Rectificar o erro

Se facer un bo traballo contribúe a dignidade da persoa, recoñecer cando se comete un erro e tentar mudar as súas consecuencias debe guiar a calquera que aspire a realizar un bo traballo. E isto mesmo pretendo coas miñas palabras, recoñecer un erro cometido en días pasados e exonerar deste ás persoas que indirectamente se viron prexudicadas no seu labor a causa daquel, nomeadamente ás que tan grande traballo están a facer en Praza Pública. Gustaríame desculparme, en primeiro lugar, con elas, pois merecen todo o meu respecto e admiración e non son merecentes de cargar cos deslices numéricos que neste caso cometín. A continuación teño que desculparme con todas e todos os que ledes os meus artigos e con humildade agradecer a aquelas persoas que fixeron unha chamada de atención persoalmente ou desde as redes sociais sobre a diferenza numérica que nos datos sobre o seitor leiteiro publicamos hai uns días.

Se facer un bo traballo contribúe a dignidade da persoa, recoñecer cando se comete un erro e tentar mudar as súas consecuencias debe guiar a calquera que aspire a realizar un bo traballo

Efectivamente o impacto anual da diferencia de prezos é elevado, da orde de 4 céntimos entre o promedio cobrado no Estado Español e o cobrado en Galiza. Se multiplicamos o prezo cobrado de promedio do ano pasado (28,8 euros/100 quilos de leite) polas toneladas entregadas ao longo do ano por parte das 9420 explotacións galegas a cantidade que nos resulta é de 660 millóns de euros anuais de impacto económico directo na totalidade do seitor leiteiro de Galiza. Mentres que se o prezo empregado fose de 33 euros/100 quilos de leite (que constitúe o promedio do Estado segundo o FEGA) os ingresos para o conxunto das explotacións galegas representaría 760 millóns de euros anuais. A diferenza é de 100 millóns de euros que as explotacións deixan de ingresar con respecto ás do estado. Sendo xa un volume económico o suficientemente notable para o conxunto da economía labrega galega e que representa aproximadamente o gasto que realizamos en importacións anuais de verduras e froitas.

A diferencia de prezos entre Galiza e o Estado sitúase un 12% por baixo e unha explotación promedio está a deixar de ingresar da orde de 1000 euros ao mes, cantidade que supón, por exemplo, o 27% do gasto en concentrados (pensos). Esta porcentaxe ten que ser asumido directamente por parte da explotación, restándoo da súa ganancia. Daría para un debate ben interesante (co que un está moi de acordo) discutir se é posible producir con menos concentrados e polo tanto reducir o impacto económico. E tamén o papel que xogan as institucións e empresas actuantes no seitor leiteiro á hora de escoller un modelo e non outro.

A resultas das dos prezos pagados, a economía galega está en clara inferioridade co resto do Estado e, olle como se olle, a situación non ten visos de solucionarse

A resultas das dos prezos pagados, a economía galega está en clara inferioridade co resto do Estado e, olle como se olle, a situación non ten visos de solucionarse. Recentemente, a gandería galega estaba ocupando a Ronda da Muralla en Lugo e bloqueando as áreas comerciais. Con esta actitude non se pretendía perturbar á cidadanía, senón máis ben chamar a atención a respecto dun problema que nos afecta a todas. Coas presións exercidas as granxas galegas conseguiron arrincar da distribución (super e hipermercados) a suba duns céntimos que se teñen que trasladar a produción.

Evidentemente, cando as institucións non están ou xogan á contra da cidadanía, é esta quen debe coller a besta polo ramal e explicarlle claramente a quen negocia que co pan de todas non se xoga. As palabras da Consellaría e do Ministerio de medio rural destes días reflicten claramente o escenario: Debidamente realizada, a presión popular sobre o poder da beneficios. Ofrecerse como mediador, despois de case trinta anos de conflito, fainos sospeitar que por unha banda temen o resultado dunha vindeira cita eleitoral e por outra prentenden seguir amortecendo o conflito a ver se este temporal pasa do mesmo xeito que pasaron outros e as augas se normalizan.

Pero os datos están aí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.