Reforma electoral, pluralismo e momentos históricos

“O soño da razón produce monstros”. Moitas interpretacións se lle deron ao gravado goiesco número corenta e tres da súa serie Caprichos. Intencionadamente interesa aquí utilizar aquela que se refire ás aberracións creadas cando se esquece a voz da razón. 

Na política sempre existiron lóxicas, razóns e razóns durmidas. Foron lóxicas moi concretas as que levaron a unha formación política nada para a ruptura a expor e asinar unha proposta de reforma electoral conxuntamente con outra, oposta na súa práctica totalidade á primeira. Cómpre, neste punto, deixar preventivamente a pregunta exposta: Non se poden acaso pactar determinadas mudanzas con forzas ideoloxicamente antagónicas? Para responder faise precisa contextualizar politicamente unha reforma electoral.

Non hai dúbida de que existe no estado español un problema de pluralismo, representatividade e democracia e, derivado do anterior, un debate sobre a fórmula para ler e transformar en representantes a vontade popular. Non é accesorio establecer a dirección causal pois o primeiro apunta de forma ampla ás estruturas limitativas derivadas do Réxime do 78, tanto nos fundamentos materiais relativos aos límites da actuación política, a obriga, de facto, de adaptarse a un europeismo progresivamente neoliberal ou toda a retórica en torno ao equilibrio orzamentario e o teito de gasto, coma no modelo autonómico, verdadeira correa curta do estado monárquico, entre outros. Estes límites materiais, tantas veces aludidos coma “as regras comúns”, non actúan coma abstraccións, a pesares de funcionar coma aparatos ideolóxicos lexitimadores. Porén, ao combinarse coas actuacións partidistas, inflúen nas expectativas de mudanza política da cidadanía a través do voto, nas súas decepcións posteriores e, peor aínda, na usurpación desas expectativas pola extrema dereita.

Interesa politicamente valorar, sen pretensión maniquea, que a fórmula escollida premiou a alternancia bipartidista como forma, non só de asegurar gobernabilidade senón de axudar a acomodar as expectativas políticas aos límites materiais do Réxime. Definir, por tanto, a lei electoral en termos de praxe consecuente e complementaria a estes límites, cun efecto conxunto de progresiva adaptación e aceptación dos partidos de aquelo que se pode e non facer nas institucións. Tratouse dun verdadeiro proceso constituínte, definitorio desas “normas de xogo comúns” que tivo, como tantas veces menciona Xosé Manuel Beiras, un punto de inflexión “deconstituínte” ou “destituínte” no segundo mandato de Aznar en diante; coa lei de partidos, a recentralización, a “lei morzada”,  pasando polas dúas reformas laborais, a “lei Montoro” e hoxe, coa persecución da liberdade de expresión e a actuación policial do Estado contra Cataluña, que foi a última tentativa de decantar  este punto de inflexión nunha apertura republicana, exportable ao Estado, e por elo fortemente reprimida. O Réxime do 78 armaba límites, o proceso deconstituínte xira, coma nun autogolpe, reafirmando hoxe autoritariamente o seu ámbito de delimitación e marcaxe sobre a actuación política e democrática da cidadanía. Hai un partido que é fillo ideolóxico e práctico deste peche autoritario. Trátase por suposto de Ciudadanos.     

Resumindo, do esbozo anterior interesa destacar que unha lei electoral pódese analizar tecnicamente na súa fórmula, restos ou efectos nas minorías, pero non se pode analizar politicamente se queda illada do contexto político do que deriva e no que está politicamente significada. Este contexto, hoxe definido polos límites represivos ás liberdades da acción política democrática, condiciona calquera debate sobre pluralismo e representatividade no estado e, por tanto, é o teito que demarca o alcance de calquera pretensión de reforma electoral, definindo politicamente o seu sentido material.

