A pesar das discrepancias sobre a futura xestión dun servizo tan esencial como o da auga, hai, como mínimo, dous elementos de avaliación que son comúns a todos os posicionamentos dos grupos políticos en Santiago de Compostela: a pouca capacidade de control que tén o Concello sobre a concesión e as necesidades de mellora que precisa a rede de saneamento e abastecemento no conxunto do termo municipal.
Hai dous elementos de avaliación que son comúns a todos os posicionamentos dos grupos políticos en Compostela: a pouca capacidade de control que tén o Concello sobre a concesión e as necesidades de mellora que precisa a rede de saneamento e abastecemento no conxunto do termo municipal
Sobre o primeiro deles o Concello de Santiago, aínda que quixese, non tén a capacidade técnica e organizativa para exercer un control efectivo sobre a empresa e sobre a calidade do servizo. Os catro grupos políticos que formamos parte da Corporación fomos responsables políticos -e de goberno- deste servizo nalgún momento dos últimos 20 anos, e polo tanto temos experiencia e sabemos do que falamos. Mais tal vez quen sexa máis consciente é o actual grupo do PSOE, que ten recoñecido recentemente esta falta de capacidade para exercer control sobre o contrato. Non é de estrañar, porque foi este grupo político quen sucesivamente foi baleirando de contido os servizos municipais, sobre todo a partir de 1992, por unha parte coa cesión do cobro do recibo da auga, e por outra, coa concesión da xestión da EDAR da Silvouta e a ETAP do Tambre tamén á antiga Aquagest e actual Viaqua.
É a partir dese momento que o ciclo completo da auga queda nas mans de Aquagest, nunha decisión que sería renovada en 1998 tamén polo PSOE, no último goberno de Estévez e a menos dun mes de que abandonara a alcaldía para ser sucedido por Bugallo. Por suposto, o actual alcalde era peza clave de ambos gobernos, dos xa que facía parte tanto no 92 como no 99.
A segunda avaliación na que coincidimos os catro grupos políticos municipais refírese ao preocupante déficit de infraestruturas de abastecemento e saneamento en Santiago. E iso que a última prórroga do contrato, iniciada cando Bugallo xa tiña un pé na alcaldía, foi concedida, supostamente, para equilibrar o contrato depois de terlle encargado unha auditoría á propia Aquagest que valourou en 53 millóns de euros os investimentos necesarios para mellorar a rede e solucionar as súas carencias. Agora, pasados outros vinte anos, o goberno local calcula que o déficit non diminuíu senón que se agravou notablemente. Se temos en conta as propias declaracións do alcalde, as necesidades de investimento para arranxos na rede situaríanse hoxe entre os 120 e os 140 millóns de euros. Polo tanto, nos anos de prórroga da empresa non se arranxaron os problemas de Santiago senón que se agravaron.
Ademais, de todo isto xa advertiu un informe do Tribunal de Contas no ano 2003, no que precisamente se poñían en dúbida estas dúas casuísticas. Por unha parte, cuestionábanse as razóns de interese público da prórroga unilateral a Aquagest (actualmente Viaqua) realizadas polo goberno do PSOE, sen estudos rigorosos previos. Por outra parte, cuestionábase a legalidade dos préstamos realizados pola empresa ao Concello para actividades da capitalidade cultural europea. Así mesmo, o Tribunal sinalaba a falta de control do Concello sobre os recibos, e denunciaba a ausencia de control económico sobre a xestión de Aquagest do ciclo integral da auga.
Ou ben a xestión privada non foi nin é a mais acaída, ou ben o Concello de Santiago non tivo vontade ou capacidade de exercer o necesario control sobre esta empresa
Cómpre lembrar que o goberno de Compostela Aberta iniciou unha regularización de todos os recibos, regularización que acaba de concluír nunha primeira fase, hai escasos meses, e que destapou máis de 6.000 vivendas que eran usuarias do servizo pero que non pagaban a auga, o que supuxo deixar de ingresar uns 300.000 € anuais. Polo tanto, non sorprende a acumulación da débeda e o déficit estrutural no servizo. A estas circunstancias, habería que sumar as sentenzas pagadas polo Concello a Aquagest/Viaqua nestes anos, así como as sospeitas de presuntos casos de corrupción que rodearon este contrato.
Á luz de todos estes acontecementos, ou ben a xestión privada non foi nin é a mais acaída, ou ben o Concello de Santiago non tivo vontade ou capacidade de exercer o necesario control sobre esta empresa. Como é posible que ante esta situación de acumulación de déficits na rede de abastecemento da auga non se estea levando a cabo unha avaliación e unha auditoría da propia empresa que xestiona o servizo? Como é posible que se pretenda decidir, sen consenso, continuar outros 25 anos coa mesma política de mercantilización e explotación dun ben tan esencial como a auga sen un debate colectivo previo? Como é posible que non se conte coa cidadanía para valorar esta decisión e os potenciais aumentos das tarifas? Como é posible que non se procure un debate de cidade para que a veciñanza poida ter voz e exerza o seu dereito a coñecer a situación así como valorar outras posibilidades relacionadas coa prestación directa do servizo?
O abastecemento e saneamento da auga debería ser un servizo municipal que se xestionase sen expectativa de lucro empresarial, con criterio de equidade social. A xestión deste ben público de primeira necesidade non pode descansar na idea de que a cidadanía é mera clientela que compra a auga como se fora unha mercancía. O acceso á auga ten que garantir a accesibilidade universal, isto é, o acceso con independencia de que residas nunha zona urbana ou rural do municipio. Ao mesmo tempo, este ben esencial debería xestionarse baixo criterios de accesibilidade económica para non comprometer as condicións de vida das persoas e familias máis vulnerables. O dereito humano á auga foi recoñecido formalmente por Nacións Unidas (2002), constitúe un dereito a un recurso natural limitado a un ben público fundamental para a saúde e para a vida.
Só retomando o control do servizo o Concello poderá tomar decisións motivadas en termos de eficacia, eficiencia e sustentabilidade. Só retomando o control seremos capaces de protexer o noso ben común e non hipotecar o futuro por 25 anos máis
Por todo isto, desde Compostela Aberta propomos retomar o control do servizo. Propomos algo excepcional? Non. Concellos gobernados por alcaldías do PSOE historicamente, como o da Coruña, ou recentemente, Valladolid, teñen este modelo de xestión. O que nós propomos é que sexa realmente o Concello quen adopte as decisións e non a empresa privada. Porque as primeiras auditorías económicas teñen demostrado que existe capacidade para axustar a tarifa e baixar o recibo ao mesmo tempo que se xeran recursos para ampliar e mellorar a rede. Porque só retomando o control do servizo o Concello poderá tomar decisións motivadas en termos de eficacia, eficiencia e sustentabilidade. Só retomando o control seremos capaces de protexer o noso ben común e non hipotecar o futuro por 25 anos máis.