Reinventar o "universalismo"

Que o desexo de emancipación pode devir tan totalitario coma o nihilismo político máis extremo é unha experiencia colectiva que xa forma parte da mala conciencia de Europa. Se un se distancia o suficiente do ansioso espírito de salvación que circula ás veces por determinados ambientes culturais da esquerda anti-sistémica e extra-parlamentaria e observa, ademais, con detenimento, a irracional urxencia electoralista que se respira no sistema de partidos, onde imperan as ideoloxías soft dos catch-all parties, coa súa máxica oferta electoral para tódolos gustos, é difícil non chegar á conclusión de que hai algo que os seres humanos aínda non aprendemos a xestionar ben, e ese algo é, falando claro, o poder: non sabemos xestionar o poder. Non sabemos ofrecerlle resistencia interior ás consecuencias da súa concentración e exercicio. O aplauso colectivo que reporta, así como unha boa retribución económica, son motivos suficientes para facerlle perder o siso a este mamífero bípedo que vimos sendo.

Hai algo que os seres humanos aínda non aprendemos a xestionar ben, e ese algo é, falando claro, o poder: non sabemos xestionar o poder

Recordo que cando cursaba 4 de carreira como alumno Erasmus na facultade do Minho, na cidade de Braga, tiven que acudir a tres facultades distintas para cursar unha materia que a miña profesora de socioloxía do conflicto consideraba acaída para min : socioloxía do poder. Alí, en Braga, a materia de filosofía política cursábase na facultade de dereito, e a materia de Etnografía, nacionalismo e estado, impartida por profesores da facultade de antropoloxía, así como socioloxía do poder, a secas, cursábanse na facultade de ciencias sociais. A transversalidade académica era evidente.

Falar de poder, para min, é investigar e descubrir as múltiples expresións que acompañan á práctica secular da dominación

É ilustrativo, e ademais, creo, arriquecedor, caer na conta da interdisciplinariedade dende a que se pode reflexionar sobre o fenómeno do poder: A mirada etnográfica, a fotografica, a política, a xurídica, a antropolóxica, a etolóxica, a filosófica, a xeo-política… e mesmo a mirada da crítica literaria menos centrada no texto en sí mesmo e máis preocupada polo fenómeno postcolonial. Esta interdisciplinariedade, así como a obsesión case paranoica pola cuestión do poder, a día de hoxe, non debería resultarnos obsesiva nin estraña, tendo en conta a complexidade desta barbarie civilizada na que nos encontramos e a épica dificultade para atopar unha alternativa aos bárbaros que a xestionan; o fenómeno do poder, na súa expresión iconográfica, narrativa e estructural, aféctanos a todos, e non pode ter outra relevancia que non sexa colectiva, comunitaria, isto é: social, cultural e política ao mesmo tempo. Falar de poder, para min, é investigar e descubrir as múltiples expresións que acompañan á práctica secular da dominación.

As iconografías, as narrativas e as estructuras de poder multiplícanse á mesma velocidade coa que se multiplican os suxeitos subalternos que sufren con visceralidade a súa violencia. Todos, a día de hoxe, formamos parte dalgunha minoría excluída e dalgunha maioría excluínte,ou viceversa. Todos somos insiders outsiders. Todos estamos dentro e fora do sistema. Todos somos ex-céntricos e convencionais. Vangardistas e clasicistas. Revolucionarios e conservadores. Nesa tensión –e nesa contradicción interna- vivimos, precisamente, aqueles que temos que facer malabarismos para non ceder a dous tipos de loucura: a vontade de emancipación sen freo ético na súa pretensión… e a vontade de orde sen compaixón pola dor, as exclusións e as torturas que ésta causa e invisibiliza. Ámbalas dúas, levadas ao extremo, non teñen outro medio para imporse que a práctica -quer legalista-institucional, quer clandestina- da violencia e a negación da humanidade dooutro, e ámbalas dúas deben ser denunciadas. 

