Reflexións sobre a bioeconomía e os seus afectos e desafectos sobre o sector forestal de Galicia

© Asociación A Monte

Antecedentes

Afortunadamente, nos últimos anos apreciamos unha tendencia da sociedade (política e social) para mudar o actual escenario económico, baseado no consumo de produtos xerados en base a explotación de recursos fósiles limitados e de alto impacto ambiental, a un novo paradigma, onde os produtos e servizos procedan de recursos renovables e de baixo impacto ambiental.

Infelizmente, tamén observamos que as propostas e medidas para reducir o consumo, aumentar a duración dos produtos e potenciar o reemprego e a reciclaxe non parece que cóalle nunha sociedade afeita a un consumo masivo, global e de obsolescencia rápida dos produtos.

 

Trending topics

A tendencia de consumo “ecofriendly” está a provocar que axentes económicos achegados ao consumidor final (téxtil, embalaxes, enerxía  e mesmo a construción e electrónica) teñan unha urxente necesidade de presentar alternativas aos produtos tradicionais que comercializan e comecen a procurar novas fontes de  recursos sostibles para dar resposta as demandas dos seus clientes.

Con estas premisas é de esperar que se intensifique o interese sobre os produtos bio-baseados, aumentando a demanda de materiais e produtos naturais, renovables, sostibles e de baixo impacto ambiental.

Neste senso, e recoñecida por todos a capacidade que a madeira e os seus produtos derivados presentan para axudar a mitigar os efectos do cambio climático, como material sostible e renovable e con múltiples oportunidades de aproveitamento e diversificación das  súas aplicacións e produtos.

Así pois, semella que o mercado da madeira vai enfrontar importantes cambios no curto prazo. Mudanzas que virán da man de novos demandantes: axentes cunha elevada capacidade de compra, pero acostumados a operar en mercados altamente competitivos, que requirirán elevados volumes de subministro con ciclos de consumo curto e, nalgúns casos con obsolescencia inducida e de tempada.

Este novo paradigma é visto polas persoas produtoras e fabricantes do sector forestal como unha oportunidade para que a biomasa forestal, a madeira e os produtos e materiais derivados da madeira tomen posición para satisfacer as demandas da nova bioeconomía.

Unha demanda que, o noso entender, só se dará satisfeito cunha determinada oferta.

 

Novas oportunidades, vellas formas

Para satisfacer esta demanda, as actuais, ou novas empresas, precisarán para incrementar os niveis e capacidades de produción, dunha materia prima homoxénea, con tempos de explotación rápidos, custe reducido e cunhas capacidades e características tecnolóxicas moi especificas e definidas.

As necesidades do sector téxtil, envases e  embalaxes atopan nas fibras de celulosa da madeira un material axeitado para os seus requirimentos técnicos. Está claro cal é a especie forestal que presenta en Galicia o mellor currículo para proporcionar celulosa en cantidade.

A enerxía verde, tan necesaria para evitar a dependencia enerxética, atopa resposta na biomasa forestal, onde ademais de empregar refugallos dutros procesos, tamén  avalía os cultivos intensivos con fins enerxéticos como subministradores de materias primas para a combustión nas súas caldeiras.

Ao tempo que isto acontece, falla de madeiras de calidade fai que o sector da construción en madeira, que ten que xogar un importante papel na bioeconomía e no hábitat do rural, importe madeira e métodos construtivos doutras latitudes “allende los Pirineos” ou, traballe en  presentar propostas e produtos de “madera técnificada” para aproveitar as madeiras de baixa calidade e de crecemento rápido do pais. Produtos semellantes aos importados, empregando tecnoloxías baseadas en coñecemento importado e competindo con produtos importados, feitos por aqueles a quen lles mercamos a tecnoloxía. Importa que algo queda.

Soamente se nos ocorre un modelo de xestión que dea resposta a estes requirimentos de subministro de materia prima: plantación de monocultivo de especies de crecemento rápido.

E dicir, estratexias dunha economía produtiva intensiva xa coñecidas no monte galego: mellora xenética e biotecnoloxía enfocadas a crecemento e volume, introdución de novas especies alóctonas para a adaptación climática a zonas adversas, silvicultura de plantación intensiva, procura de novos espazos e usos do solo para incrementar superficie dispoñible, emprego intensivo de maquinaria pesada e aplicación de tratamentos ante pragas e enfermidades.

