Recuperar En Marea para a Unidade Popular

“A historia repítese dúas veces: a primeira como traxedia, a segunda como farsa”.*

Esta premisa marxiana resume perfectamente o que acontece no espazo plural de unidade popular, primeiro na chamada Alternativa Galega de Esquerda (AGE), agora coa súa continuadora, EN MAREA.

O 21 de outubro cumpríronse 6 anos da chegada de AGE ao Parlamento Galego.

É ANOVA quen traslada un 25 de xullo de 2012 (once días despois da súa fundación) a idea  e necesidade de unir forzas na esquerda entre “nacionalistas” e “federalistas”, partindo da defensa da condición nacional galega e do dereito a decidir, e co obxectivo posto en rexenerar o País e recuperar as institucións para a xente do común. Xa desde este momento en ANOVA existiron sectores e actores que sendo contrarios a esta unidade, e non podendo parala decidiron entón enunciar que esta só debería ser conxuntural para as eleccións de outono 2012, ou no peor dos casos como grupo parlamentario, sen traslado ás rúas ou outras institucións. Estes actores contrarios a AGE remataron sendo minoritarios en ANOVA, os máis apresurados deles decidiron escindirse co nome CERNA en 2014, e ademais consideraron que 2 actas de deputadas de AGE lles pertencían nominalmente. O nome dunha destas deputadas na IX Lexislatura era o mesmo que agora, nesta X Lexislatura é man dereita da Coordinadora (executiva) de EN MAREA.

Mais CERNA non foi a única “escisión” que ANOVA sufriu como consecuencia da aposta pola Unidade Popular e as contradicións que a súa construción foi xerando. Outros e outras tampouco nunca esconderon o seu odio a traballar e colaborar co 50% de AGE, así foron constantes as tensións e rupturas na chamada Alternativa Galega de Esquerda, mesmo chegando ter que desenvolver a labor política de AGE, e despois na EN MAREA de 2015 e 2016, fronte ao boicot destes sectores, que din defender coa boca pequena a Unidade Popular pero que no día a día teiman en volver ao proxecto do Partido Nacional. O paradigma desta ideoloxía consumouse de maneira máis visible nas diferentes convocatorias electorais, comezando nas eleccións locais de maio 2015, onde houbo quen quixo competir contra as Mareas municipais de Unidade Popular. Un erro histórico dos que xa non están en ANOVA e que semella pretenden volver repetir, desta vez cun envoltorio diferente pero como mesmo produto: o sectarismo, o patriotismo da sigla ou da pandilla, e un enunciado de salvadores da unidade da esquerda, pero dividíndoa unha vez máis.

EN MAREA

Despois do éxito da formula Mareas nas eleccións municipais de maio de 2015, moitos e moitas entendiamos que no ámbito nacional galego debíase aplicar o mesmo plantexamento. A ecuación inicial era sumarlle a AGE (ANOVA + Esquerda Unida) o novo partido PODEMOS, pero a esta parte partidaria había obrigadamente que sumarlle o elemento fundamental cidadá representado polas Mareas municipalistas, con toda a súa pluralidade, democracia directa e horizontalidade. Enriquecer  a idea inicial de AGE a través de novos continxentes de activistas sociais e coa incorporación dun discurso potente e rupturista visualizado xa moi ben no 15M.

Nas eleccións de decembro de 2015 conséguese  un moi bo resultado grazas á alternativa política ilusionante que fomos quen de transmitir aos galegos e galegas, formula EN MAREA que xurde así cun enorme éxito electoral e sendo a única formula de confluencia a nivel do Estado na que a marca PODEMOS vai en pé de igualdade con outras e baixo o nome común, EN MAREA.

A pesar deste éxito, desde o seu comezo tivo claros inimigos internos, destacando diferentes grupos e correntes que, dun lado e do outro sempre foron moi hostís contra esta nova unidade que supuxo EN MAREA, paradoxas da vida agora algúns presentes na súa coordinadora (executiva). A hostilidade foi ata tal punto que nas provincias de Lugo e Ourense houbo que facer as campañas de decembro 2015 e xuño 2016 salvando o boicot intrascendente destes colectivos grazas á moita cidadanía ilusionada que se incorporou á alternativa.

EN MAREA nas eleccións autonómicas

A pesar dos antecedentes mencionados e das hostilidades e ataques destes sectores contra este espazo común de unidade na esquerda, sempre houbo interesados e interesadas en facilitar a entrada destas sensibilidades fragmentadoras dentro da nova EN MAREA, sendo na realidade dúas caras da mesma moeda. A inxenuidade política, o patriotismo das siglas de unhas e outras, e os intereses converxentes entre algúns actores da Unidade, fai posible que estes dous colectivos cheguen a funcionar como correntes internas e consigan aliarse con outros neomareistas que defenden que EN MAREA debe afastarse dun proxecto de unidade popular e plural e camiñar cara un partido nacionalista moderado, tanto no identitario como nas políticas sociais e económicas.

Polarización e risco de ruptura, outra vez

Case 6 anos despois, débese clarificar unha vez máis o que é a Unidade Popular e a unidade da esquerda, máis alá da sigla partidaria de cada quen. Xa perdemos moitas enerxías internamente, e frustramos moitas esperanzas depositadas nunha alternativa de esquerda.

