Reflexións dun 21 de agosto envurullado en fume

Bombeiro forestal intervindo nun incendio en Monterrei © UME

Que pasou estes días?, pois supoño (eu xa non estou alí) que chegou un intre, logo de xornadas extenuantes, logo de derrubarse non só física senón tamén animicamente ao ver como, logo de tanto sacrificio eran incapaces de apagar un só incendio e que as vidas humanas e os bens das persoas seguían en perigo, que o operativo, o mellor operativo de España (diso non teñan dúbida ningunha) comezou a resentirse

Teño un sentimento de noxo e tristeza ao mesmo tempo. De tristeza porque se algún de nós pensabamos, e cando digo NÓS refírome aos compañeiros cos que durante unha chea de anos compartín responsabilidades na loita contra incendios, que podiamos estar chegando ao límite en canto a magnitude e virulencia dos lumes, estabamos moi equivocados. E digo isto porque no 2022, hai tan só tres anos, chegamos a ter un lume que sobordou todo o imaxinable: o grande incendio de Valdeorras, que comezou na Serra do Eixo e chegou ata a Enciña da Lastra, e que queimou preto de once mil hectáreas de superficie, cando o anterior máis grande (e xa nos parecía unha barbaridade) fora dunhas cinco mil ou seis mil hectáreas no Macizo Central. Pois ben, agora o lume chamado de Larouco-Seadur desta espantosa vaga que estamos a padecer, parece que xa superou as trinta mil hectáreas, algo certamente moi difícil de imaxinar, pois esténdese xeograficamente dende ese concello de Larouco ao paso do río Sil ata o Courel de Quiroga, chegando a penetrar incluso na provincia de León para queimar a aldea de Lusio, a 22 qms de distancia! E, con todo, temos que recoñecer que estabamos máis que avisados. Todo indicaba que as cousas ían ir (e van seguir indo) de mal en peor, porque, o que está claro é que, ou facemos algo diferente ao que estamos facendo e comezamos a traballar contra o abandono e a xestionar o territorio, ou isto vai seguir repetíndose nun ciclo infernal que semella non ter fin; neste século: 2005, 2006, 2011, 2017, 2022, 2025... e así sucesivamente, ata que rematemos por cargarnos o país. 

Como imos negar agora, visto o visto, o cambio climático; quen se atreve a negalo. Non teñan dúbida ningunha de que o inferno que vimos de padecer ten moito que ver coas temperaturas extremas que dispararon os termómetros dende principios de mes, e que incrementaron drasticamente a chamada evapotranspiración do solo e das plantas parello á caída brusca da humidade e a entrada da vexetación nunha situación agónica de estrés hídrico, o que propiciou que os incendios “normais” que se viñan producindo durante os días anteriores se converteran de repente en incendios “explosivos” e imprevisibles, con frontes que acadaban moitos metros de altura e unha intensidade de lapa que facía imposible o ataque directo. Todo elo, xunguido á gran cantidade de biomasa vexetal continua que poboa os nosos montes (máis logo desta chuviosa primavera) e que hoxe por desgraza alcanza moitas aldeas, e máis algo de vento nas zonas altas e de orografía exposta, fixeron que nos toparamos de novo coa tormenta perfecta, e ter que enfrontarnos en apenas unhas horas con lumes dispostos a devorar quilómetros sen que ningún operativo fora capaz de frealos; ou sexa, estamos a falar de novo das perigosísimas correntes convectivas, dos pirocúmulos, dos incendios de sexta xeración, dos lumes fóra de capacidade de extinción, e por suposto da situación 2 e da necesidade de acudir de inmediato ás poboacións e abandonar os montes, mentres os incendios avanzan imparables cresteando en frontes quilométricas ata que chega un novo aviso de que hai que acudir de inmediato á seguinte aldea. 

Como imos negar agora, visto o visto, o cambio climático; quen se atreve a negalo. Non teñan dúbida ningunha de que o inferno que vimos de padecer ten moito que ver coas temperaturas extremas que dispararon os termómetros dende principios de mes

E que pasou estes días?, pois supoño (eu xa non estou alí) que chegou un intre, logo de xornadas extenuantes, logo da insufrible calor, logo do descomunal esforzo dos meus antigos compañeiros xogándose a vida en múltiples frontes, logo de derrubarse non só física senón tamén animicamente ao ver como, logo de tanto sacrificio eran incapaces de apagar un só incendio e que as vidas humanas e os bens das persoas seguían en perigo, que o operativo, o mellor operativo de España (diso non teñan dúbida ningunha) comezou a resentirse; e pasou o que hai moitos anos pasaba pero que agora xa era ben raro (inda recordo hai moitos anos cando lle berraban as brigadas: ide apagar, papóns, que para iso vos pagamos!). E pasou que a xente das aldeas armouse de xestas, caldeiros, sulfatadoras e mangueiras, sacaron os tractores e as cisternas, e fixeron fronte aos lumes que avanzaban directamente contra as súas casas e propiedades. Por que entón non solicitar o nivel 3 de emerxencia e a intervención do Estado? Ben, o certo e que a nós (eu pasei innumerables horas no centro de coordinación provincial de Ourense, no CCP) nunca se nos pasou pola cabeza pedir tal cousa, por moi mal que viñeran as cousas; por un lado porque era lóxico que en Santiago houbera unha forte resistencia a deixar o mando das operacións; e, sobre todo, porque estabamos convencido de que, coa experiencia de tantos anos e miles de incendios nas costas, estando ben apoiados cos medios do Estado (estou a falar sobre todo da UME, do Grupo 53 e das BRIF que, por certo, sempre viñeron cando os chamamos) eramos capaces de afrontar o que viñera. 

