Res publica ou darwinismo social

©

“Non son os máis fortes da especie os que sobreviven, nin os máis intelixentes. Sobreviven os máis flexibles e adaptables aos cambios”. Charles Darwin

“A vida só pode entenderse cara atrás, mais hai que vivila cara adiante”. Søren Kierkegaard


Res publica, do latín: “a cousa pública”. Segunda semana de confinamento no Reino de España, e continúan caíndo mortos polos teletipos, como deixara escrito Uxío Novoneyra no seu Vietnam Canto. As sociedades occidentais intúen, non sen certo caos como é natural, a magnitude das mudanzas que se aveciñan estando millóns de persoas recluídas nos seus fogares. Son xa, aproximadamente, dous mil millóns de persoas arredor da xeografía mundial. As que teñen a sorte de ter fogar. Nesta situación os gobernos vense na obriga de improvisar decisións e ir filtrando información paulatinamente pra que as poboacións se preparen psicoloxicamente durante o control da pandemia e, tamén e sobre todo, pra o que semella que ha de vir despois.

Todas e todos tivemos ou temos algún amigo ou familiar, algún mestre ou algún tertuliano de cabeceira que é firme defensor da desviación neoliberal do libre mercado. Ou era, pois desde a semana pasada xa poucos quedan. Ata Juan Ramón Rallo reclama agora, insistentemente desde as súas redes sociais, intervencións estatais radicais. Mesmo Luis de Guindos, ex Ministro de Economía do Reino e ex-responsable de Lethman Brothers na península ibérica, di que os estados teñen que intervir canto antes e de maneira decidida e contundente, propoñendo rendas básicas e outras medidas bolivarianas, comunistas ou vaia-vostede-a-saber-qué. Levan décadas instando a socavar a res pública e a súa capacidade de reacción en todo aquilo que sexa común, mais síntense coa autoridade toda pra dicir o que hai que facer nestes momentos. Adoitan ser os mesmos que responsabilizan de todo isto á celebración das manifestacións do 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora, mentres insistían en que fose adiante a Semana Santa. Non sería entón polos catro mil partidos de fútbol que se celebraron naquela fin de semana, nin por todas as terrazas, bares, discotecas, comercios, misas e mitins políticos, cines e teatros ou transportes públicos e privados funcionando a pleno rendemento. Celebrouse en toda Europa, menos na sufrida Italia. É probable que, á vista dos feitos, non debera celebrarse en Madrid e ata sabemos que había recomendacións de organismos internacionais pra non facelo. Á vista dos feitos, claro. Mais son debates madrileños. Nestas semanas asistimos ao derrube ideolóxico e moral dos que esclerotizaron o papel dos servizos públicos, poñéndoos en mans do lucro duns poucos.

Na semana que rematou, en pleno shock, publiquei neste dixital unha análise ante a vertixe do que intuía estaba desencadeándose tratando de usar a razón e algunhas ferramentas de análise pra descifrar e comprender ben os primeiros movementos ca información que agromou xunto ao repaso das tendencias que se viñan reflectindo desde hai anos no panorama do mundo académico ou nas revistas científicas e traballos especializados en relacións internacionais, co esgotamento inminente do modelo económico vixente ata hai días alén da aparición dunha epidemia na que as traballadoras e traballadores sanitarios están demostrando ser, xunto a caixeiras, repoñedores, repartidores, traballadores da alimentación e do sector primario, transportistas e outros...imprescindibles da clase obreira, que é a que move o mundo. A mesma clase que se verá especialmente afectada polas consecuencias económicas e sociais que acompañan: o rostro da desigualdade é o dunha muller maltratada nestas semanas de confinamento e das violencias múltiples que despois irá xerando a crise, da precaria que se queda sen dereito á prestación por desemprego, da explotada que obrigan a traballar expoñendo a súa saúde e a dos seus seres máis prezados, da despedida tres días despois de ser contratada por catro pesos, da autónoma mono-parental con dous fillos, daquel que traballaba pra poder pagar os estudos e perderá tamén este curso académico...as grandes empresas e corporacións aproveitan pra soltar lastre e purgar...coa ollada posta no cambio de modelo produtivo a implantar no mundo post-coronavirus.

