Reconstruír e/ou anovar

Cando hai uns meses comezou o proceso de reconstrución da esquerda galega, froito fundamentalmente da ruptura do que fora ata ese momento o espazo común da esquerda nacionalista pero non só, algúns xa advertiamos que este ía ser un proceso longo e complexo pois non era alleo á crise global que sufría unha esquerda produtivista, corporativista e etnocentrista ben sexa  na súa versión comunista ou socialdemócrata.

Os resultados electorais de Alternativa Galega poden axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras

Un proceso que tiña que ver con problemas metodolóxicos, salientados reiteradamente en diversos foros e debates, pero fundamentalmente epistemolóxicos, e polo tanto imposible de abordar na súa reconstrución sen anovar os paradigmas e os parámetros nos que se asentou a propia esquerda nas ultimas décadas. Estabamos pois diante dun proceso que requiría presentar unha oferta electoral ás eleccións autonómicas en cernes pero sendo conscientes de que a necesidade da reconstrución e renovación da esquerda galega ía por forza mais aló da data das eleccións.

Os resultados electorais de Alternativa Galega pode ter uns efectos secundarios para a esquerda, mesmo non desexados por inesperados, pois os mesmos axudan a acelerar o proceso de reconstrución da mesma pero poden dificultar a necesaria renovación ao impoñerse as lecturas máis triunfalistas, e polo mesmo as máis conservadoras.

O resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético

Sen dubida, o resultado electoral de AGE ten que ver cun proceso de reagrupamento plural de forzas, que cada unha pola súa conta sumarían cero, xunto dun forte liderado político e ético, que sen dubida ten animado a moitos novos votantes e a votantes das forzas da esquerda tradicional xa desencantados a participar nos actos multitudinarios da campaña e a saír dun case seguro abstencionismo.

Pero os resultados non arranxan os problemas que a propia esquerda tiña previamente. Non debemos esquecer que algunhas das cuestións fundamentais das novas formas de interpretar a política eran rexeitadas por algúns dos grupos xa existentes que hoxe conforman AGE ou que o proceso de construción de Anova fixo aflorar as propias contradicións, aínda sen resolver, entre as novas demandas e os vellos métodos.

P resultado de AGE fai que se produza un impulso a este proceso de reconstrución baixo un novo paradigma: ‘a unidade das esquerdas arredor dun proxecto nacional inclusivo’

É obvio, que o resultado de AGE, paralelamente ao desgaste do BNG e a imposibilidade de asentarse novas forzas no espazo do nacionalismo, fai que se produza un impulso a este proceso de reconstrución baixo un novo paradigma: ‘a unidade das esquerdas arredor dun proxecto nacional inclusivo’, fronte o paradigma que representou o BNG durante case tres décadas: ‘a unidade nacionalista cun abano esquerda-dereita aberto’.

Ademais o feito de que as eleccións autonómicas galegas coincidiran coas vascas, onde IU concorreu illadamente e fora do marco plural da esquerda nacional que representaba EH-Bildu, pon mais en evidencia a comparativa entre o resultado negativo onde unha forza se presenta soa e sen proxecto nacional e o resultado positivo onde esa mesma forza o fai de xeito colaborativo con forzas nacionais/istas, seguindo o exemplo catalán ou aragonés.

Do que si podemos estar seguros é de que, con AGE ou sen AGE, a estrutura de partidos políticos en Galicia contará cunha cuarta forza, e esta estará situada na coordenada da esquerda nacional

Non podemos albiscar como será a recomposición das forzas políticas galegas nos próximos anos pero do que si podemos estar seguros é de que, con AGE ou sen AGE, a estrutura de partidos políticos en Galicia contará cunha cuarta forza, e esta estará situada na coordenada da esquerda nacional. O paradigma da unidade do nacionalismo, tal como foi concibido ata o  de agora, fracasou, ben sexa na versión crúa da UPG ou na versión amable do Quintanismo.

Non obstante este impulso ao proceso de reconstrución debería facernos ser prudentes á hora de abordar o proceso de renovación. Seria un erro que o éxito electoral de AGE se convertera nun obstáculo no necesario proceso de renovación da esquerda.

O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios

AGE ten retos propios coma é a consolidación do seu proxecto político, organizativo e social partindo para isto do recoñecemento da propia pluralidade política interna e da propia pluralidade social externa. O resultado de Alternativa Galega non podería interpretarse correctamente senón entenderamos que a cidadanía desbordou os efectivos partidarios e corresponde ás forzas que compoñen AGE dar resposta correcta ás demandas dun electorado que vai ser moi esixente.

Pero o fortalecemento de AGE necesita do fortalecemento das partes, fortalecemento no senso renovador das ideas, no desenvolvemento dos seus proxectos políticos e no fortalecemento dos seus elementos organizativos, entendendo isto de xeito cooperativo pois o fortalecemento de cada unha das partes supón o fortalecemento do conxunto e viceversa.

Esquerda Unida terá que abordar, dunha vez por todas, as claves do seu proxecto nacional para que o federalismo pase de ser un recurso literario a ser unha realidade

Esquerda Unida terá que abordar, dunha vez por todas, as claves do seu proxecto nacional para que o federalismo pase de ser un recurso literario a ser unha realidade, Anova necesita facer o traballo pendente de desapego cultural da súa orixe, Espazo Ecosocialista e Equo teñen por diante un proceso de madurez orgánico sen os cales calquera das supostas novas ideas que representan careceran de credibilidade. E todos teñen que repensar a esquerda galega do século XXI no plano cooperativo na diversidade política; nas novas pautas culturais de entender a relación da persoas coa produción e destas coa natureza; a redefinición do soberanismo, entendido nun marco global que require de plantexamentos de soberanías compartidas; e fundamentalmente, camiñar na radicalización da democracia como elemento clave da relación coa cidadanía na que reside as políticas de cambio.

Todo isto sen perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global

Sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre eles pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional. 

E todo isto sen perder de vista a evolución da propia esquerda europea e global necesitada de novos paradigmas, de novas linguaxes, de novos conceptos e de alternativas globais, sustentables e aplicables para a maioría da cidadanía global. E sen perder, o máis importante, que a política componse dunha serie de tácticas encamiñadas a facer máis feliz a vida da xente, ao servizo dunha estratexia conducida á situar por riba de todo a beleza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.