Todos, a día de hoxe, formamos parte dalgunha minoría excluída e dalgunha maioría excluínte,ou viceversa. Todos somos insiders e outsiders. Todos estamos dentro e fora do sistema

As ciencias sociais, en occidente, comezaron a destilarse coa inxenua pretensión de divorciarse de pleno da filosofía, ao mesmo tempo que serviron de instrumento lexitimador do proceso de construcción dos estados-nación europeos que Hegel consideraba “o cumio da racionalidade e a liberdade humana” –sic-. A filosofía, por suposto, tamén ten a súa historia negra, e non debería sorprendernos que John Stuart Mill, tan demócrata e liberal en Inglaterra, negase a capacidade –e por extensión, o dereito- do pobo indio para gobernarse a sí mesmo e mantivese silencio sobre a dominación colonial de Inglaterra.

Tampouco debería sorprendernos a anexión de Heidegger ao fascismo, nin a vontade de platón de desterrar da súa xeométrica República ideal aos poetas, nin a boa nómina de escritores e intelectuais da península –Vicente Risco, Unamuno, mesmo Ortega e Gasset...- que, con máis e menos intensidade e por motivos diferentes, empatizaron afectivamente co fascismo, nin a ausencia de mulleres filósofas no canon occidental que aprenden os rapaces nas escolas, así como a ausencia de filosofía e pensamento nado en contextos non-occidentais no mesmo canon. Todo esto, por suposto, a estas alturas, xa non debería sorprendernos. Así pois, ata qué punto e con qué dereito ousamos presumir de espíritu democrático e integrador nas nosas mal chamadas sociedades abertas, tendo en conta que seguimos mantendo contidos pedagóxicos claramente fechados en contextos xeográficos de convivencia pluricultural? Ata qué punto somos capaces de respetar e integrar as singularidades sen diluílas en universalismos abstractos que deveñan excluíntes?

Ata qué punto e con qué dereito ousamos presumir de espíritu democrático e integrador nas nosas mal chamadas sociedades abertas, tendo en conta que seguimos mantendo contidos pedagóxicos claramente fechados en contextos xeográficos de convivencia pluricultural?

As ciencias sociais aínda cargan consigo mesmas esa mala conciencia de seren utilizadas coma instrumento de xustificación da dominación, e aínda sobardan un chisco de vaidade ao pretenderse totalmente libres da reflexión filosófica, mais quizais xa vaia sendo hora de reclamar algo de honestidade recíproca e recoñecer que: 

1-O social non pode reflexionarse e investigarse por sí mesmo sen proxectar imaxinario filosófico previo. Pensar en serio e dende as cousas mesmas, desvelando o que éstas teñen de apariencia, é un acto de resistencia e desobediencia reflexiva, intelixente, ao pensamento único. Ter sentido do humor, por suposto, non está reñido con esta seriedade, pois o humor é, abofé, un asunto moi serio, e a seriedade, por suposto, ten moito de humorística. Non hai mellor proba disto que os primeiras ilustracions satíricas dos humoristas gráficos ingleses.

2-As ciencias sociais, pretendéndose plenamente autónomas e auto-referenciais, teñen serias posibilidades de convertirse en enxeñería social ao servizo do reforzamento, teórico e práctico, da dominación. 

As ciencias sociais, pretendéndose plenamente autónomas e auto-referenciais, teñen serias posibilidades de convertirse en enxeñería social ao servizo do reforzamento, teórico e práctico, da dominación

3-A filosofía que queira evadirse totalmente do social, reclamando plena autonomía e auto-referencialidade con respecto ás ciencias sociais, ten serias posibilidades, tamén, de convertirse en mera logorrea intrascendente no baleiro. Mero consolo existencial para o cal, por certo, xa existe a relixión -para sensibilidades máis confesionais- ou as artes -para sensibilidades máis mundanas-. Para aumentar o gozo de existir, entender e sentir o latexo do mundo que nos arrodea, non podemos abrazar sempre poéticas e músicas armónicas, con principio, no e desenlace determinado. Os nosos sentidos teñen que estar tamén preparados para a disonancia, a contradicción, o contraste, a incertidume e, por suposto, a continxencia : a insignificante, insoportábel e humana continxencia que somos. 

O mundo que vivimos é brutal e inhumano, non enganemos, xa que logo, ás novas xeracions, coa promesa de músicas e armonías eternas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.