Recuperemos aquelas forzas

A represión mediante o asasinato daquel 10 de Marzo executado polas forzas policiais do tardofranquismo nos estaleiros de Ferrol foi un ataque frontal contra a clase obreira ante as súas reivindicacións.

O 7 de Marzo de 1972, o atranco de parte do Sindicato Vertical para que os traballadores de Bazán tiveran convenio propio, provocou o ambiente que propiciaría unha Folga Xeral na comarca tres días despois. Durante eses días previos, a varios sindicalistas de Comisións Obreiras, cunha gran capacidade mobilizadora na fábrica, negóuselles a entrada ó centro de traballo, multaron e mesmo propiciaron malleiras na mesma entrada da factoría.

O día 10 ó amencer, e durante unha manifestación que partía dende Bazán ate o Polígono de Caranza, deuse o enfrontamento entre os traballadores e policía franquista. Os disparos, por parte dos corpos de seguridade do fascismo, acabaron coa vida de dous dos sindicalistas e deixaron medio centenar de feridos. Pouco despois, e ante os sucesos que estaban a acontecer, outras fábricas pecharon nunha acción de solidariedade. A situación, sumamente tensa na comarca, podería ter desembocado mesmo cunha actuación militar que deixara sen dúbida un saldo de vítimas maior e unha amargura parecida á actuación militar do propio Franco naquel Outubro do 34 en Asturias.

Tras dez días de tensión, e ducias de despedidos, multados e encarcerados as portas de Bazán reabriron, pero a morte dos dous traballadores quedou impune.

Pode que hoxe, as vestimentas dunha democracia formal permitan satisfacer os intereses daqueles que gobernan durante mais de catro anos dende hai varias décadas sen ter que recorrer ó sangue nas rúas, pero a loita de Daniel, Amador e os traballadores ferroláns é a mesma loita hoxe en dia, e contra os mesmos. As causas que lanzaron a rúa ós ferroláns no 72 son as mesmas que nos lanzan hoxe en día a nos: precariedade e pobreza.

É o problema de sempre,  a vella ladaíña da clase obreira galega e do mundo. Pode que en distinto grao e en distintas realidades políticas, pero idéntica na súa causa: un sistema económico voraz que extrae do traballo alleo a súa riqueza. Namentres non consigamos superalo, loitaremos baixo as mesmas consignas, contra os mesmos patróns, baixo o mesmo réxime.

E para loitar contra este réxime xerador de desigualdade, guerras e pobreza en medio mundo, precisamos de tódalas ferramentas posibles. É imprescindible un sindicalismo activo e de clase como polo que se xogaron a vida, e mesmo a perderon, aquelas e aqueles traballadores durante a ultima etapa da ditadura fascista e da mal chamada Transición.

O 10 de Marzo por tanto, non pode ser unicamente unha data para conmemorar a loita daqueles anos e lembrar o sacrificio de milleiros de traballadores. O 10 de Marzo debe ser o momento para seguir reivindicando as dificultades para exercer correctamente as liberdades sindicais, a asfixia ós traballadores máis novos do sistema laboral, a toma de conciencia da nosa clase para superar un réxime inxusto en aras da consecución do socialismo e a verdadeira democracia que non é outra que o goberno da clase traballadora en detrimento da Troika, a patronal e en definitiva, os poderes económicos que nos vemos na obriga de enriquecer para poder vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.