Moitas industrias do sector forestal acreditan que este modelo é a mellor opción para mudar dinámicas de consumo de produtos e tecnoloxías derivados do chapapote. Que representa unha oportunidade para asentar poboación en zonas rurais e valorizar terreos rurais  baleiros, sen aproveitamento e con problemas endémicos de xestión. Que proceden de bosques de plantación si, pero con certificados avalados por selos de recoñecido prestixio e tecnoloxías de produción máis eficientes e respectuosas co medio ambiente.

Moitas persoas propietarias e produtoras forestais, que obteñen rendas de plantación de monocultivo de especies de crecemento rápido, tamén ben como unha boa nova estas incorporacións de outros compradores no mercado, e mesmo falan de ruptura de monopolio e de novas oportunidades de comercialización.

E concordamos plenamente, o aproveitamento da madeira é unha das mellores opcións  pola que a sociedade pode apostar para mudar un modelo económico baseado en recursos fósiles e economía lineal.

 

Regos torcidos

Pero, tamén dá magoa e carraxe que o aproveitamento dun recurso tan estimable, sexa para dar satisfacción a un modelo de consumo que continua necesitado dunha produción intensiva, con afección polo monocultivo e avida de recursos e territorio.

Como di un tal Lewis e outros colegas, algúns “policymakers” están “misiinterpreting” o termo restauración forestal e inclúen modelos de plantación de monocultivos de especies de crecemento rápido como propostas de actuacións.

Parece que auguran bos tempos para monte fast wood, onde os criterios de rendibilidade transforman en atractivo e cativador vivir entre eucaliptais e, os indicadores da bioeconomía permiten presumir de ser referentes para una nova era do “ecobiopower”.

É así cando, ao noso entender, a magnifica oportunidade que presenta a madeira como referente para a mitigación do cambio climático, torce o rego e atopámonos que os razoamentos e argumentos que sustentán esta idea vense  postos en entredito.

O beneficioso efecto da capacidade de retención da madeira sobre a mitigación da pegada de carbono, non atopa tempo para reter ou secuestrar CO2 si se emprega para produtos cun ciclo de vida curto e sometidos a unha obsolescencia inducida por motivos de moda, e non de capacidade do material.

Son moitas as voces que pregoan a capacidade de retención do carbono das plantacións forestais de crecemento rápido e  quendas de corta curtas, do mesmo xeito tamén son moitas as que difiren e mesmo argumentan que o bosque natural presenta maiores capacidades de retención do carbono que as plantacións. Sen dúbida un tema interesante para seguir.

A  biodiversidade, que debería, por definición, estar presente en todo o territorio, queda relegada a nichos ecolóxicos e reservas “indias” protexidas deixando o  resto do territorio sumido nun “deserto verde” de monocultivo ultra produtivo e rendible, pero tamén exposto as penalidades asociadas e este sistema de xestión (estado sanitario das masas forestais con novas pragas e enfermidades, esgotamento do solo, emprego de equipos e máquinas pesadas en solo degradados, etc.).

Un modelo que provoca que as persoas propietarias e as empresas forestais  concentren a súa capacidade en moi poucas especies de madeira e nuns poucos produtos, en moitos casos cun baixo valor engadido, pasando a ser “maquiladoras” de produción intensiva, pouco resiliente ante os vaivéns dun mercado global, onde abundan competidores con regulacións laxas e con custes de explotación moi baixos.

 

Slow Wood

Existen outras persoas propietarios e empresas forestais que pensan que tamén poden “cabalgar sobre las olas de la modernidad”, e aproveitar esta nova tendencia para ofertar produtos e servizos á sociedade, intentando sacar adiante un modelo de xestión con azos de rendibilidade económica, baseado nun monte con especies autóctonas, mais lento pero diverso, multifuncional e sostible que lles permita seguir desfrutando dos montes e doutro xeito de entender a relación co medio rural.

