“Para saír dun burato, o primeiro que hai que facer é deixar de cavar”, dicía o experto en management Peter Drucker. É o rescate da banca española unha vía para saír do burato da débeda? Non parece. Paul Krugman advirte que “os líderes políticos non teñen intención de cambiar as políticas que deixaron a case un cuarto dos traballadores españois (e a máis da metade dos seus mozos) sen traballo”. Así que o esperable é máis do mesmo, e como dicía un editorial de The Guardian “esta é unha débeda que se cargará aos presupostos do Estado. Os contribuíntes españois terán que pagar por ela”, de xeito que “a poboación con maior nivel de desemprego da Unión Europea terá que dedicar décadas a pagar unha débeda xerada para salvar a bancos irresponsables, xestionados por xerentes inservibles e os seus directores compinches”.
“A poboación con maior nivel de desemprego da Unión Europea terá que dedicar décadas a pagar unha débeda xerada para salvar bancos irresponsables"
Ata aquí a secuencia esperable dos feitos. E que gañamos? O chorro de liquidez de 100.000 millóns de Euros é o montante do que o goberno español presentou como “unha vitoria”, e o que non se pode negar, por si non estaba suficientemente claro, e que os destinos da banca e do Estado quedan así máis estreitamente vinculados; e o pago da débeda aos acredores internacionais queda máis garantido pola vía da conversión dos intereses das débedas privadas en nova débeda pública. Todo isto é un corolario do Pacto de Estabilidade (o que foi chamado Pacto polo Euro) impulsado por Angela Merkel hai agora un ano, que consagrou as políticas de austeridade e foi o motivo da nosa última e alevosa reforma constitucional.
Todo isto é un corolario do Pacto de Estabilidade (o que foi chamado Pacto polo Euro) impulsado por Angela Merkel hai agora un ano, que consagrou as políticas de austeridade e foi o motivo da nosa última e alevosa reforma constitucional
Habería que ver tamén que perdemos, e aquí o relato máis consistente do que pasa nos fala de democracias debilitadas que van perdendo lexitimidade a medida que se fai patente o compadreo entre os poderes do Estado para taparse as súas vergoñas (os casos Dívar e Urdangarín son sintomáticos ao respecto). Relativistas de conveniencia, asumimos que nada é o que parece e instalámonos no cómodo reino do eufemismo (”unha liña de crédito en condicións vantaxosas”!), dando por bo que política e verdade son espazos refractarios. Todo é maleable, e a transparencia se convirte facilmente en oposición a investigar toda clase de responsabilidades (Rodrigo Rato, Miguel Blesa, José Luis Olivas, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, Elena Salgado, Francisco Camps, Pedro Solbes, Esperanza Aguirre, José Luis Méndez, José Ramón Gayoso e tutti quanti); en realidade aceptamos o engano a falta dun relato mellor.
E entretanto, un futuro distinto para Europa? Para min que, como hai vintesete séculos, iso só será posible pasando de novo por Grecia
Esa falta de relatos que axuden a comprender o que pasa hai tempo que está diagnosticada (moito antes das subprime): os ideais de emancipación deixaron de ser atractivos, e no seu lugar cultivamos a cultura da irresponsabilidade, da queixa e da subvención, todo iso alentado polos espellismos do diñeiro fácil.
Falta distancia crítica diante da avalancha dos feitos, coller aire, resituarnos; para non caer no desánimo colectivo. Do que si teríamos que ser rescatados é da mediocridade inoculada polas omnipresentes pantallas, e construír novos ancoraxes vitais. E entretanto, un futuro distinto para Europa? Para min que, como hai vintesete séculos, iso só será posible pasando de novo por Grecia.