Rematou o simulacro

Vimos dunha sociedade agraria e ignorante. Houbo un tempo, a partir dos anos oitenta, no que comezou, algunha xente, a facer ostentación de riqueza: coches espectaculares, enormes casas con xardín, viaxes a lugares remotos, celebracións ostentosas, vicios caros. Mais agora espertamos, todos –os que abusaron e os que non- , e decatámonos da realidade: somos pobres. Hai luxos que xa non se poden permitir e os que cometeron excesos, contraendo débedas para costear delirios de grandeza, obrigan a que paguemos xustos por pecadores.

Houbo un tempo, a partir dos anos oitenta, no que comezou, algunha xente, a facer ostentación de riqueza: coches espectaculares, enormes casas con xardín, viaxes a lugares remotos, celebracións ostentosas, vicios caros

Estas afirmacións, que comparto plenamente, están reflectidas no último libro de Muñoz Molina, (Todo lo que era sólido, ensaio), escritor que ven de ser galardoado, de xeito moi merecido, co premio Principe de Asturias das Letras. “Hemos mirado con demasiada tolerancia y distracción la incompetencia y la corrupción”, afirma o autor, que remata: “ durante los años del delirio cualquier apelación a la virtud cívica o a los valores morales sonaba a antigualla y provocaba el escarnio”.  Agora decatámonos, tarde, do que estaba a suceder: o roubo xeneralizado, a supremacía da incompetencia.

Non debemos esquecer que as cousas importantes para facer mellor a vida, e que pensamos que nunca ían desaparecer, (a sanidade e a educación públicas, o imperio da lei, a garantía de dispor dunha vida decente na vellez) non existiron sempre

Muñoz Molina, un dos mellores escritores españois, fai neste libro un repaso analítico e crítico sobre a Transición, e sinala os puntos negros deste tempo recente, que poñen en perigo o noso futuro colectivo. O novelista e máis eu somos do mesmo tempo e procedemos do medio rural. En El jinete polaco reflexa a ignorancia e miseria da súa infancia en Úbeda, moi semellante á que eu vivín nas terras de Barcala. Recorda que hai trinta ou corenta anos non había neste país o benestar no que medrou a xente máis nova. Os que vimos dese tempo temos a obriga de contar como era aquela vida. Non debemos esquecer que as cousas importantes para facer mellor a vida, e que pensamos que nunca ían desaparecer,  (a sanidade e a educación públicas, o imperio da lei, a garantía de dispor dunha vida decente na vellez) non existiron sempre, son unha conquista recente, custou moito construílas e perdelas é moito máis fácil do que foi gañalas.

Á nosa beira, houbo unha minoría, enriquecida de xeito obsceno, que construía un mundo de simulacros e espellismos, cheo de trampas. Esta realidade virtual e noxenta estoupou polos aires

Nas últimas décadas este país medrou grazas ao esforzo dunha grande maioría de xente honrada e austera que nos dedicamos a traballar o mellor que soubemos. Mais, á nosa beira, houbo unha minoría, enriquecida de xeito obsceno, que construía un mundo de simulacros e espellismos, cheo de trampas. Esta realidade virtual e noxenta estoupou polos aires. Xa non queda nada daqueles fastos, salvo as débedas que nos obrigan a pagar entre todos. Aínda estamos a tempo de mellorar o futuro, pero nada está a salvo. Recorda o autor que “la clase política ha dedicado más de treinta años a exagerar diferencias y a ahondar heridas”. Agora cómpre defender con rigor o valor do público, que leva varios anos sometido a unha potente campaña de descrédito fomentada desde a propia Administración, mentres xentes sen escrúpulos aproveitan o poder para acaparar riquezas sen o menor pudor. Pero a cidadanía non pode renunciar e ten que esixir do estado democrático que sosteña unha legalidade igualadora pois, do contrario, “los débiles se quedan a merced de los fuertes y los bárbaros,  los brutos y los corruptos prevalecen sobre las personas honradas”.

O futuro non está decidido e temos que escribilo entre todos. O que buscamos as persoas honestas é que os anos vindeiros non sexan malos, que os nosos fillos e netos teñan a posibilidade de desenvolver  unha vida plena. Recorda o autor unha frase de Camus, quen dicía que a tranquilidade de saber que as tardes perfectas de setembro seguirán cando nós xa non esteamos reconcílianos coa morte: “Yo querría que mis hijos y las personas que ellos amen no  vivan peor de lo que he vivido yo”, conclúe Muñoz Molina. Facemos propio este desexo, pero a posibilidade dese futuro teremos que defendela por todos os medios, xa que temos unha casta dirixente que está a deseñar  un futuro de ricos e pobres cun país cheo de casinos, prostíbulos e megaminas contaminantes. E tamén debemos saber que hai fortísimos intereses internacionais que están a empuxar, coa complicidade dos gobernantes, para desmantelar o Estado de Benestar, para que a saúde, a educación e as pensións dos xubilados deixen de ser un dereito público para converterse nun espazo de negocio.

Tamén debemos saber que hai fortísimos intereses internacionais que están a empuxar, coa complicidade dos gobernantes, para desmantelar o Estado de Benestar

Rematou o simulacro. Finou a feira das vaidades. A xente honesta temos que defender o futuro desenmascarando aos corruptos e incompetentes que levaron o país a un calexón sen saída. Ten que rematar o imperio da cobiza, a exhibición impúdica dos ricos ignorantes e brutos. Hai que recuperar a decencia, o respecto polo traballo e a cultura. Aquela Transición, da que nos sentíamos tan orgullosos, levounos a este punto. Cómpre reaccionar se non queremos volver á Idade Media. Porque “nada es para siempre y cualquier derecho conquistado puede desaparecer”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.