Recuperemos o espazo nacionalista

Logo do mal resultado electoral do pasado 20 de decembro (e chove sobre mollado), o BNG atópase no momento de buscar como reaxir. Non é, desde logo, unha tarefa doada, mais temos que ser conscientes da importancia de non deixarnos levar polas présas, e moito menos neste contexto, no que está enriba da mesa a refundación mesma do espazo político e social do nacionalismo en Galiza. 

Coido que os problemas do BNG van máis aló do meramente electoral, e por iso pensó que pórnos a debater como concorrer aos comicios autonómicos sería unha maneira de comezar a casa polo tellado e de desenfocar a raíz do problema e a busca dunha solución duradeira para o medio e o longo prazo.

Cómpre, iso si, non fuxirlle ao debate, un debate no que non se deben buscar culpábeis e si medidas de fondo que nos permitan saír da encrucillada na que nos atopamos. Temos unha gran organización, formada por persoas que traballaron e traballan arreo para socializar a importancia que para o noso país e, polo tanto, para o noso benestar tería un movemento nacionalistra forte.

Porén, coido que temos que rachar coas dinámicas anteriores. Son xa parte do pasado e esa percepción é a que ten, e aí están os resultados electorais, boa parte da cidadanía galega. Na recente historia do noso país, o espazo electoral estaba cuberto principalmente por tres organizacións –PP, PSOE e BNG- que completaban o espectro ideolóxico tradicional dun territorio diferenciado e con reivindicacións propias: dereita, centro-esquerda e nacionalismo. Pois ben, hoxendía o noso país e a súa problemática concreta teñen desaparecido do mapa e a dicotomía é xa dereita-esquerda. 

Por que perdimos o noso espazo? Esa é a pregunta e tamén o obxectivo que ten que guiar o noso traballo para recuperalo. Mais non é menos certo que xa non serven as vellas ferramentas nin tampouco as dinámicas, tanto internas como de relación coa sociedade,  que vimos empregando nos últimos tempos. Precisamos dun proxecto nacionalista, si; un proxecto forte e coas ideas claras, pois as circunstancias que manteñen a Galiza no vagón de cola do Estado de benestar español non mudaron. Mais non é menos certo que ese proxecto novo ten que estar adaptado ás circunstancias actuais.

Como facelo? Non vai ser, xa o dixen, unha tarefa doada, mais estou convencido de que boa parte da solución ten que pasar pola refundación. Non abonda con que na vindeira asemblea nacional aprobemos uns novos relatorios e nomeemos unha nova dirección nacional. Fialo todo a iso é, ao meu ver, un erro.

Precisaremos, para conquerir o obxectivo da recuperación do noso espazo político, de novas ferramentas que, dunha banda, protexan a nosa organización (a nosa militancia, o valor máis grande que temos) e que sexan punto de encontro dos nacionalistas e dos galeguistas, de todas e todos aqueles para quen Galiza é un suxeito político propio que, como territorio diferenciado e coa súa problemática concreta, precisa para o seu desenvolvemento de máis soberanía, de moita máis, desde logo, que a que nos ofrece o Estado das Autonomías. Mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos pasa necesariamente por iso: máis soberanía. Nese tren que queremos pór en marcha ten que ter cabida todo o mundo, non só as e os que somos ou nos consideramos de esquerdas, senón tamén aqueles que ideoloxicamente están no que se adoita chamar, dun xeito un tanto impreciso e simplificador, o “centro”. O novo proxecto nacionalista ten que ser interclasista e aglutinar nel traballadores, autónomos, pequenos e medianos empresarios, galegofalantes e as e os que non o son…

Mais para iso cómpre soltar algunhas amarras. O novo proxecto non pode construírse cun xogo de maiorías e minorías, senón con consenso e negociación. Con empatía, diría eu. Unha organización de persoas e para as persoas, na que os nosos referentes, a nivel individual, xoguen tamén o seu papel á hoar de tender pontes e de crear o espazo de consenso. E temos que artellar outras maneiras de facer política, baseadas non só nos colectivos ou organizacións nacionalistas, senón tamén nas persoas que, de maneira individual, queiran participar do novo punto de encontro.

Nesa liña, os diferentes colectivos e partidos presentes no nacionalismo teñen  que facer tamén a sua aposta; onte xogaron un papel moi importante para a existencia do BNG e dese espazo nacionalista. Hoxe o seu papel debe ser outro o seu servizo ao país ten que ser outro, aínda que requira sacrificios.

Temos que pular por unha organización cohesionada que se irá fortalecendo e medrando co paso do tempo e que nos permitirá negociar alianzas ou pactos se for necesario, mais tamén recuperar ese espazo politico que nos pertence aos nacionalistas e a todas aquelas persoas que, sen selo necesariamente, cren que Galiza precisa doutro estatus e doutro lugar no Estado e no mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.