Ademais da tristeza tamén me embargaba nesta calamidade outro sentimento: o do noxo, un profundo noxo. Porque, malia todo o que estaba a pasar, malia o que estaban a ver os nosos ollos, a información que se transmitía á cidadanía era moi limitada e ademais revirada

Dicía ao principio que ademais da tristeza tamén me embargaba nesta calamidade outro sentimento: o do noxo, un profundo noxo. O mesmo que moitos sentiamos no servizo (agora chámase “SPIF” Servizo de Prevención de Incendios Forestais) durante as duras gardas da campaña de lumes en Ourense. O mesmo que levo sentido estas últimas dúas semanas e que seguro inda me durará un certo tempo. Primeiro porque, malia todo o que estaba a pasar, malia o que estaban a ver os nosos ollos, a información que se transmitía á cidadanía era moi limitada e ademais revirada. Algo realmente difícil de explicar, porque, como se pode furtar información á poboación nunha catástrofe! Como a RTVG que pagamos os galegos pode estar días e días meténdonos polo ollos o mal que o estaban a pasar cos lumes por aí fóra sen informarnos debidamente de que os incendios xa estaban afectando as nosas aldeas e cortando as vías de comunicación, que foi como así o reflectiu acertadamente o Carrabouxo o pasado día 13 en La Región. Pode haber tamaña irresponsabilidade...? É o de sempre, a insufrible manía dos que nos gobernan de manipular a información, de minimizar o drama e de facernos comulgar con rodas de muíño. Que é iso de que a Xunta só informa dos lumes de máis de 20 hectáreas?... É tan ridículo que despois de tantos días coñecemos agora que non eran corenta nin cincuenta os lumes que queimaron Galicia estes días terribles, senón preto de cincocentos! E así se explica, claro, o que eles mesmos nos contaban: que non daban feito porque cada día xurdían corenta ou cincuenta incendios novos, inda que logo non apareceran na información que subministraban. En fin, un disparate. 

A outra cousa que nos alteraba profundamente, era a confrontación e a guerra de guerrillas que, mentres nós faciamos fronte aos lumes, se desataba no campo de batalla da política

A outra cousa que nos alteraba profundamente, era a confrontación e a guerra de guerrillas que, mentres nós faciamos fronte aos lumes, se desataba no campo de batalla da política; esa que nunca descansa, que cada vez está máis activa e polarizada, e que semella que nos vai engulir a todos, ata aos máis apáticos. Pois ben, durante un certo tempo se falou entre a clase política galega (a rexión con diferencia máis maltratada polos lumes de todo o país) de que había que aparcar este asunto para tempos mellores, que había que facer un gran pacto político contra os lumes. E que...? Que pasou...? Pois pasou que todo sigue igual, e agora, mentres Trevinca, o Courel e o Macizo Central seguen ardendo, xa se están afiando os coitelos para a loita inminente. Pois ben, o que sabemos, pola experiencia que temos neste asunto, é que, como ao que goberne lle toque unha crise incendiaria vaia apañado. Dá igual quen sexa, que o van debullar. Que llo digan ao socialista Paco Sineiro en 1989 durante o tripartito; ou a Suarez Canal no 2006, cando o BNG tiña responsabilidades de goberno, que todos os males eran daquela Xunta que apenas levaba no goberno un ano, que manda carallo! E agora que se prepare Rueda, porque resulta que todo o que pasou foi porque o operativo non estaba preparado, porque non se fixeron os traballos preventivos, porque había que solicitar o nivel 3, porque os responsables da extinción de incendios en Galicia son uns indolentes incapacitados, e outras cousas. Pois non, non todo é así, inda que sexa entendible que a reacción inmediata sexa a de buscar responsables directos sobre os que descargar as culpas deste terrible drama; pero o que pasou non se pode tratar dese xeito; porque, inda que algunhas cousas se puideron facer mellor (de seguro que, por exemplo, houbo decisións erradas nas estratexias de extinción), estou convencido de que a calquera goberno, tal e como temos o territorio e nas temibles condicións que tivemos que sufrir estes días lle houbera pasado o mesmo ou algo parecido. Por que? Pois porque o operativo non pode estar a medrar indefinidamente, inda que se poida mellorar e profesionalizar; porque a prevención ten que prevalecer dunha vez por todas sobre a extinción; e, sobre todo, porque o problema de fondo é moito máis complexo, é, como todos sabemos, un gravísimo problema estrutural directamente relacionado co abandono do campo, coa falta de políticas activas e de posta en valor do territorio, e tamén coa nosa propia indolencia, submisión e renuncia, vendo como o noso patrimonio natural, cultural e tamén o herdado dos antepasados sucumbe e se vén abaixo sen que ninguén o atenda nin lle poña remedio.

