O proceso da sociedade civil catalá cara ao recoñecemento do seu dereito de decisión, a desafección da maioría vasca a respecto da súa integración constitucional no Estado e máis a gravísima crise política xerada pola ocupación das institucións polo bipartidismo dinástico obriga a pensar en solucións xurídico-constitucionais que fagan coexistir o dereito a decidir coa estabilidade dos acordos constitucionais para a convivencia común das distintas nacións no Estado. Non por acaso foi a declaración parcial de inconstitucionalidade do actual Estatuto catalán e o inmobilismo do Goberno do Estado a respecto do cumprimento das súas disposicións financeiras o que moveu aló o actual proceso social a prol da autodeterminación.
Obriga a pensar en solucións xurídico-constitucionais que fagan coexistir o dereito a decidir coa estabilidade dos acordos constitucionais para a convivencia común das distintas nacións no Estado
Na propia Constitución existen dúas normas, a Disposición Adicional Primeira e a Disposición Transitoria Segunda, que permitirían garantir un estatuto especial a Cataluña, Euskadi -e Navarra- e Galicia (como de feito se tiña decidido no 1978), delimitando as nacionalidades das rexións que o artigo 2 da Constitución enuncia e non determina. A Disposición Adicional Primeira abeira e respecta os dereitos dos territorios forais e dispón a súa actualización estatutaria. A Disposición Transitoria Segunda acordaba o inmediato acceso ao máximo grao de autonomía constitucional dos territorios que tiñan plebiscitado durante a II República cadanseu estatuto (as tres nacionalidades).
Trataríase de refundir dende o concepto de “dereitos históricos” o concepto máis limitado de “foralidade” para abranguer Cataluña, Galicia e quizais Canarias, incorporando á Disposición Adicional Primeira o seu estatuto xurídico, blindando as súas competencias exclusivas
Trataríase, pois, de refundir dende o concepto de “dereitos históricos” o concepto máis limitado de “foralidade” para abranguer Cataluña, Galicia e quizais Canarias, incorporando á Disposición Adicional Primeira o seu estatuto xurídico, blindando as súas competencias exclusivas e financiamento automático, recoñecéndolles plenas facultades en lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local e deseñando un réxime federal asimétrico nas outras materias competenciais. A norma abriríase tamén a recoñecer o dereito a decidir, de xeito que estes países puidesen acceder a outros marcos de relación co Estado, a medio de referendums nos que se esixirían concretos requisitos de participación e a súa non repetición nun determinado período de tempo, ao xeito da lexislación que rexe no Quebec.