Reaxustes no mapa político estatal

Xuntanza entre Isabel Ayuso e Rocío Monasterio CC-BY-SA PP Comunidad de Madrid

Todos os indicios apuntan a que, nun futuro relativamente próximo, o partido “Ciudadanos” desaparecerá do escenario político ou ficará nunha posición irrelevante. A esta altura, resulta pertinente lembrar algúns aspectos do seu nacemento e posterior medre e, tamén, suscitar algunhas interrogantes sobre as consecuencias derivadas desa previsíbel hipótese.

Todos os indicios apuntan a que, nun futuro relativamente próximo, o partido “Ciudadanos” desaparecerá do escenario político ou ficará nunha posición irrelevante

Como é sabido, “Ciudadanos” tivo a súa orixe en Cataluña e foi promovido por algúns persoeiros da vida cultural que querían construír un referente político que practicase unha forte belixerancia contra a prolongada hexemonía do “pujolismo”. Naqueles primeiros pasos, Albert Rivera non quixo formar parte do PP ou do PSC porque entendía que ambas formacións eran cómplices de CiU por ter asinado pactos de gobernabilidade -no ámbito estatal- durante os gobernos de Felipe González e J. M. Aznar. Esta inicial equidistancia permitíalle, ademais, reivindicar un papel de forza supostamente rexeneradora das prácticas políticas dominantes.

O éxito electoral de Podemos na súa estrea electoral nos anos 2014 e 2015, facilitou o salto de “Ciudadanos” ao escenario da política estatal. As palabras pronunciadas por Josep Oliu, presidente do Banco Sabadell (“necesitamos un Podemos de dereitas”), acreditaba o interese dalgúns sectores económicos na existencia dunha formación que fora quen de compensar o constatábel desgaste do PP de M. Rajoy, e puidera evitar un notorio desequilibrio en favor das formacións ubicadas na esquerda do mapa electoral.

“Ciudadanos” obtivo bos resultados nos comicios xerais de 2015, 2016 e nos que se celebraron en Abril do ano 2019. A obsesión de A. Rivera por liderar unha alternativa conxunta co PP -e Vox- arruinou as potencialidades que lle ofrecía a súa posición parlamentaria. A desfeita de Novembro de 2019 e a que sufriu nas eleccións ao Parlament de Cataluña certificaron o remate das expectativas xeradas, no seu día, arredor desta forza política.

Se, finalmente, o eventual esmorecemento de C´s provoca o afortalamento electoral do PP e de Vox naqueles territorios onde agora comparten tarefas de gobernabilidade, abriranse novas incógnitas sobre a dinámica de funcionamento do sistema político. A explícita dereitización dun Pablo Casado disposto a pactar, sen complexos, co partido de Abascal dificultaría a construción dunha imaxe moderada do PP que fose quen de seducir a unha parte do electorado socialista. Por outra banda, Pedro Sánchez ficaría sen a marxe de manobra que lle ofrecía a existencia da forza pilotada por Rivera e Arrimadas. O dirixente do PSOE só disporía dun horizonte de acordos con aqueles (UP, ERC, PNV, BNG, Bildu...) que a dereita mediática demoniza cunha persistencia digna de mellor causa.

O que suceda o 4 de Maio pode consolidar unha lóxica trumpista que faga imposíbel a pretensión que seguen tendo importantes poderes económicos e mediáticos para conformar un acordo estratéxico de gobernabilidade entre o PSOE e o PP

En todo caso, hoxe por hoxe, non cabe pensar nun retorno do modelo bipartidista que estivo vixente ate o ano 2015. Hai, polo menos, tres novidades relevantes a respecto dese pasado: a fortaleza electoral de Unidas Podemos é superior á que tiña a vella IU; a desaparición da singularidade que representaba a non existencia dunha formación de extrema dereita diferenciada organicamente do PP tal e como ocorre noutros Estados da UE (o FN de Le Pen, a Liga de Salvini, a ultradereita alemana...) e a reconversión de CiU nunha forza independentista que non contempla acordar fórmulas de gobernabilidade co actual PP (a diferenza do que practicara Pujol con Aznar e Mas con Rajoy).

O que suceda o vindeiro 4 de Maio na cita electoral madrileña pode orixinar impactos notábeis no proceso de recomposición da dereita e consolidar unha lóxica trumpista que multiplique a polarización e faga imposíbel, de facto, a pretensión que seguen tendo importantes poderes económicos e mediáticos para conformar un acordo estratéxico de gobernabilidade entre o PSOE e o PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.