. Aquí é unha defensa testemuñal que só serve para que a Organización Política testemuñe, para que sobreviva.

Aquí é moi absurdo todo. É moi absurdo o de facer bandeira de que se defende Galicia representando só o 2, o 4, o 8, o 10 % dos votos. É moi absurdo pelexar para que eu teña o 6 % e o outro teña o 3%. Ou se teñen o 30, o 40, o 50% dos votos e entón pode defenderse a Galicia de verdade pero co 2, co 4, co 6 só se defende a supervivencia da Organización.

Iso está moi ben para quen vive na Organización ou vive da Organización, pero para o 95% dos habitantes -incluamos os menores que non poden votar pero viven aquí- para o 95% dos habitantes non repercute en nada esa política testemuñal.

Podemos aspira a ser un Movimento representativo de moita xente e pode que o conquira, e pode que conquira unha boa representatividade en Galicia dado o terreo electoral e social que deixan libre a falla de unidade do nacionalismo e a esquerda.

E asistiremos ao que estamos asistindo. Esa falla de Unidade fai que cada Organización Política quera afortalar o seu curruncho, e para iso critica continuamente aos outros currunchos, e ao respecto de Podemos o mesmo. Ademais, é moi fácil criticar a Podemos pola súa falla de galeguidade, pero non podemos esquecer que esa crítica só afortala un pouquichin a quen critica, pero faille moi pouco dano a Podemos porque eles buscan máis territorio, e en Galicia hai máis territorio porque hai moita xente desencantada, moita mocidade que non quer saber nada doutros partidos, etcétera etcétera etcétera

Como na política, ao igual que na vida, a maxia non existe....non se poden cambear as cousas porque un quera,  porque para cambear as cousas fan falla unhas ideas nas que se recoñeza nelas moita xente.

Lémbrome sempre de Uruguai e Arxentina. A esquerda arxentina sempre estivo dividida en 5.000 grupos con 5.000 persoas dispostas a ser o galo de cada grupo antes de ser 100.000 galiñas dun só grupo que tivera algunha forza real para lograr algún cambio real das cousas. E unido a isto o tradicional complexo de superioridade arxentino a respecto dos uruguaios. Pero os autenticamente superiores foron os uruguaios que lograron un só grupo, a Fronte Ampla que goberna Uruguai.

Apéname, apéname moito a situación de Galicia cos partidos de esquerda e nacionalistas divididos.

Apéname moito porque non van lograr cambiar nada. Van lograr o que pretenden de ser grupos de supervivencia, vailles comer un montón de terreo Podemos que ten un montón de cousas positivas, xunto con outras negativas, e o Partido Popular seguerá a gobernar un montón de anos.

Querería que fose distinto. Ogallá fora distinto nas Eleccións Galegas. Ogallá sexa distinto nas Eleccións Galegas pero................

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.