Repetición da farsa

Un capítulo da traxedia/farsa grega vén de rematar co principio de acordo entre o goberno grego e as Institucións eufemismo inventado recentemente para non dicir Troika -que á súa vez era un eufemismo para disfrazar o feito de que, canda o FMI, dous órganos antidemocráticos da bendita Unión Europea (Comisión Europea e o BCE) integraban esa banda mafiosa.

Segundo Sthatis Kouvelakis, membro do Comité Central de Syriza e líder da Plataforma de Esquerdas desa coalición, co preacordo de onte o goberno grego sobrepasou todas as liñas vermellas

Segundo Sthatis Kouvelakis, membro do Comité Central de Syriza e líder da Plataforma de Esquerdas desa coalición, co preacordo de onte o goberno grego sobrepasou todas as liñas vermellas. Kouvelakis cualifica de “absolutamente deprimente” o pacote de medidas proposto polo goberno grego para chegar a un acordo coa Troika: incremento do menos progresivo dos impostos como é o IVE; reforma das pensións a través de restricións á xubilación anticipada e do aumento das contribucións dos asalariados; aumento de impostos; continuación coas privatizacións previstas por anteriores gobernos; recorte mínimo no orzamento militar (cabería preguntarse a quen compra Grecia ese armamento para que non interese recortar por aí). O goberno grego agarda recadar 8 mil millóns durante os próximos dous anos, cartos que, naturalmente, non serán investidos no país senón que servirán para continuar alimentando o saco sen fondo dunha débeda impagable que unha comisión nomeada polo propio parlamento grego vén de cualificar de débeda odiosa (a disonancia entre o que di o Parlamento e o que ordena facer a troika e a prevalencia desta última é absolutamente clarificadora do contexto antidemocrático no que estamos). Unha auténtica sangría para un país que xa reduciu nun 25% o seu PIB e que só significará máis recesión, máis pobreza e máis desemprego. O programa de Tesalónica, aquel polo que Syriza foi escollida nas eleccións de xaneiro está, a dicir de Kouvelakis, enterrado. 

Pódese dicir xa sen ningún tipo de rodeo que a estratexia do ”euro bo”, a crenza idealista de que era posible outro tipo de políticas dentro do estrito corsé da eurozona, fracasou estrepitosamente

Nos termos de Costas Lapavitsas, pódese dicir xa sen ningún tipo de rodeo que a estratexia do ”euro bo”, a crenza idealista de que era posible outro tipo de políticas dentro do estrito corsé da eurozona, fracasou estrepitosamente. Así parece entendelo tamén Kouvelakis quen, á vista do acordo de onte, chamou a que os “movementos sociais e a que esquerda máis combativa se levante e loite”; cuestión que rápido terá a súa proba de lume cando o acordo troika-goberno grego sexa votado nun parlamento grego no que moitos deputados de Syriza dificilmente poderán xustificar un voto positivo.

Francisco Louçã, o líder do Bloco de Esquerdas, expuña nun artigo recente de xeito soberbio como a actitude timorata e europánfila da esquerda europea conduciu a un camiño de sucesiva renuncia:

Quase toda a esquerda está a recuar perante a crise grega. Os que defendiam um acordo internacional para a mutualização da dívida dão a causa por perdida, os que esperavam os sensatos eurobonds desistiram e ainda há espectaculares renúncias à luta pela reestruturação da dívida. A esquerda tem medo. Percebeu agora que o Tratado Orçamental não tem margem para evitar a austeridade e que a única solução estrutural para reestruturar a dívida é emitir moeda própria e reorganizar a economia dependente. Percebeu também que o protectorado é uma regra europeia e não se dispõe a enfrentá-la, sente que o caminho é demasiadamente difícil e que não sabe percorrê-lo.

O pequeno país heleno pagou nas súas carnes ser utilizado coma mensaxe para outros estados do sur de Europa cuxo volume económico os converte en potenciais desestabilizadores da Unión Europea

Que ensinanzas deixa, ou debería deixar, a experiencia grega desde a óptica dos países que integran o estado español?

A primeira é que o pequeno país heleno pagou nas súas carnes ser utilizado coma mensaxe para outros estados do sur de Europa cuxo volume económico os converte en potenciais desestabilizadores da Unión Europea. A dureza das elites europeas cun país que non supuña unha verdadeira ameaza para a UE (outra cousa sería o papel xeopolítico que podería xogar unha Grecia dentro da órbita rusa) quixeron enviar unha dura carta, a través do buzón grego, aos estados máis grandes do sur europeo.

Metidas como están as esquerdas do estado español na voráxine de imaxinar o mellor modo de asaltar o pazo, sorprende a falta de alusións á cuestión UE en todos eses plans fantásticos que se están a desenvolver

A segunda é que o dogma do There is no alternative thatcheriano campa ás súas anchas nos corredores de Eurolandia. Metidas como están as esquerdas do estado español na voráxine de imaxinar o mellor modo de asaltar o pazo (como se a Moncloa fose aínda o Pazo de Inverno do poder soberano), sorprende a falta de alusións á cuestión UE en todos eses plans fantásticos que se están a desenvolver. Se, como di Louçã, o Tratado Orzamental non ten marxe para evitar a austeridade, que pensan  facer as esquerdas do estado español cando se trate de crear o seu propio Programa de Tesalónica? Van vender ilusións que serán defraudadas cando as Institucións chamen á orde? Proporán un programa que encaixe na estreita idea do posible imperante na Eurozona? Apelarán ao rexeneracionismo (modernización, centralidade do discurso anticorrupción, cidadanismo, sistema electoral, reforma das administracións…) e á lectura ensimismada dos problemas do estado español (o estado español como lugar intrinsecamente negado para o progreso, ítems propios da “casta intelectual”, en feliz expresión de Ignacio Sánchez Cuenca), como se as transformacións institucionais antidemocráticas que está a levar a cabo o capitalismo globalizado (da Unión Europea ao TTIP, da OTAN ao FMI), nada tivesen que ver con nós?

Que encaixe se imaxina para un país autodeterminado do estado español no contexto da Unión Europea?

Máis aínda, entre aqueles que non sigan a estratexia da Unidade Popular para acadar o poder do Estado, refírome concretamente a vía catalá independentista, e máis en concreto aínda, ás forzas de esquerdas que apoian esa vía, que lectura se fai do acontecido con Grecia? Que encaixe se imaxina para un país autodeterminado do estado español no contexto da Unión Europea?

A coincidencia na falta de reflexión sobre estas cuestións tanto en quen avoga pola estratexia de propiciar un proceso constituínte no estado como en quen avoga pola secesión como método para comezar de cero indican que a repetición do modelo traxicómico grego é un horizonte máis que probable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.