Quen está por dividirnos unha vez máis, sexa desde Galicia ou desde Madrid, non pode ter cabida na EN MAREA común de toda a esquerda. Quen soñe con refundar EN MAREA coma unha CxG 2.0  ten todo o dereito do mundo a facelo, é lexitimo e non se lle pode reprochar querer facelo. Agora ben, non deben agocharse no proxecto orixinado en 2012. O digno e honesto é non enganar nin á afiliación nin ao electorado, como xa se fixo nas pasadas primarias por parte dos que racharon a candidatura unitaria e maioritaria “Máis Alá”. Moito menos debemos ser unha fraude para a sociedade que deposita en nós algunha esperanza de mellorar a súa vida e a dos seus seres queridos.

Tampouco poden vencer as teses das e dos que non queren ver en AGE un precedente de unidade popular que tiña o seu centro de gravidade fortemente asentado en Galicia e na libre decisión dos galegos e das galegas, para pretender que EN MAREA sexa un apéndice galaico.

Considero que a sociedade non nos vai permitir repetir os erros do pasado, e fai ben. A historia non se pode repetir. A Historia da esquerda galega e do pobo traballador galego non poden ser unha farsa. Eu desde logo non estarei ligado a un proxecto farsa, e creo que moita xente que se activou nas mareas como contixentes cidadás sen experiencia previa tampouco acreditará nese modelo que repita erros. O partidismo e a sigla non debe ser razón de peso, os proxectos para o ben común si. Porque a xente que estamos nas mareas e colectivos municipais sempre imos priorizar o proxecto do ben común e da nosa veciñanza, nunca unha sigla ou intereses de parte.

Recuperar EN MAREA reforzando as mareas municipais e os seus proxectos de concellos para o pobo

De nada serve EN MAREA se nos concellos non hai proxectos municipalistas fortes e soberanos respecto aos Partidos. Agrupados e coordinados voluntariamente a nivel nacional galego pero facendo das mareas municipais proxectos autónomos veciñais e plurais nos cales calquera cidadán se vexa identificado cun proxecto de concello para o ben común. Foron as mareas municipais, xunto coa experiencia previa de AGE, a base da que xurdiu EN MAREA e non á inversa, polo que sería un erro pretender impoñer a formula EN MAREA nos 313 concellos galegos e non respectar o proxecto orixinario das mareas e candidaturas veciñais polo ben común. Certo que esta autonomía indispensable hai que compaxinala coa cooperación entre candidaturas para unir forzas,  cando menos de cara as Deputacións provinciais.

Hai que volver ao modelo de consenso que deu lugar a EN MAREA, debemos afastarnos da confrontación interna, orixinada na ruptura da candidatura plural “Máis Alá” e no conseguinte empoderamento das faccións internas que sempre apostaron por reducir a pluralidade e representatividade do espazo común. Non podemos permitir que triunfen o vello faccionalismo e o cainismo da homoxeneidade ideolóxica e da homologación coas políticas do réxime.

Volver ao consenso inicial non é outra cousa que apostar por unha EN MAREA plural e aberta, sen sometemento as partes que a conforman, e na que as mareas municipais sexan centrais. Mareas na que esteamos cómodos e representados todos e todas as cidadás e a esquerda política, sexamos soberanistas ou federalistas, que partindo do recoñecemento democrático dos pobos a decidir libremente o seu futuro podamos camiñar xuntos e xuntas para construír poder cidadá e popular fronte ás políticas que impiden o benestar persoal e social.

Volvamos a acordo orixinario de EN MAREA, e que tivo o respaldo de máis de 400 mil galegos e galegas a pesar do boicot dalgúns dirixentes actuais, implantemos un modelo de unidade e traballo cooperativo iniciado polas Mareas municipalistas e que deu lugar á esperanza cívica e á demostración de que é posible desaloxar aos malos gobernos para elixir a representantes do ben común.

Apostemos pola Unidade Popular como unidade de toda a esquerda política, sen paraugas nin guións, esquerda social e cívica, unidade mesmo coa esquerda que non está no proxecto das Mareas e coa que sigue sendo imprescindible colaborar e cooperar en moitos espazos amplos máis alá da institución. Estamos obrigados a evitar en todo momento equivocarnos de inimigo, aínda que na maioría de ocasións só recibamos ataques no lugar de cooperación e colaboración. Un matiz, a unidade non pode ser obrigatoria para aqueles que, ben entoando que só eles son a nación galega ou ben que na súa sigla demoscópica madrileña está a salvación, nunca entenderán que a unidade popular é a forza imprescindible para o ben común nun país xusto.

Adiante pois, volvamos a ilusionarnos na esperanza de conseguir máis Concellos abertos para todos e todas, Concellos do pobo para unha vida mellor, na esperanza dunha Galicia xusta, libre, igual e fraternal.

* “Hegel di nalgunha parte que a historia repítese dúas veces. Faltoulle agregar: primeiro como traxedia e despois como farsa”. Karl Marx, no Dezaoito Brumario de Luís Bonaparte.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.