A fin da era neoliberal cadra arestora cun punto quente de tensión na guerra fría entre os Estados Unidos de Nortemérica e a República Popular China maila Federación Rusa

A fin da era neoliberal cadra arestora cun punto quente de tensión na guerra fría entre os Estados Unidos de Nortemérica e a República Popular China maila Federación Rusa, e remata con millóns de persoas confinadas poñendo a proba a fortaleza das sociedades occidentais. A pandemia está demostrando a ineficacia dos seus aparellos burocráticos e sistemas políticos: dispoñen de peores ferramentas en sociedades moito menos organizadas e conscientes das ameazas que noutras realidades máis habituadas a que o destino se torza, sendo máis propensas a caer na confusión ou o pánico. Hoxe en día seguen abertos negocios e hai xente regresando das praias. En sociedades bastante infantilizadas, des-informadas e centradas na roda do hiper-consumo e o entretemento. A Vida Líquida posmoderna da que nos avisaba Zygmunt Bauman bate coa implacable realidade do mundo real. Será peor a cuestión cando se estenda a latinoamérica ou a outras rexións do planeta con inda peor capacidade de resposta.

Semella que non se corresponden os índices de letalidade da enfermidade coa reacción de individuos, empresas, gobernos, medios de comunicación...mais é certo que o risco de que colapsasen os sistemas sanitarios sería moito máis grave ca o virus mesmo. Iso se proxectamos unha visión xeral, pero xa vemos como se erguen aquí hospitais de campaña que pouco teñen que ver coas “arcas de Noé” construídas en China, ou a aberración das residencias privatizadas de maiores deixadas nas mans xestoras de fondos-voitre e empresariado cañí que untaron con diñeiro negro os bolsos das equipas de Esperanza Aguirre, Granados ou Ignacio González nestas últimas décadas, sen persoal nin medios. Outro tanto pode dicirse da situación en Celanova e do que o goberno da Xunta fixo co SERGAS na última década. Non teñen nin a máis mínima credibilidade para dicir nada sobre o que está acontecendo. Sería o seu que pedisen perdón (e propósito de emenda) a toda a poboación, e se dedicaran a colaborar.

Sostiña eu naquel artigo que, por riba do inmediato e do que aconteza na Galiza e no conxunto do estado español, produciranse grandes mudanzas xeoestratéxicas e xeopolíticas que iremos vendo co paso dos meses e dos anos. Que abrimos unha nova era. Iremos vendo como e de que maneira, mais fíxose patente que entramos nun dos períodos máis interesantes (e inestables, neste intre) da historia, de derrube do mundo coñecido e, polo tanto, da emerxencia de todas as pantasmas e posibilidades. Nunha probable Gran Depresión económica que vai combaterse en Europa nun primeiro termo con políticas económicas que clausuren o ciclo da austeridade, e onde os gobernos gastarán e estimularán unhas economías paralizadas e moi deterioradas, intentando amortiguar as súas consecuencias, ademais de que haberá que reconstruír sistemas sanitarios públicos e todo aquilo que foi derrubado na época ultra-liberal de privatizacións, precarización e corrupción. Algunhas voces gubernamentais procedentes dos Estados Unidos de Norteamérica falan da posibilidade de que aquela nación adolescente (de pouco máis de douscentos anos de percorrido desde o seu nacemento) afrontará taxas de desemprego que poderían rondar o 30%. Isto significaría a maior crise social da súa Historia. Na locomotora alemana contémplanse grandes nacionalizacións e no Reino Unido corrixíronse as primeiras decisións fascio-liberais, inda que o pai do Premier Boris Johnson xa solicitase a nacionalidade francesa. No Brasil, o fascista Bolsonaro propón que os empresarios non paguen o salario aos traballadores nos vindeiros meses inda que sigan indo ao choio. Propón directamente a escravitude. Pouco do que se vislumbra cara o futuro nalgunhas latitudes vai na contra do que indicou nunha entrevista recente o vice-gobernador de Texas: “os avós deberían sacrificarse e deixarse morrer para salvar a economía polo ben dos seus netos, e non paralizar o pais”. Xa o advertira hai anos a presidenta do Fondo Monetario Internacional, Cristine Largarde, cando alertara de que “a xente vive demasiado, e iso é un risco”. O Capitalismo desbocado e sen freo é incompatible coa vida digna e coa máis elemental consideración polos seres humanos.

