Renovación e utopismo

Intervención preparada para as Xornadas a política pode ser outra cousa realizadas por Ames Novo

A política pode ser outra cousa? Por suposto que a política pode e debe ser outra cousa. Niso acreditamos moitos e moitas persoas. Dous son os elementos centrais para que a política poida ser outra cousa. A renovación da política e a recuperación do utopismo. 

Dous son os elementos centrais para que a política poida ser outra cousa. A renovación da política e a recuperación do utopismo

 

A renovación como clave de gañar o futuro

Gañar o futuro significa recuperar para a política a maioría social de persoas desafectadas e que se cansaron de falsas promesas, primeiro, e de xustificacións calculadas, despois. Estamos a falar de persoas que poderiamos ser calquera de nos e máis, nalgún momento ou mesmo neste momento, nos mesmos.

Necesitamos pois unha esquerda renovadora. Triplemente renovadora. Renovadora nas ideas, nas linguaxes e nas practicas. Se tiveramos un proxecto renovador unicamente nas ideas teriamos, no mellor dos casos, un excelente think tank. Se tiveramos un proxecto renovador soamente nas linguaxes teriamos o que podería definirse, parafraseando ao amigo Manuel M. Barreiro, novísima vella esquerda. Soamente un nova praxe ancorada na radicalidade democrática permitirá construír un proxecto renovador.

 

A unidade como clave da renovación

Non é posible renovar nada sen unidade. Necesitamos saber que temos diante de nos un inimigo moi poderoso que require de unir forzas desde a diversidade, desde as diversas visións culturais

Non é posible renovar nada sen unidade. Necesitamos saber que temos diante de nos un inimigo moi poderoso que require de unir forzas desde a diversidade, desde as diversas visións culturais. Se nos miramos aos ollos os que estamos aquí e moitos mais dos que non están aquí que conforman a maioría social e nos preguntaramos polas nosas preocupacións vitais, polas nosas necesidades individuais, polas nosas urxencias colectivas, seguramente acabariamos todos e todas falando desde as mesmas coordenadas culturais e proxectando o mesmo programa político: o da defensa do bencomún e a xustiza social, o da conservación do noso planeta e a súa biodiversidade, o da necesidade de ampliar as nosas liberdades individuais e colectivas.

Reforma, ou revolución, soberanismo ou federalismo, nacionalismo ou altermundismo, socialdemocracia, comunismo, ecosocialismo, ... non deixan de ser etiquetaxes perigosos en mans dos gardiáns das esencias, dos dogmáticos ideolóxicos/teolóxicos ou escusas para aqueles que necesitan, por intereses inconfesables, poñer por riba a diferenza da cooperación. Non é posible construír ningún espazo renovador desde o illamento, desde a esencia. Necesitamos contaminarnos como reactivo para construír un proxecto físico forte e químico creativo.

 

Reivindicar o utopismo

 

Tocounos vivir nun mundo onde se desmoronaron os grandes ideais emancipadores despois do fracaso da primeira alternativa postcapitalista global e de que a socialdemocracia pasara de perseguir unha alternativa socialista democrática a amortiguar os efectos mais perversos dun sistema que fixo propio

Necesitamos recuperar o utopismo. Pero para iso debemos partir do recoñecemento da realidade. Non estou a falar de resignación. Tratase de saber que tempo nos tocou vivir.

Recoñezamos que tivemos mala sorte. Que nos tocou vivir unha situación para nada ideal: Tocounos vivir nun mundo onde se desmoronaron os grandes ideais emancipadores despois do fracaso da primeira alternativa postcapitalista global e de que a socialdemocracia pasara de perseguir unha alternativa socialista democrática a amortiguar os efectos mais perversos dun sistema que fixo propio; tocounos vivir a degradación das elites políticas. Da direccións dos partidos desaparecían, pouco a pouco, os filósofos e pensadores e aparecían os burócratas do marketing e da xestión; tocounos vivir un proceso de deconstrución política de Europa e de construción dun mercado oligopólico neocolonial e etnocéntrico; tocounos ver como o ditador morría na cama e herdabamos unha democracia de baixa intensidade e a peor dereita das posibles; tocounos ver como o espazo da alternativa o hexemonizaba un partido no mellor dos casos progresista pero que de ningunha maneira podería considerarse de esquerdas;  tocounos ver como o proxecto político autonómico era ocupado pola dereita rexionalista e populista namentres que a esquerda renunciaba a construír un proxecto nacional amplo e se puña a construír un proxecto nacionalista ideolóxico excluínte e reducido. Non hai que darlle máis voltas, é a época que nos tocou vivir.

Pero xunto todo iso tamén nos tocou vivir unha época de transición que necesita de grandes ideais políticos e de reivindicar o utopismo como motor de cambio social

Pero xunto todo iso tamén nos tocou vivir unha época de transición que necesita de grandes ideais políticos e de reivindicar o utopismo como motor de cambio social. Non debemos esquecer que os anteriores sistemas sociais tardaron centos de anos en ser superados. Que aínda agora a raíz do relativismo de A. Einstein e da física cuántica comezase a cuestionar o paradigma da ciencia moderna occidental construída nos últimos 500 anos.

Seguramente sexa difícil imaxinar un mundo sen capitalismo pero como tan brillantemente sinala Boaventura de Sousa Santos máis difícil é imaxinar un capitalismo sen fin. Así pois, renovación e utopismo como motores do cambio aquí en Ames, en Galicia e no mundo. Sen esquecer nunca que a boa política a conforman tácticas encamiñadas a buscar a felicidade das persoas e estratexias elaboradas para a búsqueda da beleza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.