Reflexións despois da traxedia

Cando ocorren feitos tráxicos, con consecuencias humanas terribles, como é o caso do accidente ferroviario de Angrois, é moi humano buscar unha resposta rápida á gran pregunta que se fai toda a sociedade: o porqué. Apenas pasados tres días do desastre, moitos xa sinalaron culpables, sen que nas súas conclusións se dispoña da rigurosidade dos datos e da serendidade que é imprescindible. Por iso, o mellor é falar do que sí sabemos e do poso que nos está a deixar a catástrofe que acabamos de vivir estes días en Santiago de Compostela.

Apenas pasados tres días do desastre, moitos xa sinalaron culpables, sen que nas súas conclusións se dispoña da rigurosidade dos datos e da serendidade que é imprescindible

As situacións extremas sacan o mellor e o peor de cada un de nós e da sociedade en xeral. Persoalmente non poderei esquecer nunca as ringleiras de persoas de toda idade, clase e condición que puiden contemplar a carón do Centro de Transfusión do Monte da Condesa na máis básica expresión de solidariedade. Milleiros de cidadáns que souberon que era necesario deixar a un lado a festa do Apóstolo e colaborar para ofrecer o máis básico que podemos ofrecer: o noso sangue. E por suposto, a axuda desinteresada e inmediata dos vecinos de Angrois, que sen pensalo dúas veces saltaron ás vías a rescatar ós feridos do accidente e contribuiron decisivamente a paliar as consecuencias do desastre. Para todos eles o meu humilde aplauso e recoñecemento.

Milleiros de traballadores públicos, que demostraron a súa profesionalidade e sacrificio. Os que sofren os recortes de soldo e de medios para traballar son os primeiros que precisamos nun país moderno e próspero

Tamén hai que recoñecer o gran labor dos medios sanitarios, de bombeiros, Policía, Garda Civil, corpo de Protección Civil… Médicos en paro que se incorporaron de forma inmediata ós hospitais para atender as vítimas. Bombeiros que suspenderon a súa folga para auxiliar no accidente. Milleiros de traballadores PÚBLICOS, que demostraron a súa profesionalidade e sacrificio. Os que sofren os recortes de soldo e de medios para traballar son os primeiros que precisamos nun país moderno e próspero. Unha conclusión de todo isto é reivindicar unha vez máis o valor do servizo público e de calidade como piar básico da nosa sociedade.

Hai exemplos de información rigurosa, lonxe do apaixonamento e da especulación, pero como en moitos aspectos da vida vense ensombrecidos pola excepción do que fan gala algúns medios polo gusto extremo de encher as pantallas e as portadas con sangue e corpos

O tratamento informativo que se está a realizar con respecto ó accidente é dual. Hai dende logo exemplos de información rigurosa, lonxe do apaixonamento e da especulación, pero como en moitos aspectos da vida vense ensombrecidos pola excepción do que fan gala algúns medios polo gusto extremo de encher as pantallas e as portadas con sangue e corpos. O gusto polo morbo, alonxándose na noticia para adentrarse no terreo do escabroso non só é pouco ético, senón que constitúe unha falta total de respeto ás víctimas, familiares e afectados. A responsabilidade no exercicio profesional debería estar por riba das cifras de audiencia. Sería todo un logro que se xeneralizara este debate nas redaccións dos medios e nos despachos dos directores, porque neles estamos delegando diariamente a capacidade de contarnos o que está a suceder.

O linchamento mediático que está sufrindo o maquinista do tren, unido ás dúbidas capciosas que se ofrecen sobre a seguridade ferroviaria é como mínimo pouco serio, cando non difamatorio

Falar da información lévame á pregunta orixinal: o porqué. Como técnico xúrdenme multitude de incógnitas dos feitos concretos que ocasionaron a fatalidade. A miña formación deume os coñecementos de cómo se traza a vía, cómo se constrúe, cómo se explota a circulación dos vehículos, cómo se mantén en perfectas condicións e cómo funcionan os sistemas de seguridade. O que non me deu é a capacidade adiviñatoria que algúns irresponsables cren ter cos seus comentarios e crónicas destes días nos medios de comunicación. Hai que ser moi osado e ter pouca profesionalidade para realizar afirmacións taxativas sen ter coñecemento directo do tema do que se trata. Nin sequera os técnicos estamos no dereito de opinar cando carecemos da información precisa, pero moito menos persoas que con un par de buscas en google xa se consideran capacitados expertos en ASFA ou en trazado de curvas. O linchamento mediático que está sufrindo o maquinista do tren, unido ás dúbidas capciosas que se ofrecen sobre a seguridade ferroviaria é como mínimo pouco serio, cando non difamatorio.

Temos que esixir (esto sí) que a investigación sexa transparente, rigurosa, imparcial e o máis rápida dentro do posible. Temos que saber o porqué dos feitos. Temos que sacar conclusións de qué fallou para que ocorrera a catástrofe

Non podo estar máis de acordo cos que opinan que os elevados intereses económicos que hai detrás do sector da alta velocidade ferroviaria, onde se están a xogar importantes concursos internacionais, non poden influir na investigación. Pero eu engadiría a esta afirmación que esa influencia perniciosa non debe actuar en ninguna das direccións. Por suposto, un accidente non pode precipitadamente poñer en cuestión a todo un sector español de deseño, construcción, explotación e material móbil para a alta velocidade, que contan cun merecido e contrastado prestixio internacional gañado a pulso. Pero é necesario tamén que a defensa dun sector tecnolóxico importantísimo non oculte a verdade do sucedido, sexan quenes sexan os responsables. Temos que esixir (isto si) que a investigación sexa transparente, rigurosa, imparcial e o máis rápida dentro do posible. Temos que saber o porqué dos feitos. Temos que sacar conclusións de qué fallou para que ocorrera a catástrofe. E temos que poñer os medios precisos e necesarios para que algo tan horrible non volva a ocorrer. Todos nós, pero especialmente os que viaxaban nese tren, merecemos recibir a explicación das causas da traxedia, pero con sosego, pegada á realidade e elaborada por expertos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.