Un dos mellores representantes del nos USA como é Trump, pertencente á facción nacionalista industrialista anti-Wall Street e contrario aos sectores da economía hiperfinanciarizada, abraza a John Maynard Keynes como ninguén o fixera antes desde os acordos de Bretton Woods alá por 1944. Co horizonte da reelección e coa confrontación aberta en canal con China, no medio dunha pandemia que negou ata hai nada. Á par disto e a unha década vista, o Exército Norteamericano leva a cabo neste preciso intre a maior reestruturación e transformación dos últimos vinte anos, no plano técnico e abandoando a idea de combater as “insurxencias” no Medio Oriente pra centrar os esforzos estratéxicos na previsión dun incremento das tensións maila competencia intensificada con Rusia e China abrazando a posibilidade do estourido dun conflito no Pacífico como se recolle en informacións do Wall Street Journal

O precedente último de maior tensión internacional poderiamolo atopar na Crise dos Misís e a ameaza da “guerra nuclear” en 1962. Nin siquera a crise do petróleo dos 70’s, a caída do Muro en Berlín ou o 11-S de 2001 representaron un impacto nas sociedades e un factor desestabilizador parello ao actual polo que apunta o comportamento delirante das bolsas, as tensións non disimuladas entre potencias ou a reacción extraordinaria dos estados na mobilización e disposición de recursos. A cuestión baila agora entre a “distopía postcapitalista” no día a día, o terremoto económico global e o reordenamento no xogo e equilibrio de poder internacional. Está por ver que virá despois de mañá, pero a maioría de analistas recoñecidos aseguran que serán mudanzas significativas na chamada “gobernanza global”, parindo co tempo unha nova orde mundial. Moitos aspectos da chamada “globalización” mudarán. Están mudando xa. A pandemia é a escusa perfecta pra o peche de fronteiras e a criminalización da alteridade. Representa, polo tanto, unha cuestión de alcance e compromiso civilizatorio. Ata agora, enterrouse o neoliberalismo e resucitouse a Keynes en Europa e ata en USA e Reino Unido coas maiores intervencións públicas que se levaron a cabo en tempos de paz, ao tempo que o proxecto-UE entra nunha fase avanzada da crise que xa mantiña a flor de pel por volta do ‘brexit’, a cuestión das refuxiadas, as politicas de austeridade que arrasaron países como Grecia ou o sistema sanitario público español (e o galego, Feijóo...!), o auxe neofascista e o crecemento do euroescepticismo a esquerda e dereita...nun contexto de crises superpostas: tamén climática e de disputa polo dominio de fontes enerxéticas nun horizonte de escaseza. ¿Cómo chegamos ata aquí?, pregúntase o escritor libanés Amin Maalouf no seu volume “O naufraxio das civiliacións” (Alianza Editorial), que trata sobre a paradoxa que supón convivir cos espectaculares avances científico-tecnolóxicos e de acceso ao coñecemento dos que dispoñemos e onde semella que imos nunha dirección oposta á de maior progreso e liberdade, sendo quen de destruír todo aquilo conseguido.

