Reflexións sobre o “Mentira”

Resposta ao Mentira de Darío Portela, publicado na edición 03/11/2013 do Praza.com

O artigo que nos vemos na obriga de contestar ten un contexto: vén obviar unha serie entretecida de agresións e violencias patriarcais contra as compañeiras dun sector da esquerda clasista e independentista, para resaltar pola contra a existencia e relevancia dun suposto suxeito feminista histriónico e, ollo, inculto (!) nas medras, que devora intestinamente a esquerda real e a conduce polas derivas máis inexpugnábeis. Esta ameaza feminista, concibida por algúns como “o lamento neurótico dunha inadaptada” que di unha nosa amiga, vén lexitimar, máis unha vez, o despregue de todos os mecanismos de dominación patriarcal para restaurar a (súa) razón de clase. E a razón de clase, para infortunio desa clase no nome da cal falamos reiteradamente, segue a ser patrimonio masculino.

Se o artigo do compañeiro Darío Portela é confuso, ao tempo non puido ser máis inoportuno

Se o artigo do compañeiro Darío Portela é confuso, ao tempo non puido ser máis inoportuno. Xurdido ao lume aceso dun punto de inflexión central no movemento de emancipación nacional e de clase galego, forzado pola loita das nosas compañeiras que se negan á invisibilidade, esta irrupción non fai senón alimentar a posición aínda dominante na contradición de xénero. E non estamos a falar dunha batalla soamente teórica, senón dun conflito que arrastra grandes custos emocionais e militantes.

Cremos que un dos eixos centrais sobre os que xira a oposición entre a vella cultura política e ese totum revolutum chamado “nova cultura política” é xustamente a capacidade ou incapacidade de detectar ata que punto o patriarcado atravesa as estruturas das nosas organizacións

Non se nos escapa que a configuración de todo poder segue lóxicas principalmente patriarcais, tampouco que calquera forma organizativa da sociedade, por máis progre ou revolucionaria, está inserida en dinámicas de poder que perpetúan estas lóxicas. Cremos que un dos eixos centrais, mesmo o principal, sobre os que xira a oposición entre a vella cultura política e ese totum revolutum chamado “nova cultura política” é xustamente a capacidade ou incapacidade de detectar ata que punto o patriarcado atravesa as estruturas das nosas organizacións e mesmo determina as relacións intermilitantes, a través das súas expresión máis sutís ou máis voraces. Aquí debemos ser radicais (e marxistas): non existe a posibilidade de nada novo no terreo político sen unha crítica intensiva das dinámicas de poder internas, isto é, sen aplicarlle o método dialéctico á crítica das nosas organizacións.

E quen lle ten medo a este exercicio? Nós, os adaptados. Todos os compañeiros que malia ser expropiados do poder político e dos nosos dereitos nacionais, atopamos un espazo cómodo de dominación. Non conseguimos expropiar fábricas pero si o corpo das mulleres. Conseguimos facer das nosas organizacións políticas espazos no que o poder se repartía entre nós mesmos. E mantivemos historicamente, mantemos agora, a lóxica deste reparto. E cando dicimos todos, dicimos todos. Tamén quen escribimos este artigo.

A nosa función é asumir dende a radicalidade un programa de renuncia aos nosos privilexios patriarcais, no que teremos voz, mais sempre pautada e subordinada ás demandas das nosas compañeiras feministas e á súa axenda

Pero aí está a posibilidade de ruptura. O noso papel non consiste en consignar como no artigo que criticamos os roteiros que o feminismo como movemento artellado dentro e fóra das organizacións políticas debe seguir, xa que isto vulnera gravemente os principios éticos e políticos da loita ideolóxica que as nosas compañeiras sosteñen. A nosa función é ben outra e cómpre a coraxe de sostela: asumir dende a radicalidade un programa de renuncia aos nosos privilexios patriarcais, no que teremos voz, mais sempre pautada e subordinada ás demandas das nosas compañeiras feministas e á súa axenda. Isto é tanto como dicir que non imos ser protagonistas desta batalla, que non podemos apropiarnos de retóricas de combate que non nos corresponden. Que non serán os nosos compases os que marquen o norte necesario, algo que a moitos nos custará asumir. En suma, renunciar a un poder “natural” e “sacralizado” ao longo dos séculos é un exercicio doroso e complexo. Mais só así nos poderemos erixir con toda a lexitimidade en suxeitos activos e complementarios da loita antipatriarcal.

A outra opción é perpetuar. Repetir e consolidar o patriarcado. Solicitarlles ás compañeiras que se comporten, que sexan cultas. Solicitarlles que se manteñan en clásicas demandas legalistas ou o que é o mesmo, que tomen a parte polo todo. Que demanden das institucións e dos patróns pero de nós non tanto. Que non nos incomoden. Esixirlles bos modais, que se coiden de nos facer dano, que se limiten a agardar, que comprendan, que nos acompañen, que non nos chamen machistas, que non falen tan alto, que non nos sinalen, que tramiten as nosas agresións en silencio.

O noso debate é que cousas estamos a facer ou deixar de facer nós por transformar un réxime de dominación patriarcal, expresado en violentísimos exercicios de sometemento. O problema non é Murguía, o problema somos todos nós

Por iso, cremos, cómpre non facer trampa nos debates. O problema principal ao que atender non é se como individuos Murguía, Lenin ou Fidel Castro son ou foron machistas, algo que non é baladí. O noso debate é que cousas estamos a facer ou deixar de facer nós por transformar un réxime de dominación patriarcal, expresado en violentísimos exercicios de sometemento. O problema non é Murguía, o problema somos todos nós.

Ares Branco Lopes.
Brais González Pérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.