Reconquista

'La rendición de Granada'. Francisco Pradilla, 1882 Dominio Público

Imaxinen, por favor, lectoras e lectores deste medio, a súa asistencia á primeira proxección do NO-DO. Estamos en plena posguerra española. Retrocedan, pois, setenta e sete anos e sitúense naquel 4 de xaneiro de 1943. Sentados na butaca e agardando a proxección, unha enorme aguia desprega as súas ás. Soa a peculiar sintonía de Manuel Parada –autor tamén, entre outras, da banda musical de Los últimos de Filipinas– e comeza a locución. As novas que chegan de Rusia son pésimas: 250.000 soldados da Wehrmacht permanecen illados polo Exército Roxo que avanza imparábel tras defender con heroísmo Stalingrado. Tan só un mes máis tarde, o 2 de febreiro, o xeneral Friedrich Paulus abandonará a loita, renderá ás súas tropas e os superviventes do 6º Exército alemán –debilitados pola fame, o frío e as constantes ofensivas soviéticas– caerán prisioneiros nas mans dos defensores da Cidade Heroica. O locutor non o menciona, mais a derrota alemá evidencia unha insuficiente capacidade loxística para abastecer e soster unha ofensiva militar nunha fronte tan ampla, dende o Mar Negro até o Ártico. 

Imaxinen, por favor, lectoras e lectores deste medio, a súa asistencia á primeira proxección do NO-DO. Estamos en plena posguerra española

Para que todos vos, espectadores de Noticiarios y Documentales daquel día de principios do 1943, non perdades a moral, vai outra narración moito máis acorde cos tempos que corren de franquismo vitorioso, falanxismo dominante e nacionalcatolicismo pedagóxico. O relatorio fala da toma de Granada, o 2 de xaneiro de 1492, polos Reis Católicos e a súa vitoria sobre os musulmáns. Velaí a masculina voz triunfante e acompasada do locutor recollendo parte da intervención dun orador:

(...)‘La invasión islámica fue derrotada en una Reconquista que aún hoy continúa’, declaró a la puerta de la Capilla Real donde están enterrados los Reyes Católicos. Y prosiguió: ‘La reconquista de los valores, libertades, unidad y fraternidad entre todos los españoles...’. Las banderas y los vivas a España abundaron entre las miles de personas concentradas en la plaza del Ayuntamiento, sobre todo durante el desfile de la Legión (...)”.

O NO-DO non quere que vos, espectadores, perdades unha minuciosa e detallada descrición dos feitos e, xunto ás fermosas imaxes, o relato prosegue:

La secuencia de los actos de este día en Granada tiene un fuerte componente católico y militar. Un teniente general es recibido por el alcalde en la plaza del Ayuntamiento, donde ambos pasan revista a una formación militar. De ahí, una comitiva civil y militar se traslada a la catedral, donde es recibida por las autoridades eclesiásticas. El teniente general recoge ahí la espada original de Fernando el Católico, que está enterrado en la catedral. La corona original del monarca también se exhibe en el acto”.

Podemos imaxinar maior acto de gallardía? A emoción aumenta en intensidade e resulta comprensíbel que as bágoas comecen a abrollar en moitos de vos, público do noticiario. Tiñades que ser moi insensíbeis para non chorar ante aquelas imaxes ateigadas de patriotismo e espírito cristiá. Antes do comezo da película programada (Raza, de José Luis Sáenz de Heredia? ou era ¡A mí la Legión!, de Juan de Orduña?), o NO-DO remata a súa reportaxe sobre o aniversario da toma de Granada e a derrota nazarí. Agora si, a narración aumenta en enerxía, forza e potencia e ninguén pode xa abstraerse á máxica atmosfera que ilustra a exposición dos feitos. Así culmina o relatorio:

Tras asistir a una misa, uno de los concejales ondea el estandarte real, según el protocolo, ‘tres veces al Santísimo y dos a los Sepulcros Reales’. A continuación, se realiza una visita al panteón de los Reyes Católicos. Desde la catedral, la comitiva se traslada de nuevo al Ayuntamiento para volver a ondear desde el balcón el estandarte”.

Entón chega a traca final:

El acto lo cierra un breve desfile de legionarios”.

O verdadeiramente preocupante é que en pleno século XXI continúe vixente a identificación Igrexa-Estado nunha mimese dialéctica que semella o ano no que o NO-DO iniciou a súa andaina

Teño que pedir sinceras desculpas a todos aqueles que tiveran a paciencia de ler as liñas anteriores. Case todo o descrito é certo ou real. Case todo: así, o episodio de Stalingrado coincide co sucedido no duro inverno de 1943; tamén naquel ano e na data citada deu comezo o NO-DO as súas proxeccións; e, por suposto, o 2 de xaneiro de 1492 tivo lugar a toma de Granada e a vitoria dos Reis Católicos coa expulsión dos musulmáns. Tamén responden á realidade todas as cursivas encerradas entre aspas que narran os actos de celebración do aniversario da caída da cidade andaluza. Non foi modificada nin unha coma nin un punto. Mais, outra vez, pido perdón pola chanza: nin os textos traídos foron lidos polo locutor do NO-DO nin apareceron en 1943. En realidade, corresponden á crónica asinada por Javier Arroyo para o diario El País que apareceu... o 3 de xaneiro do 2020. Do 2020!!! 

Baixo o título “Ortega Smith, a la reconquista de Granada”, Arroyo describe os actos conmemorativos da derrota de Boabdil e a fin da dominación musulmá na península Ibérica. Pouco importa que naquel escenario ondearan miles de bandeiras españolas. Incluso que o secretario xeral dun partido fascista capitalizara o evento. O verdadeiramente preocupante é, dende o meu punto de vista, que en pleno século XXI continúe vixente a identificación Igrexa-Estado nunha mimese dialéctica que semella o ano no que o NO-DO iniciou a súa andaina. Ningún demócrata poderá entender que unha comitiva civil e militar acuda á catedral para ser recibida polas autoridades eclesiásticas sen recordar vellos tempos nos que primaban a Raza e o Imperio. 

A frase “La invasión islámica fue derrotada en una Recoquista que aún hoy continúa” foi pronunciada durante a celebración por Javier Ortega Smith

Tamén resulta rechamante a subordinación do poder civil ao eclesiástico. De non ser así, por que un concelleiro ondea un estandarte, segundo o protocolo, “tres veces ao Santísimo e dúas aos Sepulcros Reais”? E unha última pregunta, non menos importante: que está pensando un tenente xeneral cando recolle a espada orixinal de Fernando o Católico? Agardemos que no momento do desfile da Lexión xa estivera devolta ao seu sitio orixinal.

Por certo, a frase “La invasión islámica fue derrotada en una Recoquista que aún hoy continúa” foi pronunciada durante a celebración por Javier Ortega Smith, o mesmo que afirmou nun medio público televisivo que as chamadas Trece Rosas violaran e asasinaran a centos de persoas no Madrid republicano. Cincuenta e dous deputados no Congreso... Máis de tres millóns de votos... Aviso a navegantes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.