O certo é que anda solto polo mundo un novo virus do que non é seguro que te inmunices aínda pasando a enfermidade, como se deron casos en Italia ou China. Que non se comporta igual en todos países e que ata é distinto duns países a outros como veñen de demostrar científicos valencianos, tendo ata nove mutacións distintas. Nalgúns casos, pode seguir a cadea de contaxio inda despois de superalo. A mortandade afecta fundamentalmente a persoas con patoloxías previas ou persoas bastante maiores, pero non só. A ciencia indica que é de orixe natural e non deseñado, inda que ninguén coñece se saiu do pobre pangolín, da sopa de morcego ou dun laboratorio de ‘Washington’ ou de ‘Pekín’ (o cal sería compatible con ser de orixe natural) en contexto de ‘guerra fría’: nunha declarada guerra comercial (fundamentalmente debida á pelexa pola preeminencia e dominio da tecnoloxía 5G), arancelaria-proteccionista, carreira armamentística e pugna xeopolítica adoptando forma de ‘guerra de quinta xeración’. Neste momento, tres superpotencias acúsanse de xeito cruzado: Rusia e China consolidan “matrimonio”. Trump cualifícao de “virus chino”, alimentando o racismo e creando un novo “inimigo de América” e quixera de todo Occidente, mentres portavoces de Rusia e China acusan ao exército estadounidense de estar detrás da propagación. Hai tamén, por suposto, unha guerra de propaganda entre o réxime chino e a superpotencia norteamericana en declive.

Polo momento quen vai gañando alí en norteamérica son as armerías: o negocio do medo é moi lucrativo e, neste contexto, a venda de armas curtas aumentou un 70% entre a poboación yankee. Descoñecemos se as usarán pra defenderse do virus ou do primeiro asiático que se cruce pola porta. Na primeira guerra fría a xente construía búnkers anti-nucleares nas súas propiedades. Xa se sabe que nestas crises os voitres e os lobos fan o seu agosto. Mesmo os que van de “filántropos”.

Dicía tamén no artigo da semana pasada que a situación pode traer naturalmente tamén (inda que sexa difícil de imaxinar en réxime de confinamento) algunhas cousas positivas por abaixo, ademáis de moitas dores e demasiadas incertezas nun escenario dunha complexidade histórica relevantísima: as saídas aquí, calquera delas, serán traumáticas e os esforzos titánicos. Non poden ser doutra maneira polo que xa imos sabendo. Nesa situación é importante tamén vacinarse contra o medo, contra as fake news, contra o fatalismo, coidarse entre iguais e politizar a rabia pra que non abusen dos de sempre cando nos solten ás rúas e vaiamos habitar un “novo mundo”, quizáis con hábitos e formas de relación social que non serán exactamente iguais ás de antes. Pra que non o aceptemos todo mansamente en materia socio-laboral nin en dereitos e liberdades. Pra que non incorporemos o medo a exercer o dereito á discrepancia ou a disconformidade.

Nunha sociedade temerosa medidas coma as de Bolsonaro poden ser mansamente aceptadas. Nunha sociedade concienciada e organizada isto é impensable. Que non nos colen coa escusa desta nova crise o que Carlos Taibo cualificaba como “darwinismo social militarizado”, nunha versión máis reaccionaria e medievalizante do que xa supuña a era neoliberal. A pandemia obríganos a pensar en cada un de nós como parte da colectividade. Non somos illas. Tamén obriga a pensar nas situacións doutros seres humanos: as refuxiadas que foxen das guerras que os gobernos occidentais provocan e son recibidas por aquí a tiros, ante a impasibilidade e indiferencia maioritaria...e na irracionalidade e inhumanidade que isto supón. Négome a pensar que é simplemente unha utopía que isto deixe de acontecer, porque non é así. Con todo “un mapamundi que non inclúa Utopía non merece a pena miralo siquera”, segundo dixera Oscar Wilde.

Que os exércitos se despreguen sobre o terreo en España ou Italia (onde están colapsando ata os ceminterios, e son eles os que actúan) amosa un exercicio de exhibición de autoridade dos estados intentando trasladar a imaxe de fortaleza e de telo todo “baixo control”. Mais tamén engade potenciais factores de conflito. A relación entre o civil e o militar é sempre tensa, e máis aínda o é nas sociedades contemporáneas, con códigos tan distanciados. Vacinémonos tamén contra o autoritarismo e o militarismo. E esteamos alerta dos abusos policiais que xa se está producindo ao abeiro da incomprensiblemente inda non derrogada Ley Mordaza. E con quen os xustifica.

