Pois si, parecera que a crise quedara atrás: o capital, especialmente o financeiro, recupera e incluso incrementa as súas ganancias, a inflación está controlada o mesmo que o déficit e temos crecementos positivos do PIB. España, e con ela Galicia, marchan polo bo camiño, o camiño do rigor e do crecemento san. Claro que a débeda pública aínda se mantén en niveis moi elevados polo que non hai que soltar amarras senón seguir pola senda iniciada co gallo da crise financeira e que tan bos resultados está dando.
Ata aquí o relato oficial das elites económicas, políticas e mediatices. Pero que panorama temos diante (febreiro 2019) se ampliamos a análise e, por caso, atendemos a outros relatos non ortodoxos pero científicos como o que apunta J. Stiglitz ao sinalar que “ningunha economía pode dicir que realmente deixou atrás a crise mentres non recupere os niveis de crecemento económico e de emprego anteriores a que estourara aquela”. Ímolo ver e voume centrar en Galicia por razóns obvias aínda que o relato pode servir para todo o estado español no que Galicia ocupa unha posición periférica (o PIB per capitá de Galicia está hoxe 10,5 puntos por baixo da media española).
Si Galicia mantén crecementos positivos da produción dende o ano 2015, estes son uns crecementos medios (3,3%) moi inferiores aos que tivo nos anos anteriores a crise financeira (7,4%), de practicamente a metade. Un crecemento moi anémico que supón que a riqueza actual en termos reais (*) sexa inferior a de fai mais dunha década (95%: 5 puntos menos). Galicia é hoxe mais pobre que fai unha década.
Galicia ten un crecemento anémico por que a demanda interna non se recupera debido as caídas do consumo (7,5 puntos) e, moi especialmente, do investimento (54,5 puntos): por caso o investimento (publico e privado) en I+D+i non chega en Galicia ao 1% do PIB (1,20% en España, 2,01% de media na UE). Retrocesos que se deron tanto no gasto privado como no gasto público: as evidencias demostran unha vez mais que, en contra das teses neoliberais, os recortes no gasto público arrastran consigo caídas no gasto privado.
Unha caída da demanda interna que se acompaña dunha lixeira recuperación da demanda externa (saldo positivo) que, nembargante, e mais froito da fortísima caída das importacións (34 puntos) que non dun incremento das exportacións que tamén caen pero con menor intensidade (11 puntos). Comportamento exterior que confirma a debilidade da economía galega e o seu crecemento anémico ao tempo que desminte as teses da necesaria devalación interna.
Galicia non so é mais pobre senón tamén moito mais desigual. A participación das rendas de capital na riqueza global é, hoxe por hoxe, unha das mais altas de sempre (47,3% do PIB) en prexuízo, loxicamente das rendas do traballo (42,9%) as mais baixas. Unha distribución desigual da riqueza que, xunto aos recortes no gasto publico social, cronifican a exclusión social e a pobreza que se volven sistémicas: o número de galegos/as en risco de exclusión practicamente chega ao 23% (612.000). Cifra que se mantén elevada dende que estourou a crise financeira.
Unha dinámica de claro retroceso económico que ten unha faciana estrutural moi clara: un cambio de modelo produtivo onde a industria perde peso (15 puntos) a prol dos servizos privados (gañan 5 puntos). Un cambio do modelo produtivo (terciarización) que, sumado aos reformas laborais, provocan grandes cambios no mercado laboral. Cambios na dirección dunha crecente precarización (un 90% dos novos contratos son precarios, contabilizándose 400 horas menos traballadas por activo e ano) e unha constante caída dos salarios reais (o redor dun terzo dos/as asalariados/as galegos/as non superan o SMI: 735,9 euros no ano 2018) sen que por outra parte se recupere o nivel de emprego previo a que estourara a crise (110.000 empregos menos).
Con este panorama macroeconómico, confirmado polas evidencias empíricas, non resulta crible afirmar que Galicia deixou definitivamente atrás a grande recesión e entrou nunha fase de crecemento económico sólido e sostible.
Nin moito menos.
Notas
(*) Tódalas variables macroeconómicas están expresadas en prezos constantes (2007) que é como debe facerse si queremos realizar comparacións como sucede neste caso.