Señor presidente da Xunta, non se poden botar balóns fóra coa lixeireza que o fai vostede, que todos sabemos que as competencias en prevención e extinción de incendios forestais son súas, son exclusivas da Xunta de Galicia. Dedíquense a apagar os lumes, a informar debidamente á poboación; e, por favor, deixen de recordarnos todos os días que lle pediron unha ducia de motobombas ao Estado

Con todo, si me gustaría facer algunhas puntualizacións, porque, señor presidente da Xunta, non se poden botar balóns fóra coa lixeireza que o fai vostede, que todos sabemos que as competencias en prevención e extinción de incendios forestais son súas, son exclusivas da Xunta de Galicia. Dedíquense a apagar os lumes, a informar debidamente á poboación; e, por favor, deixen de recordarnos todos os días que lle pediron unha ducia de motobombas ao Estado e que o goberno central é tan piolloso que non llas quere dar, por favor, que na situación que estamos a vivir é case esperpéntico que digan iso. E outra cousa, logo da crise do 2017 o Parlamento puxo en marcha unha comisión sobre incendios e creouse un grupo de expertos no que eu tiven a honra de participar. Por favor, revisen os documentos que xeramos e intenten poñer en marcha algo do que alí se propuxo, que algunhas desas recomendacións poden ser válidas para ir mitigando esta desgraza. E outra cousa, non, non hai tramas nin terrorismo, como agora xa saben todos, inda que durante moito tempo as defenderon (e nós asombrados), e tampouco estamos rodeados de pirómanos e incendiarios, como nos queren facer crer para dramatizar e xustificar o desastre e unhas cantas pifias e fallidas intervencións, que seguro que as houbo. De ningunha maneira, porque, conforme fomos avanzando na investigación de causas, decatámonos de que moitos dos incendios que pensabamos eran “intencionados” e provocados por uns atormentados, debíanse a accidentes, neglixencias, imprudencias, liñas en mal estado, freadas de trens, rozas, raios e un longo etc, incluídos traballos forestais e queimas agrícolas realizadas en época de máximo perigo por uns inconscientes. Así que, por favor, non confundan a poboación; porque non estamos rodeados de tolos e indesexables, inda que os haxa, e ademais por sorte cada vez imos pillando máis. Pero sen incendiarios, o cataclismo que rematamos de padecer, puido ter acontecido perfectamente. E tamén hai que aclarar, para ir amatando esa manía conspiranoica, que cando a xente ve dende un lume que sae outro e outro e outro en lugares próximos, non é porque lle estean plantando outra vez, senón que son seguramente focos secundarios que vai xerando o propio incendio no seu avance. E, tamén, grazas señor presidente do Goberno pola súa visita ao CCP de Ourense. Eu estou de acordo por suposto con vostede no cambio climático, e que o que está a pasar non pasaría na magnitude en que o estamos a sufrir senón fora por este cataclismo planetario que debemos afrontar todos sen dilación; pero por favor, Sr. Sánchez, non nos veña neste intre con filosofías, que xa veu a cariña de fatiga e desolación que tiñan alí os meus compañeiros; axúdenos xa, declare as zonas catastróficas e mande axiña o que lle pediron. 

En fin, poderíamos falar de moitas cousas relacionadas con este triste asunto: a actitude da poboación; o importante papel que teñen que xogar os gandeiros e agricultores; os usos, a ordenación do territorio e a creación de paisaxes resilientes capaces de resistir o embate dos grandes incendios e evitar que alcancen as poboacións; a PAC; a protección da natureza, que para nada é a causante de todos os males e que agora se está demonizando inxustamente, aínda que si haberá que mudar cousas e comportamentos porque de nada vale conservar se logo arde e morre todo; a prevención, as infraestruturas de defensa dos montes e o fogo “amigo”; unha silvicultura e unha xestión forestal intelixente nun territorio onde compartan espazo frondosas, coníferas, pastos e mesmo matos, que fomente a produtividade e respecte a biodiversidade; e tamén, por suposto, unha análise a fondo do que pasou e do que fallou nesta campaña que inda non rematou; en fin, moitas cousas... 

Unha lembranza agarimosa aos mozos queimados da brigada de Oimbra e os meus mellores desexos dunha pronta recuperación. 


 

Xose Benito Reza, ex-xefe de área do SPIF en Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.