Non son desertores do sacho, perroflautas e fodechinchos fin de semana que falan dun monte con axudas, reservas da natureza, bonus track de CO2 e mesmo rendas para que os do rural sigan mantendo este ecosistema tan entrañable e enxebre, en estado de permanente beatitude, e marco incomparable para foto de prebostes, políticos eco saudables (a maioría de fotos de políticos son en montes de frondosas, moi poucos, ou ningún, en eucaliptais) e como, dixo un economista de renome, “¿frondosas?, solo para turismo”.

Estas persoas propietarias, que tamén pagan impostos, apostan por vivir, nun rural “vaciado”, do seu traballo e do aproveitamento dos recursos naturais que lles toca xestionar, aspirando a obter rendas que lles permita manter unha vida digna e darlle oportunidades as súas familias, como calquera outro fillo de veciño con plantación de eucaliptos.

É verdade que non é doado artellar un “modelo de negocio” para este tipo de xestión da propiedade e sí que os “Key Performance Indicatorpresenten valores tan malos como o colesterol dun urbanita cheo de fast food.

Pero tamén é verdade que o mercado demanda e aprecia produtos feitos con madeira de calidade e degustar alimentos saudables, polo que cada vez e necesario importar maiores cantidades de madeira de frondosas, das mesmas especies que son autóctonas de Galicia, e traer alimentos ecolóxicos a Galicia, manda truco, doutras latitudes.

Non coñecemos outros actores máis necesarios e eficientes para manter una paisaxe resiliente (como se pide dende algunha administración) cunha biodiversidade que se pronuncia como o pilar fundamental para o mantemento da nosa sociedade (disque o di a propia Europa) asentando poboación en zonas rurais, valorizando terreos abandonados e redistribuindo riqueza  no territorio.

 

Rabiosa Actualidade

Nestes momentos, desgraciadamente, derivado dun virus que mandou parar a unha sociedade estancada no consumo global  intensivo e insostible,  parece que imos a dispor dunha especie de Plan Marsahll ou Plan E para incentivar unha reactivación economíca baseada nunha economía verde, circular, bioeconomica, redonda e dixital con consumo de novas materias primas alternativas “chachi pirulis” e wonderfull.

As novas que achegan os medios falan de “950 millones de euros para construir a primera fábrica de viscosa en toda a comunidade, xerar 250.000 toneladas de fibra de celulosa anuais e un consumo de 1,5 millones de m3 de madera por ano ( proporción: 6 m3 por t de fibra celulosa). O que levaría a unha “explotación sostible do monte” e “pechar o ciclo do aproveitamento”.

Como non se sabe máis do proxecto, (especies de madeira, localización, tecnoloxía empregada, ciclo produtivo, axentes químicos empregados, residuos xerados) so falaremos dos datos que se publican, e intuímos que sería como montar unha nova planta de celulosa en base ao xénero eucalipto (a actual consume aprox. 1,2 millons de m3 para 450.000 t de celulosa; proporción: 2,6 m3 por t de pasta).

Entón, supondo que se manteña o consumo de eucalipto adicado para pasta, para as exportacións, para usos enerxéticos e demais, (agora nuns 6 millóns de m3) e teñamos que sumar o millón largo da nova demanda da viscosa galega, con un hipotético e previsible efecto chamada, onde as persoas propietarias forestais dediquen  esforzos a facer novas plantacións (eficientes, produtivas e dixitalizadas) e, supomos, que ampliando mais superficie, ¿como afectará esta situación e como quedarán as novas previsións do novo Plan Forestal que se presenta estes días?. Xa se verá.

Unha cuestión tecnolóxica: A viscosa é un proceso de valorización da celulosa, e dicir primeiro é necesario obter celulosa e despois é necesario realizar un complexo tratamento químico para obter un produto téxtil de viscosa. Este tratamento pode ser tremendamente contaminante, con químicos como  disulfuro de carbono, hidróxido de sodio e ácido sulfúrico e con produtores  chineses indonesios e indios como referencia, ou por medio dun proceso, disque mais respectuoso, desenvolvido pola multinacional austríaca Lenzing.

Non din que tecnoloxía se empregará na planta, entendemos e esperamos que sexa a austríaca ou similar. Pois o mesmo que na madeira técnica, a importar coñecemento e tecnoloxía e a por a materia prima. Algo habitual no sector forestal e na madeira, inundado por máquinas, equipos e tecnoloxía alemana, austríaca e italiana.  

