Recuperar a memoria das mulleres con responsabilidade. Son as 14 rosas vermellas, non 13

Inauguración en Oleiros do monumento dedicado "ás 13 rosas" © Concello de Oleiros

Non colle dúbida de que a recuperación da memoria histórica é unha tarefa complexa, complicada e dura. Complexa porque vai (ou debería ir) alén da localización das foxas onde fican soterradas milleiros de persoas asasinadas polo fascismo e da exhumación dos seus restos, para situarse na recuperación de toda unha época: a IIª República, con todos os seus avances e do franquismo con todos os retrocesos e, nomeadamente, a represión. Complicada porque desde o principio foi difícil atopar testemuña oral (as máis das protagonistas faleceron nos últimos anos), testemuña escrita (moitos documentos foron destruídos polo fascismo) e documental en xeral. Dura porque a dereitona segue a pór todos os atrancos posíbeis ao proceso, desde denuncias a persoas que traballan no tema, pasando pola retirada das (precarias) axudas económicas e loxísticas que se habilitaran tras a promulgación da lei de 2006, ata a envorcada de toda clase de infamias e calumnias contra as persoas represaliadas.

 

14 Rosas Vermellas, non 13.

Pois ben, se nos colocamos no proceso de recuperación da memoria das mulleres, a complexidade, a complicación e as dificultades multiplícanse, xa que a todos os atrancos anteditos haille que xuntar a falla de interese que amosan en xeral as institucións e asociacións polo tema. Neste contexto debemos situar o asunto que nos ocupa, un feito que tivo lugar o pasado sábado (día 13 dos que andamos) en Bastiagueiro (Oleiros – A Coruña). O goberno (ou o pleno, non sei) municipal acordou pórlle o nome das 13 Rosas a un parque da antedita localidade, sen ter en conta que as 13 Rosas (vermellas) eran en realidade 14. Foron avisad@s, cónstame porque a alerta deina eu mesma e a persoa que dou o aviso confirmoumo. Na placa aparecen os nomes e apelidos das 13... e o do alcalde, madia leva! Polo demais... que era moi tarde, que faltaban tres días... que a placa xa estaba encargada. En fin!.

Escribo isto desde a dor e a carraxe, pero non por iso é unha reacción visceral, senón guiada pola firme convicción de que hai que recuperar a memoria das mulleres, pero con rigor e responsabilidade. O xornalista Carlos Fonseca, que en 2004 publicara un libro sobre as 13 Rosas Vermellas non se conformou e, cando se descubriu (en 2006) a Rosa número 14, Antonia Torre Yela, investigou ata conseguir a información toda e reeditou o libro (Trece Rosas rojas y la Rosa 14. Temas de Hoy, 2014).

Cando se trata de recuperar a memoria histórica hai que se documentar. Neste caso tería abondado con consultar na Wikipedia. Na entrada “Las trece rosas”, cita a Antonia. Comprobeino eu mesma antes de escribir este texto. Non consultar as fontes paréceme unha falta de respecto á memoria pendente de recuperar, asemade de colocarnos fóra de posición de criticar á dereita por este motivo.

 

Foi un erro?

Somos humanas e, ás veces, enganámonos (ou non nos documentamos), pero neste caso había varios xeitos de emendar o erro. Un deles, por exemplo, sería colocar outra plaquiña a carón da que xa estaba “encargada” (?), co nome de Antonia Torre Yela, a Rosa número 14. Se non daba tempo para o día programado, podíase adiar o acto (máis cousas quedaron adiadas polo confinamento e aquí estamos). De celebralo igual, podíase anunciar a colocación da dita placa en canto estivera feita... en fin, hai moitas maneiras de corrixir o (chamémoslle) despiste. O que pasa é que, se houbera vontade de facelo, mesmo terían comentado algo sobre o particular no acto de colocación da placa, pero ninguén dixo nada. Ninguén!.

 

A regra da inversión.

Poderiamos facer uso do que chamamos “a regra da inversión”. A mesma sentenza que condenou a morte as 14 Rosas (e a outra muller a 12 anos de cárcere), condenou tamén 43 homes (aos que chaman os 43 caraveis). Ambas as dúas foron executadas o mesmo día. Que pasaría se tiveran executado 42, por un erro mecanográfico, e executado o outro uns meses máis tarde, unha vez descuberto o erro?... Aí o deixo. Coido que resposta é doada.

 

Antonia Torre Yela. A Rosa (vermella) número 14.

Naceu en Madrid, en 1921, no seo dunha familia traballadora. Desde moi nova traballou nunha fábrica de sobres. En outubro de 1936 afiliouse ás JSU, na agrupación de Chamartín de la Rosa.

Ingresou na prisión de Ventas o 3 de xuño de 1939, tras ser detida e torturada, e foi condenada a morte o 3 de agosto. Pero non foi fusilada o día 5, coas demais. En realidade houbo un erro mecanográfico na orde de execución, na que constaba “Antonio”, no canto de “Antonia”. No cárcere de Ventas non había homes e no de Porlier non había Antonio Torres ningún. Tanto ela coma as súas compañeiras decatáronse, pero ningunha dixo nada.

Cando se esclareceu o erro foron por Antonia, que sería fusilada o 19 de febreiro de 1940, xunto coas irmás Concepción e Fernanda Casado Malsipica, condenadas o 24 de decembro por teren traballado nas cociñas dunha organización libertaria. Segundo José Rodríguez Vega, que fora secretario xeral da U.G.T. de Madrid, e que coincidiu con elas na mesma comisaría tras a detención, ambas as dúas foron torturadas ata perder o coñecemento e igualmente foi maltratado o fillo de Fernanda (Enrique) que contaba só dous meses de idade.

En 2006, un sobriño de Antonia informou que a familia sempre creu que agardaran que cumprira os 19 anos para fusilala, e que nunca souberan nada do erro mecanográfico.

 

Pedimos que se emende esta omisión.

Desde a oportunidade que me brindan nesta tribuna pido ao Concello de Oleiros que emende esta omisión. Pido á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (que tamén contribuíu a ela) que pule para que se faga a dita emenda e pido a ambas as dúas institucións para que non volva a acontecer algo así.

Coloquen unha outra placa a carón da que xa está co nome de Antonia Torre Yela. Non facelo sería unha deslealdade cara a súa memoria, e unha de respecto á Memoria das Mulleres represaliadas e á Historia mesma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.