As crises do Capitalismo senil e do desastre son así, ciclicamente: cae pra voltar a caer con maior vigor mentres cada vez que cae uns poucos se enriquecen e acumulan máis, e máis....ata que todo volve a esborrallarse. Polo camiño, regueiros de vítimas, e o Leviatán ao rescate delas e do esnaquizamento no tecido produtivo. A crise que vén, polos seus síntomas nos mercados bursátiles e a reacción dos estados ata agora, anticipa un arrecendo a 1929 máis ca 2008: o “crack” produciuse xa, e anuncia a entrada nunha sorte de “economía de guerra” pra atallar a emerxencia sanitaria mundial, acompañada de grandes movementos militares coma as maiores manobras da OTAN en Europa desde hai 25 anos ou tamén a mobilización do exército español, o italiano, etc...

Tezamos toda a rede de solidariedade e colaboración posible por baixo, ou esmagarannos a todas e todos desde arriba. Se pretenden darwinismo, esixamos res publica. Somos máis. Por supervivencia

A xogada e movementos da República Popular China é intelixente neste intre : deron unha imaxe de disciplina e combate rápido contra a pandemia (tamén Corea do Sur ou Singapur e Hong Kong) con accións efectistas e de demostración de poderío organizativo, como a construción de hospitais de emerxencia en moi poucos días (tamén o está facendo a Federación Rusa), afúndese a economía occidental e avanza no xeoestratéxico estendendo rapidamente influencia diplomática e o favor das poboacións mediante axuda humanitaria. China precisa dos mercados occidentais pra seguir producindo e incrementando o seu poderío económico, e tamén é por iso polo que está interesada en que non se afundan completamente as economías occidentais, véndose tentadas de pecharse en si mesmas. Veñen de anunciar o primeiro día con 0 contaxios logo de 58 días de confinamento. Ademais, anuncian dispor do remedio á pandemia global na carreira coa farmaindustria americana e europea, poñéndose a ensaiar desde agora unha vacina en humanos e con infraestrutura suficiente pra producila a gran escala. De chegar antes ca os laboratorios occidentais (civís ou militares) gañarían de vez o século XXI e a hexemonía mundial como USA gañou no seu día a carreira espacial e, con iso, o último tercio do SXX. Estímase que pra sabelo farán falta bastantes semanas, ou meses. Tamén puidera ser que se adiantaran os USA, que desde hai poucos días comezaron tamén a facer probas con humanos. Trump está facendo todos os esforzos posibles para dispoñer dela en exclusiva. Á par, hai tamén outros ensaios clínicos multinacionais baixo dirección da OMS. A vacina é a “pedra filosofal” da nova era que se abriu. Atopala, daría prestixio mundial e orgullo patrio. A mellor das pócimas. Con todo, a raíz da pandemia e se non o era, tampouco o é (nin vai ser) ouro todo o que reloce dentro do Dragón. Recomendo moito este artigo na revista de pensamento crítico Viento Sur: “Contagio social: guerra de clases microbiológica en China”

Esta crise desnuou tamén algunhas das miserias de Matrix: colombianos cruzando a fronteira cara a Venezuela pra poder ser atendidos, misións médicas cubanas por toda latinoamérica ou Italia, axuda humanitaria procedente de China e Rusia ao Sur de Europa ante a parálise da UE e a inhibición duns USA completamente ensimesmados cun Presidente que asevera que todo isto dálle a razón na súa teima de erguer fronteiras e muros. Coma se as fronteiras e a confianza absoluta na soberanía dos estados non fora tan perigosa como a globalización mercantil ante unha pandemia deste tipo. Só hai saída con colaboración e coordinación, desde o local ao global. Prevese a tentación de camiñar cara un futuro de regreso ao estado-nación, con todo o que isto supón. Tamén pra os nacionalismos emancipadores, nas nacións sen estado. Nestas crises teñen as de perder as e os de sempre: mulleres, diversidades sexuais ou raciais, traballadoras e traballadores, culturas minoritarias...son sempre primeiro obxectivo a bater polo poder. Vacinémonos contra a barbarie e contra o fomento da loita do penúltimo contra o último. Tezamos toda a rede de solidariedade e colaboración posible por baixo, ou esmagarannos a todas e todos desde arriba. Se pretenden darwinismo, esixamos res publica. Somos máis. Por supervivencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.