Por outra banda, ENCE no seu plan de expansión para o ano 2023 fala de montar en Navia (antes falaban de montar en Pontevedra) unha liña de fabricación de viscosa de 100.000 toneladas (serían outros centos de miles de toneladas a maiores de consumo de eucalipto, seguramente a  maioría  galegas). Dadas as condicións actuais do mercado da celulosa, en ENCE deciden parar este ano as inversións ata mellores perspectivas. 

Tamén cumpre comentar como referencia,  que a empresa SNIACE de Torrelavega, na actualidade en concurso de acredores, fabricaba viscosa.

Parece que as referencias empresarias mencionadas non son moi alentadoras, pero imaxinamos que o grupo de expertos consultados manexará datos que debuxen mellores escenarios para o desenvolvemento do mercado.

Disque construír a fábrica dará traballo a 1000 persoas, non din cantos postos directos ou indirectos se crearan co seu funcionamento. 950 millóns  de euros dan para por en marcha ou retomar moitas iniciativas no rural que tamén xerarían empregos e que, posiblemente, sexan  capilares e axeitados para o asentamento de poboación no rural .

 

Propostas Asociación A Monte

Parece, pois, que deixaremos pasar unha oportunidade para aproveitar estes fondos e apostar por dedicar recursos e tempos, dende o público e o privado, para “albiscar e lobrigar” e seguir investigando e innovando en novos produtos, servizos e sistemas de xestión para aproveitar os montes de frondosas autóctonas.

Dende a Asociación A Monte, “venimos a hablar de nuestro libro” e propomos establecer un plan de actuacións que permita acadar un aira común onde:

  • deseñar un modelo de traballo colaborativo  de ordenación do territorio, co obxectivo de acadar superficies de xestión mínimas, que permitan propor un enfoque multifuncional e diverso para os nosos montes autóctonos, buscando a necesaria rendibilidade económica.
  • articulación de actuacións financeiras e axudas para atraer e  impulsar oportunidades de emprendemento local en base á valorización dos ecosistemas forestais autóctonos (polo menos xo solo cun mínimo porcentaxe da intensidade coa que se esta a axudar a outros) sen desdeñar a nova tecnoloxía e a xestión empresarial,
  • crear un ecosistema de innovación estable e dotado para fomentar deseños, produtos e propostas innovadoras e cercanas, de proximidade, recoñecibles e certificables,
  • fortalecer técnicamente os argumentos e os discursos para tecer alianzas con consumidores, deseñadores e prescriptores onde definir conxuntamente, con confianza,  con criterios claros de consumo e impacto social e ambiental,
  • visibilizar e amosar os distintos aproveitamentos ecosistémicos, ambientais e culturais apoiados en actividades de economía local.

Pero, o dito, parece que non é un bo momento para deixar políticas de “reserva india” e apostar por un concepto novidoso e rupturista: slow fashion, slow wood, e tamén, como non, slow food.

 

Referencias

Un montón en Internet que se atopan facilmente. As fotos son como son, algunhas da casa, outras atopámolas polo camiño.

Este non é un artigo científico, pero si que consultamos varios paper, noticiarios e relatorios para redactar con fundamento. Pero sobre todo, temos en conta as moitas conversas-discusións mantidas con propietarios, silvicultores, empresarios, industriais, perroflautas, investigadores, políticos, artesáns, agricultores, gandeiros, ecoloxistas, periodistas, mestres e arquitectos, de todo tipo, visión, credo e pelaxe que teñen en común unha cousa: o interese en que o forestal represente unha oportunidade para Galicia.

De todos xeitos, o que nos ilumina para escribir é un copo de licor de sabugueiro de Carabuñas, acompañado de queixo do Rexo e bica de Faragullas ao carón do lume na Arca da Noe. Exemplos dos Environmental Heroes do noso pais.

Obrigadas e agradecidas O Sequeiro,  https://osequeiro.wordpress.com/,un laboratorio de ideas para un monte vivo ao servizo das persoas e á inmensa Mar Océano polas achegas e comentarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.