Rematado o centenario de Paulo Freire

Mural dedicado a Paulo Freire Dominio Público

Era Amadou Mahtar M´Bow Director Xeral, en 1986, no remate do seu mandato, cando Paulo Reglus Neves Freire, Paulo Freire, recibiu o Premio de Educación para a Paz da UNESCO, especialmente polos seus traballos de alfabetización, daquela xa moi recoñecidos e apreciados en todo o mundo.

En 1986 Paulo Freire recibiu o Premio de Educación para a Paz da UNESCO, especialmente polos seus traballos de alfabetización, daquela xa moi recoñecidos e apreciados en todo o mundo

Cando estamos a piques de conmemorar o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, como cada 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, non está mal lembrar que a organización da intelectualidade da ONU, como acostuma a dicir o profesor Mayor Zaragoza outorgou este galardón ó educador do que vimos de celebrar o seu centenario. Con ese motivo tiveron lugar por todo o mundo numerosos Congresos, publicáronse memorias e libros recopilatorios onde amigos e discípulos honraron ó seu mestre por antonomasia. 

Por exemplo, o seu mellor e máis autorizado biógrafo, Moacir Gadotti, director ad honorem do Instituto Paulo Freire, a quen coñecín nas reunións do Foro Mundial de Educación, falaba nun libro colectivo titulado “Reinventando a Paulo Freire no século XXIde que “resulta inútil formar depredadores”, educar mellor ás persoas para que pretendan ser mellores que os demais, obxectivo principal da educación bancaria ou neoliberal, como a cualificaba.

Paulo Freire CC-BY-SA Slobodan Dimitrov

A súa proposta educativa, como a dos grandes pedagogos, foi e segue a ser unha proposta utópica. Del aprendín que non podemos ser educadores se non somos optimistas. Ser mestre como ser pai ou avó obrigan ó optimismo

O pensamento de Freire foi -e segue a ser- un pensamento e unha práctica pedagóxica esencialmente rebelde e insurxente, desafecta. Por iso, probablemente, segue a ser aínda hoxe moi silenciado en ámbitos académicos e pedagóxicos oficiais. Certo que non poden ignorar o significado e a transcendencia de Paulo Freire, faltaría máis!. Quen pode non recoñecer ó autor da “Pedagoxía do oprimido” ou da “Pedagoxía da autonomía”, primeira e última das grandes obras do educador brasileiro, pasando pola “Educación como práctica de liberdade” ou a “Pedagoxía da esperanza”, obras todas elas emblemáticas da recoñecida pedagoxía crítica. Desde a súa Tese na Universidade de Recife, “A educación e a realidade brasileira”  de 1.959, ate a súa morte en 1.997, con 75 anos, máis de 25 libros, a súa vida e a súa obra, educativa, pedagóxica e mesmo institucional, como Secretario de Educación do Concello de Sao Paulo, dous anos intensos e moi duros, entre 1.989 e 1.991, defendeu sempre unha escola pública popular e de calidade: “ ... a calidade non debe medirse só polos patróns de coñecemento sistematizado senón polos lazos de solidariedade que tecemos”.

O propio Paulo Freire gustaba definirse como “peregrino do obvio” e como un “home conectivo”, unha vida en conexión cos demais. A súa proposta educativa, como a dos grandes pedagogos, foi e segue a ser unha proposta utópica. Del aprendín que non podemos ser educadores se non somos optimistas. Ser mestre como ser pai ou avó obrigan ó optimismo.

Visto o ano do seu centenario, xa con certa perspectiva, parecera que Paulo Freire segue a ser incómodo, particularmente en certos medios do chamado “universo académico universitario"

Porén, visto o ano do centenario, xa con certa perspectiva, parecera que Paulo Freire segue a ser incómodo, particularmente en certos medios do chamado “universo académico universitario” ou cando menos eu así o vexo, probablemente estea errado. Aínda que a súa obra, particularmente no campo da alfabetización de adultos, ou na defensa dos oprimidos, é asumida, non o é tanto, trátase dunha apreciación, como a súa presenza científica na Academia, cando menos polos actos promovidos oficialmente.

Paulo Freire tivo unha experiencia moi longa, 76 anos intensos, onde pasou privacións, estudou con dificultades a secundaria, accedeu á Universidade e graduouse en Dereito, moi pronto abandonou a avogacía e podemos dicir que foi a súa compañeira Elza Maia Costa Oliveira quen o foi orientando cada vez máis cara ó mundo da educación e da pedagoxía. Foi na alfabetización dos adultos onde Freire aplicou metodoloxías e procedementos e ferramentas inéditas ate o punto de que o Goberno Federal da República e o Ministerio de Educación convidárono a replicar aquela experiencia nos chamados Círculos de Cultura en todo o Brasil, encargo que non foi posible materializar polo golpe militar de 1.964. Foi detido e logo de dous meses exiliouse en Bolivia, Chile, Estados Unidos e Xenebra por un total de 15 anos.

Mural dedicado a Paulo Freire CC-BY-SA nefandisimo

A Cátedra do Oprimido, da Universidade Paulo Freire, investiga no campo que denominan “Estudos Oprimidos” quizais sexa por todo iso polo que a Academia non o recoñece como merece

A Cátedra do Oprimido, da Universidade Paulo Freire, Unifreire, como o seu Instituto, en Brasil e noutros lugares do mundo, investigan no campo que denominan “Estudos Oprimidos” quizais sexa por todo iso polo que a Academia non o recoñece como merece.

Conta Moacir Gadotti que Paulo Freire, nos últimos anos da súa vida, dicía que gustaba de asistir a conferencias só como oínte pois, como él mesmo afirmaba, “coa idade e a experiencia, o campo da nosa ignorancia se expande”...

Rematado o ano do centenario do seu nacemento Don Paulo Freire segue moi vivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.