A pregunta inicial era: Non se poden acaso pactar determinadas mudanzas con forzas ideoloxicamente antagónicas? A resposta, dende o punto de vista da ruptura é que esta pregunta así formulada non aporta conclusións políticas. Interesa máis reformulala: Que se acada, no material, pactando hoxe unha reforma electoral con Ciudadanos? A resposta entón é que este pacto aliena o debate sobre pluralismo político no estado ao escindir a reforma electoral do seu contexto, pechando no técnico un debate que ten que ser público e politicamente impugnatorio da actual situación política e das súas raíces estruturais. Só dende esa escisión pode entenderse unha proposta baseada na coincidencia continxente cun partido coma Ciudadanos, que nace, lembremos, contra a lingua catalá e o autogoberno, que dá o salto ao estado imbuída de neoliberalismo, centralismo e que representa o mellor garante do gatopardismo autoritario e o peche de expectativas materiais e democráticas para as maiorías sociais e os pobos. Adormecer as razóns instrumentais da institución para mudar o estado das cousas, esquecer que non todo vale para acadar ganancias simbólicas tamén crea monstros. Neste caso, o empoderamento dunha forza antagónica a calquera tentativa de abordar o debate sobre a pluralidade dende unha óptica política de fondo.

Non se trata de criticar que Ciudadanos poida beneficiarse dunha reforma electoral. Isto podería acontecer tamén no marco dun proceso de ruptura constituínte que pase pola impugnación do modelo de estado e coloque no centro o dereito a decidir. Se consideramos, por exemplo, que no marco dunha eventual aposta por un “proceso de procesos”, Galiza poida conformarse coma circunscrición única para responder a súa condición de nación, habería que aceptar a ganancia de representación de Ciudadanos. Pero manteríase a coherencia entre a reforma electoral e a pretensión constituínte. Esta pretensión xa existía, de forma incipiente, na propia impugnación do bipartidismo no 15M, onde se apelaba, de forma aínda desartellada, a constituír unha nova arquitectura da representación, é dicir, colocábase a reforma electoral no marco dun proceso de superación de límites. Todo o contrario ao que se aspira agora.

Pero a resultante máis perniciosa é a derivada do pragmatismo parlamentar, que leva a buscar unha reforma de mínimos co apoio dos responsábeis do 155. Esta resultante non ten un valor material neutral para a alternativa de ruptura. Que se gaña? Poñer sobre a mesa un debate demoscópico e lavarlle a cara á nova extrema dereita parlamentar, deixando que unha forza represiva e antisocial tome un papel central no debate sobre o pluralismo no estado, nada máis aberrante que iso. A lectura é clara: Pódese falar de representar mais xustamente aos cidadáns cando se acaba de reprimir ao pobo catalán por votar. Facelo dentro dos límites que lexitiman esta represión e tantas outras, e facelo ademais, cos artífices da represión. Alén disto, aspirar ao visto bo do PSOE, un dos nenos mimados do bipartidismo, e coautor do 155, fai que nos preguntemos para que era necesario encetar, nestas condicións, agora e con estes socios, un debate así. Mesmo na propia lóxica do pragmatismo é dubidosa a utilidade dunha reforma que, no medio dun ambiente de furia unionista, catapultaría a unha forza que está capitalizando este sentimento cara posicións de forza, comprometendo en Galiza a moitos municipalismos rebeldes, xa amplamente asediados, no inminente horizonte electoral do 2019.

Deste argumentario non se deriva unha crítica de balde a unha actuación concreta senón un pequeno aporte para a supervivencia das alternativas de ruptura, que dependen enormemente da coherencia entre a estratexia e a interpretación táctica dos momentos históricos. Saber distinguir cando é proveitoso sacar adiante pactos eliminando abstraccións ideolóxicas para chegar a acordos con determinadas forzas opostas e cando estes acordos son autodestrutivos por ter, en si mesmos, unha conexión tanxible e material, profundamente política, coa realidade. Só así pode asegurarse que aqueles que un día confiaron en alternativas de ruptura non acaben de novo por dicir “non nos representades”.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.