Reflexións sobre un debate onde as posicións están tomadas de antemán

Estes días leo e escoito con asombro as valoracións que se fan da dimisión de David Fernández Calviño como deputado (como concelleiro, creo que xa dimitira en setembro). Con independencia de que se estea xestionando ben ou mal a súa substitución, a maioría das críticas que se fan, céntranse en aspectos que reflicten, desde o meu punto vista, unha concepción bastante antidemocrática da actividade política. Podo entendelo no PP, pero sorpréndeme mais noutras persoas e organizacións.

Con independencia de que se estea xestionando ben ou mal a súa substitución, a maioría das críticas que se fan, céntranse en aspectos que reflicten, desde o meu punto vista, unha concepción bastante antidemocrática da actividade política

Non teño moi claro se debo falar sobre este asunto porque nos últimos tempos apenas hai debate político, senón a transposición á política das pseudodiscusións do fútbol. Porque semella que xa non quedan partidarios dunha ideoloxía ou organización, senón “forofos” das mesmas, para os que sempre será penalti aínda que a falta se cometa cinco metros fora da área. Só basta con botar unha ollada a algúns dos comentarios que se fan aos distintos artigos neste mesmo xornal.

Semella que xa non quedan partidarios dunha ideoloxía ou organización, senón “forofos” das mesmas, para os que sempre será penalti aínda que a falta se cometa cinco metros fora da área

Polo que parece, a ciencia está a demostrar que, polo xeral, os argumentos, as razóns e as análises non nos serven ás persoas para tomar posición porque xa está tomada a priori por cuestións que teñen mais que ver coa identidade e o sentimento. Os argumentos pois só valen para xustificar a posición tomada de antemán. E a boa fe que sempre se atopan argumentos para xustificar calquera cousa. Mais non se pode perder a esperanza aínda que só sexa de substituír “forofos” por  partidarios. Por iso agradécense reflexións coma as de Antón Dobao, sobre o profesonalismo da política. Aínda que creo que pouco se pode engadir, non me resisto a dicir algo mais.

Todo/a cidadán/a galego/a ten dereito a elixir e ser elixido/a, non si?. Os/as emigrantes teñen a cidadanía galega, mentres non se lles retire non si? Xa que logo os/as emigrantes teñen dereito a ser deputados/as sen deixar de ser emigrantes. Dá a impresión que algunhas persoas creen nunha democracia de mala calidade na que pode haber cidadáns que teñen dereito a votar pero non teñen dereito a ser elixidos/as (ou non deben telo que é o mesmo) polo simple feito de vivir lonxe.

Como indica Anxo Lugilde en El Progreso “Calviño non é o primeiro parlamentario galego que ocupa un escano pese a vivir no estranxeiro"

Como indica Anxo Lugilde en El Progreso “Calviño non é o primeiro parlamentario galego que ocupa un escano pese a vivir no estranxeiro, pois hai unha longa tradición que vai desde a entrada no Congreso dos Deputados en 1911 do empresario monárquico de Bos Aires Anselmo Villar Amigo ate a incorporación no 2005 ao Parlamento galego do avogado de Arxentina Castelao Bragaña, do PP, pasando polos casos dos republicanos galeguistas de Bos Aires Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos e o senador socialista de Caracas Cándido Rodríguez. Pero todos emigraron moito antes de ser elixidos”.

Non parece que o momento da elección deba ser un aspecto determinante, senón a posibilidade de compatibilizar traballo profesional con actividade parlamentaria. Dá a impresión que algunhas persoas pensan que só pode ser deputado/a quen se dedica profesionalmente á política (quen se entregue en corpo e alma á causa, din algúns), porque as persoas "normais" (que teñan un traballo fora da actividade política, unha familia, unhas ocupacións, ..) non teñen tempo para seguir a actividade parlamentaria. Quen defende unha política de profesionais está contribuíndo a consolidar unha "clase política", na que nunca crin, que rematará por ter como único obxectivo reproducirse a si mesma.

Quen defende unha política de profesionais está contribuíndo a consolidar unha "clase política", na que nunca crin, que rematará por ter como único obxectivo reproducirse a si mesma

Certo que debe ser moi complicado conciliar traballo profesional e actividade política a certo nivel, sexa nas direccións das organizacións, sexa nas institucións. Mais ampliar a democracia, como debería pretender a esquerda, implica facilitar a participación política e o acceso de calquera persoa tanto á dirección das organizacións políticas como a calquera institución, entre outras cousas. 

