Reflexión económica en vésperas electorais

Todo indica que as eleccións autonómicas galegas (12 de xullo) vanse celebrar nun contexto socioeconómico en España, e loxicamente tamén en Galicia, que sen esaxeracións podemos cualificar de terrible. Segundo as fontes mais fiables en España a caída da produción pode facilmente chegar a superar o 9% do PIB (un dos mais altos na UEM), o desemprego, si se inclúen os afectados por un ERTE, elevarse por riba do 30% e o número de familias en risco de exclusión rondar o 25%, o que serían cifras nunca coñecidas e, xa que logo, moi superiores as da grande recesión última (2008). Cifras que con moi lixeiras diferencias pódense aplicar a Galicia habendo incluso autores que neste caso vaticinan unha caída superior da produción (entre o 9% e o 13%). Un impacto demoledor.

Por si isto non fora suficiente a pandemia volve a deixar en evidencia as consecuencias fiscais, laborais e sociais das políticas de ortodoxia monetaria, austeridade fiscal e laboral que se viñeron aplicando estes últimos anos. Así, e como consecuencia de tales políticas, esta nova recesión económica se produce nun contexto marcado por unhas elevadas débedas privadas e públicas, uns servizos de benestar fortemente castigados é un mercado laboral na que os baixos salarios e a facilidade de despido provocan que se disparen a precariedade e o desemprego.

Un impacto múltiple que afecta tanto a demanda (consumo) como a oferta (produción) globais o que lle da a esta crise un carácter de excepcionalidade.

Neste marco algunhas solucións políticas aparecen claras pero reclaman urxencia na aplicación. Unha primeira consideración resulta obvia: a solución en Galicia pasa por unha intervención pública extraordinaria, nunca inferior aos 2.500 millóns de euros anuais. Diante dunha tal caída do gasto privado non cabe outra solución que turrar do gasto público. De novo se pon en evidencia que en fases recesivas é o gasto público quen ten que turrar do gasto privado e non o contrario pois iso nunca se da. Dado o enorme dano provocado pola pandemia e a dimensión das medidas a aplicar non serán suficientes os esforzos conxuntos das administracións públicas españolas, no caso galego Concellos, Deputacións, Xunta de Galicia e Goberno de España, senón que precisarían da intervención europea (UEM) e moi especialmente do BCE. 

Aínda que nun artigo anterior neste mesmo medio xa apuntaba as medidas mínimas que considero se deberan aplicar pola Xunta de Galicia (https://praza.gal/opinion/coroavirus-o-dia-despois) dado que en pouco tempo imos entrar, se non se produce un novo reponte da pandemia, nun escenario político marcado polas eleccións autonómicas parece imprescindible que os distintos contendentes electorais fagan chegar aos/as electores/as galegos/as cales son as súas propostas de políticas públicas cara afrontar esta nova grande recesión, cara a Galicia post-coroavirus. Para que os/as galegos/as podamos, cando menos, dicir como queremos saír desta nova crise.

Unha saída que si precisa de ter varios fronte hai un, de carácter xeral, que debera seren prioritario pois esta crise como tódalas anteriores vai a afondar aínda mais nas desigualdades social e territoriais. Velaí a necesidade de que as novas políticas públicas poñan o acento nun moi forte impulso de gasto e de persoal nas funcións públicas de benestar social (atención sanitaria, maiores, familia e infancia, desemprego, emerxencia social....) por ser actuacións que frean a desigualdade e impulsan o crecemento económico. 

Si antes de que estourara esta crise pandémica había en Galicia un crecente consenso en que a desigualdade de xénero non tiña xustificación política i era un freo ao desenrolo social, agora cando a crise agudizou este problema deixando en evidencia como as mulleres están sendo mais afectas e premidas tanto pola parálise derivada do estado de alarma como pola insuficiencia dos servizos de apoio a familia, o novo goberno galego que saia das urnas debe poñer o foco na igualdade de xénero cara daren un salto adiante.

Esta pandemia puxo tamén en evidencia como o crecente deterioro medioambiental afecta incluso a saúde das persoas. Os informes científicos mais rigorosos inciden en que a presión da acción humana sobre o entorno natural está na raíz da pandemia. Por outra parte a parálise provocada pola corentena provocou no medio ambiente (contaminación atmosférica e acústica, vida animal e vexetal...) un reponte tal que fixo mais visible que nunca o negativo impacto da actividade humana. Un argumento mais para que o goberno galego que saia das urnas poña o foco sobre unha emerxencia ambiental que xa ninguén discute. Un foco que, inevitablemente e dada as características do sistema produtivo galego, debe acompañarse dun plan de reconversión industrial que, entre outros factores, teña en conta as demandas sociais, o medio ambiente e os recursos agropesqueiros ademais dun emprego intelixente e controlado das novas tecnoloxías.

Finalmente a xestión política da pandemia deixou as claras as insuficiencias actuais na coordinación entre as distintas administracións públicas galegas. Dado o enorme impacto que a pandemia está tendo no emprego e na actividade será imprescindible un grande esforzo, público e privado, no mantemento e a creación de emprego. Un esforzo para o que será imprescindible a colaboración entre os axentes sociais e económicos e as administracións públicas galegas (Xunta, Deputacións e Concellos).

Claro que para que todas estas accións sexan efectivas antes o novo goberno da Xunta que salga das eleccións debe saber como quedou o país logo da pandemia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.