Polo tanto unha persoa que se considere demócrata diante dunha polémica como a que xurdiu, non debería estar criticando o feito de que non se poida conciliar a actividade política coa vida diaria , mesmo dos/as cidadáns/as galegos emigrantes? E non sería difícil facilitar esa conciliación hoxe en dia onde as tecnoloxías da información e as comunicacións, o permiten case todo. Mesmo celebrar reunións políticas de alto nivel desde sitios moi afastados a traveso de vídeo conferencias. Mesmo permitir votar desde a súa  casa a persoas que non poden facelo no propio parlamento. Mesmo ser deputado/a representando a Galiza nun parlamento (o europeo) situado a mais de 1500 km. Non seria máis democrático debater como facilitar que persoas "normais" podan exercer a actividade parlamentar? Mesmo aqueles galegos e galegas para as que, por desgraza, o "normal", nestes momentos é emigrar.

Ampliar a democracia, como debería pretender a esquerda, implica facilitar a participación política e o acceso de calquera persoa tanto á dirección das organizacións políticas como a calquera institución, entre outras cousas

O outro aspecto é o absurdo debate sobre se a acta pertence á persoa ou á organización. Legalmente o debate está resolto. A acta pertence á persoa e está no seu dereito a conservala. Se a alguén non lle parece ben, o que debe criticar é a lei. A valoración política, ética ou moral sobre a persoa que “queda” coa acta terá que facerse desde outras perspectivas: as motivacións da súa decisión, as consecuencias da mesma, o respecto dos compromisos previos coa súa ou con outras organizacións, etc.

O outro aspecto é o absurdo debate sobre se a acta pertence á persoa ou á organización. Legalmente o debate está resolto. A acta pertence á persoa e está no seu dereito a conservala

Pero o debate amósanos, sobre todo, ate que punto os partidos políticos tradicionais profesionalizan e patrimonializan a actividade política institucional. Porque a acta non pertence nin a persoa, nin a organización, senón aos/as cidadáns que votaron. E a eles/as lles corresponden ditar sentencia, polos medios que estimen oportuno, en todo caso, nas seguintes eleccións.

A acta non pertence nin a persoa, nin a organización, senón aos/as cidadáns que votaron. E a eles/as lles corresponden ditar sentencia, polos medios que estimen oportuno, en todo caso, nas seguintes eleccións

Non creo que haxa leis divinas, nin receitas que nos permitan dicir con carácter xeral se alguén actuou ben ou mal quedando ou cedendo a acta. Pero si pode haber un criterio. Desde o meu punto de vista hai que fixarse se a decisión tomada supón un engano á cidadanía ou un incumprimento do compromiso electoral. E, desde ese punto de vista, hai que distinguir claramente dous casos. Parece evidente que cando unha persoa, a nivel individual, abandona a organización coa que se presentou para apoiar a outra diferente (un/ha tránsfuga) existe unha clara ruptura e mesmo traizón ao electorado. Sen embargo cando a sigla que se presentou as eleccións son un conxunto de organizacións políticas, en forma de coalición (CiU, AGE,..) ou de organización unitaria (BNG) o asunto é mais complexo.

Creo que o mal menor, o que menos incumpre o compromiso co electorado, é que cadaquén conserve as súas actas, sempre que tamén conserve o programa electoral

Desde o meu punto de vista, cando as organizacións que conforman a sigla se separan, probablemente se estea incumprindo un compromiso electoral, xa que moitas persoas á hora votar esa sigla puideron valorar positivamente, precisamente a súa pluralidade. Así pois probablemente as organizacións resultantes de división, todas, a maioritaria e a minoritaria, deberían ceder as súas actas. Pero iso non é posible hoxe en dia. Por iso, creo que o mal menor, o que menos incumpre o compromiso co electorado, é que cadaquén conserve as súas actas, sempre que tamén conserve o programa electoral, porque a situación resultante é a que mais se asemella á oferta que se lle fixo á cidadanía para pedirlles o voto. O mesmo, con outros matices, seria aplicable ás escisións dentro dunha mesma organización como acaba de acontecer neste mesmo fin de semana en Italia.

En fin, esta é unha opinión…. pero podo estar equivocado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.